A banda estradense Pants Off publica “Invisibles”, o seu novo traballo en galego

Contaron co baixista estradense Pla Vinseiro na produción | O seu videoclip “Arquitectos” xa se poder ver nas redes | A formación creada no ano 2007 volve con “renovadas ilusións”

Brais Lomba, Fon, Diego Rodríguez e Rocky, na gravación do seu primeiro videoclip. |   // LUCAS TERCEIRO

Brais Lomba, Fon, Diego Rodríguez e Rocky, na gravación do seu primeiro videoclip. | // LUCAS TERCEIRO / Lois Docampo

A banda de rock estradense Pants Off ven de publicar o seu novo EP, composto por cinco temas integramente cantados en galego.Gravado en Bungalow studios (Santiago de Compostela), con Pla Vinseiro (baixista estradense da banda de metal catalana Crisix) na produción e Raúl Artana no mix, “Invisibles” amosa un son máis maduro por parte da banda. Unha clara base rock con lategazos punk e harmonías que varían dende o hardcore melódico ata o pop. No EP falan da súa visión do mundo, aparentemente en decadencia, pero tamén de temas máis íntimos e persoais. Sobre isto último destaca a canción “Arquitectos”, que conta coa colaboración de Dakidarría, banda punteira no panorama rock galego.

A banda, orixinaria da Estrada, comezou a súa aventura musical no 2007, cando se xuntaron uns rapaces de apenas dezasete anos con gustos musicais en común, e, logo dun longo parón, volveron a retomar o proxecto en 2018, con forza e ilusión renovada. “Motivados pola nostalxia e pola curiosidade de ver que seriamos capaces de facer anos despois, puxémonos de acordo para gravar unha serie de temas que verían a luz a finais de 2019 e principios de 2020. Viaxamos de novo a Pamplona e gravamos dous novos temas. Un son e unhas letras moito máis maduras, máis propias de xente que van rascando xa os trinta anos, cun enfoque altamente social, fóra xa do universo estudantil”, explican nese proceso de maduración lóxica como banda.

Nesta volta hai un cambio substancial, que é o idioma, xa que por primeira vez comezan a compoñer en galego. “O noso idioma tiña que estar presente na nosa música, polo que foi unha decisión fácil de tomar, e correcta”.

“Onde os ventos falan” foi a primeira canción publicada, a cal provocou a sorpresa de moita xente tras un proceso que levaron con bastante discreción. O segundo tema foi “Octubre” coa participación dos rapeiros Ezetaerre, o cal tivo tamén unha gran resposta e unha morea de comentarios positivos que pedían continuar a aventura. No seu momento álxido chegou sen embargo a pandemia e con ela todo se parou.

Agora, Pants Off regresa con novo traballo e renovadas ilusións.“O resultado de todo o proceso de gravación deixounos moi satisfeitos. Fixemos un gran esforzo compositivo e de interpretación para dar todo o que tiñamos e poder amosar ao público un son diferente, o cal practicamente non existe na península, e xa non digamos en galego, pero que é apto para case todos os oídos, apegadizo, pero potente e con rabia. Unha mestura moi interesante, que non deixa de beber desa corrente nada na década dos oitenta na costa oeste de Estados Unidos, pero soando en pleno 2022”.

“Con isto, consideramos un futuro algo incerto e sen saber moi ben a onde nos levará. Estamos moi comprometidos e ilusionados co proxecto, pensamos que pode resultar interesante e chegar a certo número de público, polo que sacamos o EP coa idea de defendelo en directo da mellor forma posible”, afirman dende a banda.

Una formación estable sen contar a batería

Ao longo dos anos, e sempre por motivos laborais ou de estudos universitarios, diferentes bateristas pasaron pola banda estradense, que sempre mantivo á marxe diso una formación bastante estable. O seu primeiro batería foi Ray, co cal comezaron a aventura na música, para continuar con Óscar Varela, Guillermo Castro e Lucas Terceiro. Actualmente a batería está cuberta por Brais Lomba, un vello amigo da banda, no seu día integrante de We Ride, que hoxe forma parte tamén de Keltoi. Así, a composición a día de hoxe é a seguinte: Rocky (Román Terceiro), voz e guitarra; Fonso (Alfonso Valcárcel), baixo e coros; Diego Rodríguez, guitarra e coros; e Brais Lomba, batería. Un colaborador importante de Pants Off é o realizador estradense Lucas Terceiro. El encárgase de boa parte do traballo gráfico do grupo. Nesta ocasión, foi o responsable tanto do seu primeiro videoclip, o da canción “Arquitectos”, como do segundo, que sairá nos próximos días e que sae do seu tema “Mexan por nós”.

Unha faísca da música de Green Day e Blink 182

Un vídeo de Green Day perdido na MTV entre Kyle Minogue e Madonna, unha canción de Blink 182 nunha peli de adolescentes ou a BSO dun videoxogo como Tony Hawk Pro Skater foron o fío polo que comezar a tirar para que uns rapaces da Estrada, que non chegaban aos quince anos, se volvesen tolos por este estilo musical, que os segue acompañando uns vinte anos despois.

Suscríbete para seguir leyendo