Os maquis en Deza

Os fuxidos, antifranquistas resistentes ou bandidos e salteadores de camiños

Nesta comarca deixaron pegada guerrilleiros coma Foucellas, O Piloto, Curuxás, pero tamén os rodeirenses O Largo e Areán ou os agoladeses Alaparte e Calistro

José Castro Veiga, apuntando con un arma y Ramón Rodríguez abatido sobre un carro | A Pena dos Mouros | Mosquetón de Benigno Andrade

José Castro Veiga, apuntando con un arma y Ramón Rodríguez abatido sobre un carro | A Pena dos Mouros | Mosquetón de Benigno Andrade / Ángel Utrera | Arquivos

Ángel Utrera

Hai uns par de anos fun á presentación do libro O Foucellas en Vila de Cruces, no IES Marco do Camballón, editado polo Clube da Lingua dentro da colección Palabras de Pedra baixo a coordinación dos mestres Diego Rodríguez e Sechu Sende. Inclúe unha serie de relatos orais recollidos polos alumnos da memoria dos seus maiores e trae o apunte engadido das explicacións do investigador Manuel Igrexas, bo coñecedor do tema dos guerrilleiros republicanos e dos represaliados en Deza, xunto coas dos escritores Ramiro Vidal Alvariño e Carlos G. Reigosa.

Nesta comarca foran moitos e en moi diversos lugares os coñecidos “fuxidos”, resistentes guerrilleiros para uns, bandoleiros desalmados para os outros. Non hai máis que recordar, como Igrexas facía no seu blog Historias de Deza hai tempo, a historia da resistencia armada ao franquismo en Deza e as lembranzas de figuras míticas na memoria dos pobos, como as de Benigno Andrade García, Foucellas, entre outros.

A figura destes derradeiros resistentes antifascistas xorde ao rematar a guerra civil e negarse á rendición incondicional diante da onda de represión e morte, en ocasións sen tan sequera un xuízo coas mínimas garantías de imparcialidade e xustiza. Pequenas partidas de soldados republicanos refúxianse nos lugares máis inaccesibles, nos montes de As Cruces, Rodeiro, Agolada ou Lalín, así como tamén nas terras veciñas de Abeancos e na Ribeira Sacra, plantándolles cara ata a morte.

Monolito en memoria de Curuxás en Vilamor, concello de Toques. |  // ARQUIVO A.P.

José Castro Veiga, O piloto, abatido xunto ao encoro de Belesar / Angel Utrera

Entre aqueles guerrilleiros destacamos en primeiro lugar a figura de Benigno Andrade García. Nacido nas Foucellas, en Mesía –daí o seu alcume–, o 22 de outubro de 1908 e morto o 8 de agosto do 1952 a garrote vil, no cárcere de A Coruña, despois de ser condenado nun consello de guerra. Nos seus trece anos de fuxido figuran centos de anécdotas, como a de asistir a un partido de fútbol en Riazor vestido de crego ou deixar a súa firma nun bar da Coruña cun “Aquí estivo O Foucellas” e tantas historias, algunhas verdade, outras froito da invención popular e a fantasía das xentes que deron orixe ao termo foucelladas, como trasnadas, ousadía ou atrevemento.

Os fuxidos, antifranquistas resistentes ou bandidos e salteadores de camiños

Ramón Rodríguez Varela, Curruxás, nunha imaxen sen datar / Angel Utrera

Nun lugar próximo aos castros de Amarante, Borraxeiros e Trascastro, na fronteira natural de Agolada, atopamos un rochedo impoñente, furado no seu interior, coñecido como A Pena do Couto dos Mouros, ao carón dunha laxe inmensa da que usaban os rapaces hai anos para lanzarse en carretillas feitas por eles mesmos ata aterrar sobre os toxos e xestas. Aquí atopamos cimas dos montes de O Outeiro, con 646 metros de altitude ou Pico Longo, con 762. No seu interior, contan os vellos, tivo durante anos unha das súas guaridas o fuxido Foucellas, sen que a Garda Civil fora quen de atopalo.

A súa lenda comeza cando se pon á fronte, en 1941, dunha partida de guerrilleiros, restos dos resistentes republicanos do derrotado exército da República, fuxidos dos batallóns disciplinarios e dos cárceres, actuando polas terras de Sobrado dos Monxes e Arzúa, acadando sona de hábil e escurridizo ao escapar polos pelos de diversas emboscadas da Garda Civil. Despois dun tempo de fuxido en solitario, en 1943, contacta co grupo de resistentes do Tenente Freijo, que viña loitando e montando operacións de castigo e sabotaxe ás forzas da Garda Civil de Lugo, operando dende entón en Curtis e Ordes, entre outros lugares.

A súa forma de actuar, sutil, rápida e sen deixar pegadas, valeulle a admiración dos veciños do interior do país, que recoñecían o seu valor e a loita polas liberdades, o que foi forxando lentamente a lenda do Foucellas, con admiración, respecto e tamén algo de medo, chegando a atribuírselle multitude de roubos e actuacións, moitas das cales foron máis que evidente froito da imaxinación popular que da realidade.

Outra das figuras míticas da resistencia guerrilleira foi a de Benjamín García Diéguez, O Largo, nado en 1916 en Barbeitos (Negrelos-Rodeiro), alístase en 1936 no Tercio e en 1938 deserta do Exército. Únese a Ramón Sánchez, nado en 1912 en Areán, na parroquia de Az, e coñecido como Areán, que permanecía fuxido nos montes de Rodeiro polo temor ás represalias pola súa actuación durante o réxime republicano. Ambos contactan con outros fuxidos na serra do Faro e na zona de Chantada, en concreto co grupo que encabeza Salvador Valcárcel Montenegro, Recarei, e do que forman parte outros dous veciños de Arcos.

Os fuxidos, antifranquistas resistentes ou bandidos e salteadores de camiños

Monolito en memoria de Curruxás en Vilamor, concello de Toques / Angel Utrera

Ramón Sánchez, que fuxía de Rodeiro, refuxiándose na fronteira portuguesa, onde se dedicaba ao contrabando cun cómplice policía, foi detido en Pazos (na parroquia de Cadós, do concello de Bande) o 12 de setembro de 1940. Xulgado e condenado a morte en consello de guerra, foi executado en Ourense o 14 de abril de 1941.

Recordemos tamén, como apunta Igrexas, as figuras de Adolfo Fernández Asorey, Alaparte, de Merlín (14 de maio), e José Castro Prieto, Calistro, de Val de Sangorza (6 de setembro), que, detidos inicialmente no ano 1941, ao ser liberados, forman as súas partidas, que actúan na serra do Farelo e terras de Agolada.

Pero tampouco podemos esquecer a resistencia doutro dos guerrilleiros emblemáticos da comarca, sobre todo na Ribeira Sacra, coñecido como O Piloto. José Castro Veiga (O Corgo, Lugo, 11 de febreiro de 1915-San Fiz de Asma, Chantada, 10 de marzo de 1965), foi o derradeiro guerrilleiro na loita antifranquista en Galicia. Abatido pola Garda Civil preto do lugar de Pesqueiras, no encoro de Belesar, posiblemente a imaxe final da súa vida foron as frías augas do río dos ríos galegos, o Miño.

Con 16 anos ingresa no corpo de Aviación, en Madrid, e obtén o grao de cabo, velaí o alcume co que foi coñecido de por vida: O Piloto. A súa historia comeza rematada a Guerra Civil, na que loitou en defensa da II República. Condenado a 30 anos de cadea, foi indultado ao cabo dos catro de reclusión. Regresa en 1945 á súa terra, despois de traballar nun hospital, e inmediatamente contacta con outros resistentes políticos na clandestinidade, militantes do partido Comunista, e foxe agochándose nas fragas e aldeas da Ribeira Sacra, onde, xunto con José Arias Cristo, forma un grupo armado para continuar a loita contra o réxime usurpador franquista.

A súa actividade como guerrilleiro declina a partir de 1949/50, como consecuencia do recoñecemento nos foros internacionais do réxime franquista, polo que a resistencia armada séntese traizoada e queda practicamente abandoada cos seus escasos recursos e moitos grupos son reducidos en enfrontamentos coa Garda Civil, cada vez máis preparada e mellor dotada, amén dos delatores que lle informan dos movementos dos maquis, cada día máis acurralados. Deste xeito, cada vez máis deles intentan fuxir e poñerse a salvo en outros países. Malia que finalmente queda só, O Piloto non pensa en abandoar a súa loita, e persiste nela, máis aínda cando coñece a Ramona Mirella Curto, coa que inicia unha intensa relación sentimental e chega a vivir na clandestinidade durante anos e que ía ser coñecida como Mirelle, segundo el mesmo a bautiza.

Grazas á axuda da veciñanza e amigos, consegue resistir agochado máis de vinte anos. Lugares como Sernande ou Santa Uxía de Asma foron dos seus preferidos, sobre todo ata que a construción do encoro dos Peares deu coa posibilidade de moverse libremente por aquelas terras da Ribeira Sacra, xa que os veciños tiveron que abandonar as súas casas, algunhas das cales utilizaban para pasar a noite e permanecer agochados, nos seus sobrados e palleiras.

O 27 de maio de 1954, nun enfrontamento en Paradela (Castro Rei) coa Garda Civil perde a maior parte dos seus homes, o que lle obriga a quedar inactivo durante os anos 1955/56, realizando ocasionalmente atracos, polo que alcanza sona de bandoleiro e salteador. O último delito que se lle imputou foi un atraco a man armada no Saviñao, no que rouba 15.000 pesetas a un veciño do lugar, en concepto, segundo declarou o afectado, de “multa que lle impón o Goberno lexítimo da República”.

Os fuxidos, antifranquistas resistentes ou bandidos e salteadores de camiños

Benigno Andrade, nome real deste famoso guerrilleiro, exposto no museo militar da Coruña / Angel Utrera

A súa historia remataría na zona que foi a súa casa en 1964. Recoñecido por un antigo compañeiro do servizo militar no Saviñao, foi denunciado. O 10 de marzo de 1965, preto de Belesar, a Garda Civil de Chantada, segundo consta no seu informe, descóbreo mentres está a almorzar sentado nunha pedra preto dun rego e comínao a se entregar, respondéndolles a tiros, polo que non tiveron máis remedio que abatelo. A realidade foi certamente moi diferente ao informe oficial da súa morte, no que foi calificado como “tristemente célebre forajido”. Tiña 50 anos de idade e pasara máis de 20 como fuxido, resistente armado contra a ditadura de Franco. O daquela forense de Chantada, Luis Vázquez Álvarez, analizou o cadáver e firmou o certificado de defunción, no que, como causa da morte, se indica unha “hemorraxia cerebral”.

Vinte anos máis tarde da súa desaparición, a esquerda do noso país deu en organizar un encontro para tributarlle unha homenaxe. Invitados ao evento os líderes comunistas da época (Gerardo Iglesias, Enrique Líster, Ignacio Gallego e Santiago Carrillo), non acudiu ningún deles. O Piloto xa era historia, auga pasada que non move muíño, e xa non interesaba politicamente. Os seus restos descansan para sempre no cemiterio de San Fiz de Asma, aínda que non puido ser ata o ano 1986, concretamente o 9 de Marzal, que na súa tumba fora colocada unha lápida en recordo da súa actividade guerrilleira e o seu nome.

Tamén temos que traer a memoria os relatos de Carlos Parrado sobre a vida do máis que famoso Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, o home que os gardas de Franco xamais puideron deter e que ía manter a loita armada e resistencia contra o réxime fascista ata 1967. Tras máis de trinta anos actuando como fuxido e guerrilleiro pola zona de Toques, Melide, Sobrado dos Monxes, a súa morte aínda hoxe permanece sen desvelar na súa totalidade.

Ramón Rodríguez Varela naceu en Toques en 1904 e fixo parte do Sindicato Mineiro da CNT en Lousame. A partir de 1936 acada sona como guerrilleiro baixo o alcume de Curuxás. A súa primeira acción de envergadura foi roubar a nómina da mina o 14 de Abril de 1937. No 1941 escapa dunha celada na súa casa familiar matando a un garda civil. Andou cun grupo vencellado ás sociedades agrarias e obreiras polas terras do Alto Ulla, en Agolada e no Barbanza. Colaborou coa IV Agrupación do Exército Guerrilleiro e cos restos do Grupo Neira.

Unha sonada anécdota dá conta de que en Vilouriz, mentres a Garda Civil rexistraba a casa de Damián, na que permanecía agochado Curuxás, o número Jesús Furelos, tras subir por unha esqueiriña e asomar a cabeza nun pequeno cuarto do fallado, descobre o lacón, como o chamaban polo seu alcume, e a súa nove longa apuntándolle entre os ollos, ao que responde con toda a tranquilidade da que foi capaz: “Aquí no hay nadie”.

Tanto estes como os do grupo volante da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, dirixido por Manuel Simón Campos, Xanote, que fundamentalmente actuaba na zona de Vigo, desprazándose ocasionalmente ata a Serra do Candán para dar os seus golpes de man, se apoiaban e contaban coa axuda dunha moi boa rede de informadores, simpatizantes republicanos, veciños e amigos dos fuxidos que en ocasións lles subministraban acubillo, alimentos e refuxio, así como información valiosa contra as batidas cada vez máis intensas e a represión sobre os familiares e amigos dos denominados polas autoridades como bandoleiros.

Foi esta intensa actividade guerrilleira a que levou ás autoridades ao establecemento dun posto permanente da Garda Civil en Lalín, no ano 1947, especializado na loita contra a guerrilla armada, que ía progresivamente rematar un a un coa resistencia destes fuxidos nas terras de Deza, Trasdeza, Tabeirós, Terra de Montes, Melide e Chantada, ata a pacificación definitiva xa ben entrados os anos sesenta do pasado século.

[Para saber máis das historias destes resistentes antifranquistas, recomendo os libros Memoria da represión e memoria histórica, de Manuel Igrexas; Fuxidos de sona, de Carlos G. Reigosa; Curuxás, o último guerrilleiro, de Carlos Parrado; ou Foucellas, de V. Luis Lamela García.]

Suscríbete para seguir leyendo