Activan o proxecto de museografía dixital dos mosteiros de Carboeiro e Aciveiro

A Deputación anuncia a redacción da actuación, orzamentada en 275.000 euros, para licitala na primavera | Proporcionará unha experiencia inmersiva sobre a historia dos monumentos

Visitantes no interior da igrexa monacal de Carboeiro. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Visitantes no interior da igrexa monacal de Carboeiro. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / R. L.

R. L.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo un encontro co alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, durante a súa estancia en Fitur, para anunciarlles a redacción do proxecto de museografía dixital dos mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, que permitirá complementar as visitas destas dúas xoias do románico da provincia a través das TIC. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Sostibilidade en Destino Deza-Tabeiros Camiños por dentro, que acadou financiamento no marco do Plan Nacional de Sostibilidade Turística convocado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno de España con fondos europeos Next Generation.

Este plan, dotado con máis de 2 millóns de euros de presuposto, contempla entre as súas accións a posta en valor dos mosteiro de Carboeiro e Aciveiro, e a implementación destes proxectos de museografía dixital permitirán facer un mellor aproveitamento turístico de ambos monumentos. A diagnose participativa, que se levou a cabo durante a elaboración do Plan de Sostibilidade, identificou a oportunidade destes recursos turísticos vinculados aos Camiños de Santiago e, en concreto, estes dous mosteiros, recursos insignias do territorio, que dotan de profundidade patrimonial a oferta turística do destino xogando un papel vertebrador na identidade do territorio.

O proxecto, que conta cun orzamento de 275.000 euros, ten como obxectivo proporcionar ao visitante unha experiencia inmersiva co obxectivo de explicar a orixe e o desenvolvemento histórico destes dous conxuntos históricos, a función que cumprían como receptores de peregrinos e a súa relación coa paisaxe e como articuladores do territorio. Traballarase en soportes físicos e dixitais que melloren a experiencia do visitante e a comprensión do conxunto, así como espazos de interpretación que contribúan a comprender o seu papel histórico. Amais, a museografía dixital conseguirá que a Ruta do Císter en Galicia conte así con dous recursos de primeiro nivel dixitalizados cara ao turismo estatal.

A creación de experiencias inmersivas e envolventes mediante un sistema de realidade aumentada permitirá engadir capas de información visual sobre os recursos e comprender os valores universais asociados a estes. Para iso, o visitante poderá descargar previamente o contido desde unha Smartguide. En Carboeiro ademais, unha voz en off e un mapping proxectado no interior transmitirá o seu valor artístico. Actuacións que parten das reclamacións dos axentes locais para mellorar o aproveitamento dos recursos turísticos. Pola súa banda, Aciveiro disporá de soportes físicos e soportes dixitais nos que, amais de explicar o mosteiro como recurso turístico, tamén se engadirán outros elementos que dependían de Aciveiro e que son únicos en Galicia como as Neveiras de Fixó.

Durante a redacción dos proxectos realizarase un encontro de traballo entre os concellos e os colectivos ou entidades vinculados a estes espazos, de tal maneira que na primavera o proxecto estea xa aprobado para poder licitar a súa execución. O obxectivo final é que en Fitur 2024 estes elementos estean xa musealizados e sexan un atractivo a presentar na próxima edición desta gran feira do turismo internacional.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza-Tabeirós elaborado pola Deputación de Pontevedra ten como obxectivo promover a transformación do sector turístico na comarca, orientalo cara a un modelo ecoturístico do Camiño e convertelo nunha experiencia memorable para as e os viaxeiros. Ao seu abeiro contémplanse catorce actuacións organizadas en catro eixos programáticos: transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.