Unha homenaxe entre verbas e debuxos no colexio do Foxo

O escritor Paco López-Barxas plantou un carballo e inaugurou un recuncho na biblioteca co seu nome

Paco López Barxas foi o protagonista do día no colexio estradense.  | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Paco López Barxas foi o protagonista do día no colexio estradense. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O colexio do Foxo recibiu onte un novo persoeiro da cultura galega, nunha iniciativa enmarcada no seu programa de dar a coñecer aos seus alumnos o traballo de diferentes escritores e pensadores. Nesta ocasión o elixido foi o escritor e xornalista Paco López-Barxas, quen presentou ademais o seu último traballo, titulado “A historia de Ramón”. Foi unha entretida xornada, na que as verbas do escritor se uniron cos debuxos da ilustradora Isabel Pintado para entreter aos nenos ao tempo que lles mostraban algúns dos segredos da creación literaria deste seu novo traballo.

Unha homenaxe entre verbas e debuxos no colexio do Foxo

Unha homenaxe entre verbas e debuxos no colexio do Foxo / REDACCIÓN

Como é habitual nestas homenaxes organizadas no centro escolar do Foxo, a directora, Rosa Ferreira Castro, e os alumnos recibiron ao escritor á entrada do colexio. Despois foron ao xardín, onde Paco López-Barxas plantou un carballo que medrará a partir de agora entre outros que en anos anteriores foron plantando outros persoeiros no mesmo espazo. Os nenos realizaron entón unha performance con palabras relacionadas co escritor e coa súa obra e leron un poema adicado a el.

Posteriormente entraron la biblioteca “Xosé Neira Vilas”, onde o invitado inaugurou un recuncho co seu nome. Alí, López-Barxas ofreceu unha charla na que falou de literatura e arte, pero non estivo so. Xunto el participou a súa parella, a ilustradora Isabel Pintado, quen ao mesmo tempo ía facendo debuxos relacionados cos temas que se estaban a falar. Estas ilustracións quedaron como regalo para o centro escolar, así como algúns libros firmados para os alumnos e os profesores. A mensaxe transmitida polo escritor aos nenos nesta actividades foi que os libros son salvocondutos para poder entrar no mundo dos soños.

López-Barxas licenciouse en Filosofía e Letras na Complutense de Madrid, onde viviu e dirixiu revistas de literatura e tamén foi profesor de lingua e literatura española. A comezos da década dos noventa regresa a Galicia para encargarse da dirección do Xornal Diario para entrar despois na TVG. Como curiosidade, o seu segundo apelido é Rodríguez, pero presume do alcume de Barxas polo seu lugar de nacemento, Ponte Barxas.