Un castro inédito en Brenzos de Abaixo

Parte dun muíño de man atopado no castro fai de chanzo nun hórreo. |   // FOTOS: DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Parte dun muíño de man atopado no castro fai de chanzo nun hórreo. | // FOTOS: DANIEL GONZÁLEZ ALÉN / daniel gonzález alén

daniel gonzález alén

A toponimia, o emprazamento, os achádeos de muíños e moedas rexistrados, os novos planos e mapas con abundante detalle e o exame pormenorizado do terreo, non deixan lugar a dubidas: Coa axuda dos veciños, localizamos un castro inédito en terras de Brenzos de Abaixo na parroquia de Losón, mesmo no lindeiro coa de Busto, nun cotarelo elevado a uns 500 metros de altitude e con ampla visión da contorna, chegando polo poñente a dominar a veciña do Deza ata os montes da Rocha, O Chamor e a Serra do Candán.

Un castro inédito en Brenzos de Abaixo

Pista de acceso ao castro. / daniel gonzález alén

Meses atrás, un informante de Losón a quen tamén lle debemos a localización duns petróglifos de ferraduras en Brenzos de Arriba, mandou aviso para que foramos ollar uns terreos agora a monte con arboredo, os mais deles eucaliptos, que en tempos foron carballeira e estivada, sendo coñecidos dende tempo inmemorial coa denominación de O Castro, case equidistantes entre os lugares de Brenzos de Abaixo e Sanmartiño do Ermo, ambos da parroquia de Santa Baia de Losón. Case ao mesmo tempo, nunha visita a parroquia de Busto, ollamos na casa dun veciño a parte inferior dun muíño de man circular castrexo, que polo tamaño semella romano, servindo aquí de chanzo para un hórreo e segundo nos contou, procedía dunha leira situada no Castro. Logo xa no castro que está atravesado por unha pista da concentración parcelaria resultado de ampliar en 2015 un antigo camiño que ía de Busto a Brenzos, comprobamos que malia desfeita ocasionada pola pista, os traballos agrícolas e forestais e o carreto de pedras para os valados e outras construcións da zona, vese a coroa castrexa cun diámetro de 75 metros e parte dos terrapléns e murallas que a circundaban. Alí sobre o terreo o noso informante mostrounos o lugar onde atopara o muíño de man, ao pé da croa cara o poñente.

Un castro inédito en Brenzos de Abaixo

Moedas como as aparecidas no castro. / daniel gonzález alén

Posteriormente contactamos con outro veciño que atopara recentemente outros dous muíños de man castrexos, concretamente unha moa enteira e outra pola metade, contra o sur da croa, que deixou enriba dun valado e que polo que puidemos comprobar alguén os levou de alí. O mesmo veciño, contounos que no castro andaran cun detector de metais na década dos oitenta do pasado século, atopando preto da croa polo sur, catro denarios nun burato e logo dous mais noutro, datados todos eles no século I d.C., segundo lles dixera un numismático catalán de orixe ourensán, ben coñecido por ter publicado libros desta temática, que llos mercou aos buscadores de tesouros que as atoparon. Preto do lugar do anterior achádeo, cara o leste, os mesmos buscadores atoparon dous sestercios de bronce e dous ases temen desta mesma aliaxe, nun radio duns 3 metros e a uns 30 centímetros de profundidade, que tamén foron parar as mans do mesmo coleccionista catalán.

Fincas dos Taboada de Liñares

As fincas onde se atopa o castro, foron propiedade dos Taboada do Pazo de Liñares que tiveron casa solar en Brenzos. Os castros mis próximos son os de Losón e Anzo, distantes pouco mais dun quilómetro e os tres en liña. A principios do século actual, foron obxecto de concentración parcelaria ampliándose o camiño e adxudicando os terreos a particulares. Daquela o investigador e amigo Antonio Presas, ollara os planos da parcelaria e reparara no topónimo Os Castros, pero sobre o terreo non atopou estruturas castrexas, nin a tradición oral facía referencia ao castro, ao igual ca nos nosos días. O mesmo investigador publicara con Xoán Carlos G. Porral, o libro O mundo dos castros (2006), rexistrando 120 castros da comarca de Deza, que na actualidade logo das nosas descubertas dos castros da Igrexa en Eideán (Agolada) e deste de Brenzos, pasan a ser 122, sen desbotar que poidan aparecer mais no futuro. Agora compre que Patrimonio proceda a catalogación do castro e o Concello de Lalín o inclúa no seu PXOM.

Os nosos informantes da zona, tamén nos deron conta dun escoiral mineiro de estaño e dun castrelo medieval do que fican os alicerces. Quedan pendente de estudo e publicación para cando teñamos tempo e vagar.

Suscríbete para seguir leyendo