Os nomes do exilio

A Asociación Vagalumes recolle unha listaxe coa historia de 17 refuxiados estradenses que fuxiron do franquismo

A estradense Concepción Pazo dando clase no exilio.   | // ASOCIACIÓN CULTURAL VAGALUMES

A estradense Concepción Pazo dando clase no exilio. | // ASOCIACIÓN CULTURAL VAGALUMES / nerea couceiro

Ao igual que no resto de Galicia e do Estado español, na Estrada tamén foron moitos os veciños e veciñas que precisaron da solidariedade e da axuda doutros para poder fuxir do réxime franquista e atopar refuxio entre as fronteiras doutros países, a maioría en América Latina. En concreto, a Asociación Cultural Vagalumes recolle unha lista con 17 nomes, que son os seguintes: Agra Rey, José María; Alonso Rivas, Avelino; Costa Ramos, Juan; Fernández Rodríguez, José; García Caramés, Alfredo; Gómez Puente, Juan; Gómez Andrade, Manuel; Mosteiro Melia, José; Nodar Brey, Jesús; Pazo Álvarez, Eduardo; Pereira Renda, Virginia; Rey Pereyra, Ismael. A maiores das anteriormente mencionadas, hai outras catro persoas das que conseguiron reunirse máis datos.

Chacón Bergueiro, Severino.

Nado en Parada, A Estrada, o 14 de novembro de 1884 e finado en Madrid o 31 de xullo de 1978. Fillo dunha familia de campesiños, traballou como canteiro en Ferrol (1897) onde entrou en contacto coas organizacións obreiras. Trasladouse a Coruña en 1903 e converteuse en referente sindical. En 1905 emigrou a Cuba e militou na Agrupación Socialista da Habana. Retornou a Galicia en 1908 pero regresou moi pronto á Habana. Foi expulsado de Cuba en xullo de 1911. En 1916 constituíu na Coruña a Unión Tabacalera, primeiro sindicato de clase das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. Foi candidato nas eleccións á alcaldía de 1917 pola Agrupación Socialista da Coruña. En 1918 a Unión Tabacalera federouse na UGT baixo a súa influencia. Deixou o PSOE en 1921 formando parte do Partido Comunista Obrero Español. Presidiu desde A Coruña a Federación Tabaquera Española, de carácter autónomo, e na que se integrou o persoal das fábricas de tabacos do Estado. A sublevación do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno na Coruña, onde estivo agochado un ano, antes de fuxir por mar cara a zona republicana. Pasou a Valencia e incorporouse á UGT. Exiliado en Francia en 1939, formou parte da Executiva Federal da UGT no exilio francés. Logo marchou a Santo Domingo (1939-1940), Venezuela (1940-1946), regresou a Francia (1946-1950), marchou a Checoslovaquia (1950) e volveu a Venezuela (1950-1967). Retornou a Madrid en 1967, onde faleceu en 1978.

López López, Celestino.

Estradense do Grupo Republicano que fora presidente do Sindicato de Viaxantes de Comercio de Vigo, da UGT. Casa en 1935 coa mestra tamén exiliada María Concepción Pazo Álvarez. No 36 estivo agochado xunto co seu cuñado Eduardo durante un ano. Tivo que fuxir cara a México onde formou parte da Alianza Nazonal Galega. Alí foi distribuidor de cine e chegou a escribir un libro de gran valor antropolóxico, La vida en el Amazonas.

Pazo Álvarez , Concepción.

Mestra Nacional que se exilia en México, xunto co seu home Celestino López López. Alí foi mestra no Colegio Madrid, centro que acolleu ao republicanismo español exiliado nese país. Coa morte do home en 1963 regresa a Galicia en 1971 e morre en 1980.

Illa Couto, Ramiro.

Nado en Arnois, A Estrada, sendo moi novo emigra a Bos Aires, onde estuda na Escola de Comercio ó tempo que traballaba cun tío seu. En 1917 volve a Galicia, fai o servizo militar en Marrocos e incorpórase ás Irmandades da Fala. En 1922 regresa de novo a Bos Aires como representante da Irmandade Nazonal Galega de Vicente Risco e participa na fundación dunha delegación da mesma que edita a revista “Terra”. Posteriormente súmase a Sociedade Nazonalista Pondal e no ano 1931 volve a Galicia para participar nas actividades do Partido Galeguista. Despois do golpe de Estado de xullo de 1936 foxe a Portugal e de alí a Francia, sendo delegado en París das Sociedades Hispanas Confederadas. Despois exíliase en México, onde participa nas actividades políticas e culturais dos galeguistas.Dende México viaxa a miúdo a Colombia e Venezuela. Neste último país establécese nos anos 50 para volver definitivamente a Galicia en 1956. Na súa etapa mexicana escribe para Vieiros e Saudade. Desta última revista foi editor do número 3.

[object Object]

Nesta liña, o colectivo presenta no MOME o libro Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, escrito por Roberto Mera, e que conta a historia de seu tío bisavó, quen podería ser considerado o Schindler galego ao poñerse á front de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, e organizar dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México. Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando os exiliados, ate verse na obriga de fuxir ao ser perseguido pola Falange e a Gestapo. O acto arrancará ás 20.00 horas, e contará coa intervención do propio autor, así como coa de David Otero, pertencente á Fundación Alexandre Bóveda e tamén escritor, que dedicará unhas palabras a esta lectura, así como á importancia do tema que trata.