Xosé Barrio, un mecánico de Silleda entre ferros e madeira

Retornou logo de traballar durante case corenta anos nun taller en Andorra

Barrio, diante dunha casa para os rapaces que se transforma en sauna.

Barrio, diante dunha casa para os rapaces que se transforma en sauna. / Daniel González Alén

daniel gonzález alén

Mandou recado o sacerdote José Katanga para que foramos ollar un orixinal e bonito belén que un veciño de Martixe – unha das catorce parroquias que este animoso cura rexe en Trasdeza- instalara na igrexa parroquial. Non esaxeraba o celoso párroco, que nos acompañou na visita xunto co escritor e investigador José María Ezequiel Ferrer, ao indicarnos que era un nacemento artesanal de certo mérito do que fixemos uns retratos coa idea de dalo a coñecer nos medios de comunicación neste tempo do Nadal, no que, en cada pobo, en cada aldea e en cada casa, todos procuramos algunha decoración para animar e recrear o ambiente destas festas tradicionais.

Interesados por saber quen era o autor deste orixinal e ao mesmo tempo sinxelo belén de Martixe, o propio sancristán Antonio González Montoto, que nos franqueara a porta da igrexa, deu razón de que fora feito polo veciño Xosé Barrio Taboada, ben coñecido no concello de Silleda por ter na vila un acreditado taller mecánico e pola súa habelencia, de xeito especial, nos labores coa madeira: carpintería, ebanistería ou tallista, pero tamén noutros oficios como electricista, fontaneiro, canteiro ou albanel. A maiores, aínda ten tempo para traballar horta e xardín, producir aceite e sidra ecolóxicos das plantacións de oliveiras e maceiras que ten ao redor da casa e por se todo isto non fora dabondo, tamén procura e pica a leña para quentar a súa casa ben rehabilitada por el mesmo, na que non falta detalle nin servizo e que comparte coa súa dona Rosa, no lugar de Paradela.

Taller no Foxo

Aínda que a profesión e dedicación de Antonio, como xa indicamos, é a de mecánico de automóbiles multimarca nun negocio instalado no camiño do Foxo de Silleda, coa denominación de “Talleres Barrio”, aínda que todos o coñecen polo taller do Andorrano, xa que con poucos meses foi vivir para aquel Estado dos Pirineos cos seus pais, no que botou case corenta anos desempeñando o oficio de mecánico, e onde coa súa dona criaron dous fillos que viven aló. En 2006 o matrimonio retornaría, para vivir aquí e instalar o referido negocio de automoción.

Barrio o carón do Belén que artellou na igrexa de Martixe.

Barrio o carón do Belén que artellou na igrexa de Martixe. / Daniel González Alén

Logo de ollar o Belén de Martixe –que mantén a composición tradicional da mula e o boi, co Neno nun berce que artillou cun par de troncos dun vello loureiro ao que o vendaval lle esgazou unhas pólas–, fomos ver varias figuras feitas tamén de troncos de sobreira á casa de Benito “o das Escavacións”, en Ansemil, e tamén ollamos fotos de numerosas realizacións feitas por este artesán afeccionado, coas que vén agasallando aos amigos ou que garda e usa na súa propia casa, como unha casiña para cativos que se transforma en sauna, un estanque para peixes, diverso mobiliario feito de palés, que foi o seu inicio nesta afección, para agasallar aos seu fillos con mesa e asentos de xardín, ou unha recreación dunha taberna, que se mostra no Bodegón de Esther da vila de Silleda.

Outra realización deste artesán en Ansemil.

Outra realización deste artesán en Ansemil. / Daniel González Alén

Coidando que o labor de Xosé Barrio ben merece ser publicamente coñecido e que que esta historia encaixa ben nestes días do Nadal, traémola aquí desexando que continúe traballando co mesmo empeño, agasallando aos amigos e mesmo serva de exemplo e homenaxe para outros mañosos que de xeito anónimo saben aproveitar os intres de ocio, para facer cousas de proveito para si e para a colectividade.

Suscríbete para seguir leyendo