Tabeirós no mapa da literatura galego-portuguesa

Un artigo asinado por Mercedes Brea na revista “Miscelánea” sitúa aos trobadores Pero Velho e Pai Soarez nesta parroquia estradense

Unha das ilustracións do Códice Rico onde figura o rei Afonso X de xeonllos.

Unha das ilustracións do Códice Rico onde figura o rei Afonso X de xeonllos. / nerea couceiro

A tradición literaria da zona de A Estrada é indiscutible. Son numerosos os autores e autoras que se criaron nas terras da comarca de Tabeirós, atopando nelas a inspiración para escribir os seus primeiros textos, converténdose máis tarde en referentes da literatura do país. Con todo, esta tradición pode que se remonte a moito antes de que sospeitamos, como plantexa a filóloga y catedrática recentemente retirada Mercedes Brea, nun artigo para a revista Miscelánea en outubro do 2011, titulado Os trovadores de Tabeirós.

Neste escrito de carácter divulgativo, Brea introduce o tema coa seguinte cita en relación á cantiga número 142 recollida no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. “Esta cantiga fez Pero Velho de Taveiroos e Paay Soarez, seu irmaao, a duas doncellas muy fremosas e filhas d’algo assaz que andaban en cas dona Mayor, molher de dom Rodrigo Gomez de Trastamar”. Así, vincúlase aos dous autores de dita composición, Pero Velho e Paay Soarez, a un lugar chamado Taveiroos. Posteriormente, a doutora procede a cotexar as diversas hipóteses da academia en torno á identidade e procedencia destas figuras para intentar esclarecer se ese Taveiroos é o mesmo que da nome á nosa comarca.

Comeza pois expoñendo que “Carolina Michaëlis de Vasconcelos identificara a Pero Velho con Pero Soares Escaldado, pertencente á liñaxe portugueso dos Velhos, apoiándose nas súas relacións de parentesco con Maria Pais Ribeira e tamén na súa vinculación (e a de seu irmán) a outro trobador, Martin Soarez. Pero António”. Quedaría pois, desbotada a relación entre a zona da Estrada, polo menos, Pero Velho. Porén, Brea continúa explicando que “António Resende de Oliveira, estudando atentamente os Livros de linhagens medievais, non atopa na familia dos Velho ningún Pai Soarez que puidera ser irmá do Escaldado... tampouco ningunha mención que permita asociar unha familia ‘de Taveirós’ ós Velho Portugueses”, engadindo que “pola contra, destaca a existencia de Taveirós (ou Tabeirós) como topónimo galego e, aínda máis, advirte que o Livro de linhagens do Conde Don Pedro preservou un elemento indicador da existencia dunha liñaxe galega con ese nome na figura de D. Rica de Taveirós. Ademais, aparece mencionado un D. Vasco Peres de Taveirós, que tanto polo apelido e nome de familia como pola cronoloxía, pode ser fillo de Pero Velho”.

En canto a Pai Soarez, de quen, segundo apunta a catedrática, ademais da cantiga 142 se conservan outras dez de amor e tres de amigo, apunta que “unha das razóns que levara a C. Michaëlis a supoñelo portugués foi a identificación de Pai Moniz cun noble portugués, sen ter en conta que na documentación galega do mesmo período aparecen polo menos tres individuos do mesmo nome pertencente a otras tantas liñaxes galegas; Paio Moniz de Rodeiro, Paio Moniz de Refronteira e Paio Moniz Varela. De se-lo primeiro, o contexto xeográfico (Rodeiro), non nos levaría moi lonxe das terras de Tabeirós”.

Isto, xunto coa vinculación no texto citado dos trobadores coa casa de D. Rodrigo Gómez de Trastamara, “conducen a facer máis verosímil a hipótese de que o Taveirós que aparece como nome de familia destes trobadores corresponda efectivamente ó que forma parte na actualidade do concello da Estrada”, conclúe Mercedes Brea. De ser así, contaríamos nas nosas terras con dous persoeiros que contribuíron cos seus textos a cultivar a literatura galego-portuguesa. Sumaríanse así estes dous nomes á ampla lista de ilustres da zona, e situaría a Tabeirós, e con el á Estrada, no mapa da crítica literaria centrada neste período histórico.

A filóloga estradense achega tamén a mención a outros documentos, “además do xa citado que menciona a Vasco Perez de Taveirós”, que poderían confirmar a hipótese plantexada neste artigo do 2011 da revista Miscelánea.

Suscríbete para seguir leyendo