Antón Cortizas gaña o Arume de Poesía con ‘Os versos da mariola’

O escritor ferrolán recollerá o galardón este venres nun acto na Cidade da Cultura

O escritor ferrolán Antón Cortizas, gañador do Premio Arume.

O escritor ferrolán Antón Cortizas, gañador do Premio Arume. / SALOMÉ SOUTELO

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Os versos da mariola é a proposta que este ano recibe o Premio Arume de Poesía, trala decisión do xurado que conforman o presidente de Galix, Xosé Antonio Perozo, e as representantes da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán e Pilar Sampedro.

A obra do escritor ferrolán Antón Cortizas, como indicou o tribunal do premio, é unha proposta lúdica e atraínte tanto pola súa orixinalidade como pola riqueza da linguaxe que emprega. Nela, Cortizas reivindica o xogo tradicional a través da poesía, de maneira que o libro se converte “nunha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”. E Cortizas sabe doque escribe, porque ademais de mestre e escritor de literatura infantil tamén investiga sobre os xogos tradicionais.

Este Premio Arume de Poesía súmase a unha longa listaxe de recoñecementos pola súa obra literaria: O Premio Barco de Vapor en 1988 por Memorias dun río e en 1995 con Os gritos das illas Lobeiras. Recibiu o Premio Merlín 2001 coa obra A merla de trapo, e o Premio da Mostra de Teatro da Xeración Nós en 1994 con Incrible invento de Solfis, a pianista. En 2014 chegaría o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil con Xogando con gatos. Como diciamos, dentro da investigación en torno aos xogos tradicionais tamén é un referente, pois é autor de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Esta obra recibiu o Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial en 2013 e o Premio Losada Diéguez de Investigación en 2014.

Anteriores galardoados

A entrega do Premio Arume de Poesía será este venres, día 16, nun acto no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, en Santiago, a partir das 18.00 horas. Servirá para presentar os dous poemarios premiados na anterior edición, Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez. Da súa edición encárgase Embora, que tamén se ocupa de levar ao prelo as obras gañadoras o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta. Por otra banda, nesta nova etapa dos premios Arume, a Fundación Xosé Neira Vilas suma esforzos coa empresa galega Deleite, moi comprometida coa cultura galega.