“Silledagasalla” ofrece ao comercio os adhesivos con lemas en galego

REDACCIÓN

O Concello de Silleda vén de poñer en marcha unha nova edición de Silledagasalla, un certame que ven colleitando moito éxito dentro da campaña de Nadal. Trátase dunha iniciativa posta en marcha dende a Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Ángela Troitiño, en colaboración cos centros educativos e o sector do comercio de Silleda.

Con este certame, para o fomento da lingua galega, plásmanse en forma de orixinais adhesivos os lemas en galego ideados por alumnos e alumnas silledenses, e que se reparten de balde entre os comercios para acompañar os agasallos de Nadal. Todos os establecementos que desexen contar con estes adhesivos, de xeito totalmente gratuito, poden recollelos nas dependencias de Benestar, sitas na rúa Chousa Nova, ou chamar ao 986 592037.