Ter lingua, tradicións, costumes e lendas que identifican a un pobo é toda unha riqueza e un orgullo. Debería selo para todos os que forman parte del. Galicia ten exemplos para ir co peito ben enchido. Temos cousiñas tan propias, para cada tempo e ocasión, que non hai necesidade de buscar noutro lado. Abondan os exemplos. Se é o día máis longo do ano coa noite máis curta, velaí están as cacharelas e as sete herbas do San Xoán; que vai un calor que non se para, pois a subir ao monte para rapalas bestas; os magostos e o Samaín para os tempos de outono e se é Nadal, o Apalpador baixa do Courel. Son só uns poucos exemplos que se poden meter neste mesmo saco. Para levalo con estilo, na Estrada xorde unha nova colección de deseños con marcado acento galego.

Deseño coa figura do Apalpador.

É doado atopar á deseñadora desta nova liña de produtos. Alba Aller anda sempre atarefada entre as máquinas da copistería O Copión, na rúa Vega de Armijo. Un día alguén fixo un encargo que endexamais recolleu: sete bolsas de algodón ecolóxico. Despois de moita espera, decidiu aproveitar a mercancía, estampando nela os seus deseños. Deste xeito tan sinxelo, naceu unha nova liña de negocio que, coma calquera cativo, non para de medrar.

Ilustración para a bolsa da Santa Compaña.

Herbas de San Xoán, a Santa Compaña, o Magosto e o Apalpador foron os primeiros deseños que se puxeron en circulación hai poucos días. De feito, o Apalpador é o último en incorporarse a estas creacións. Os deseños chegaron tamén ao papel –coma non podía ser doutro xeito nunha copistería- e agora teñen libretas inspiradas nas catro estacións. Nestes deseños propios de bolsas para levar pola rúa artesanía con selo galego Alba Aller atopou a colaboración de Soraya Bernárdez, unha artista do croché que ten a súa propia liña artesana con Pequena Lala.

As sete herbas do San Xoán.

Na cabeza de Alba xa andan fervendo novas ideas. A próxima que podería ver a luz é unha serie con remedios galegos, dende as follas de herba Luísa ata o “antídoto” do mel con limón para os arrefríos. “Teño que sentarme con miña avoa”, sinala esta deseñadora.

Na súa aposta pola figura do Apalpador, O Copión ten unhas cartas de Nadal con esta figura. Os nenos que a depositen no seu buzón ata o día 29 entrarán no sorteo dun conto e de dúas entradas de cine. “É unha figura moi nosa e moitos nenos non o coñecen”, sinala Alba Aller. O Copión tamén rifará unha cesta entre os seus clientes, coas novas bolsas, cadernos, taza e algún artigo de Lugar del Vino, ademais das postais de A Estrada By Marga Fraga. Mentres as máquinas seguen traballando arreo no Copión, Alba segue atarefada no intento de levar o novo proxecto a carón da copistería. “Iremos paseniño”, di. De novo, con acento galego.