Outra páxina para A Estrada

Ignacio Vidal Portabales recibe o Premio Manuel García Barros

O autor, no centro, coa obra premiada entre as mans.

O autor, no centro, coa obra premiada entre as mans.

Ana Cela

Ana Cela

Só un día despois de lembrar a Avelina Valladares coa entrega do premio que leva o nome da Cantora da Ulla, o foco literario ficou na parroquia estradense de Berres. Tamén alí tivo o seu berce Manuel García Barros, escritor que bautiza un dos premios de narrativa máis prestixiosos de Galicia, cunha nómina de premiados con máis de tres décadas de historia. Na noite de onte, chegado o mes do Nadal, o Teatro Principal acubillou o nacemento dunha nova obra bibliográfica que leva o selo de Ken Keirades xunto ao nome de Ignacio Vidal Portabales.

A música de Rubén Servide e Henry Villalobos encheu o escenario desa maixa das noites importantes. E nesta, A Estrada, vestida xa nas rúas de festa, quixo reclamar para si a páxina que merece no libro das letras galegas, non só por seren a terra de moitas recoñecidas plumas do idioma, senón tamén por recoñecer cada ano baixo os seus nomes o talento de quen cultiva o eido literario de Galicia.

A música de Henry Villalobos e Rubén Servide acompañou o acto.

A música de Henry Villalobos e Rubén Servide acompañou o acto.

A novela gañadora desta edición resultou ser Illas remotas, unha historia de dúas irmás cunha complicada situación vital, que chegan a un momento de inflexión a raíz da morte dun familiar. Trátase dunha novela aplaudida polo xurado pola profunda e detallada construción das personaxes principais. Depois de que María Jesús Fernández Bascuas dese lectura á acta, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, fixo entrega do galardón a Ignacio Vidal Portabales, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o escritor e crítico literario Armando Requeixo ou o biógrafo de García Barros, o tamén escritor e profesor Carlos Loureiro, entre outros.

Vidal Portabales é profesor de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, escribiu ensaios sobre o dereito da publicidade e mais a sociedade da información. Na súa faceta de narrador, gañou en 2012 o Premio Blanco Amor coa obra Dióxenes en Dolorida (2013) e, en 2019, acadou, con Lara e Sabela, o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey (2020). Tamén é autor da obra O inspector e mais eu (2016) e da novela destinada á mocidade Sangue no dron (2022). Obtivo, así mesmo, varios premios de poesía, tanto en galego coma en castelán.