Avelina: a luz que hai na sombra

A obra de Rosa de Cabanas pon cara á “muller sen rostro” que estudou Laura Filloy coma o que foi: poetisa e unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa

Acuarela na que Rosa de
 Cabanas dá rostro a Avelina 
en “Mulleres imaxinadas”

Acuarela na que Rosa de Cabanas dá rostro a Avelina en “Mulleres imaxinadas” / ANa Cela

Ana Cela

Ana Cela

Ninguén sabe a ciencia certa como era Avelina Valladares. Non hai quen a describa nin fotografía que ofreza testemuño. Pasou á historia como a irmá do célebre Marcial Valladares, malia que os seus poemas lle valeran –sen ela chegar a sabelo nin nunca pretendelo– o sobrenome de Cantora da Ulla. O único retrato que existe dela é o que recentemente elaborou a artista estradense Rosa Herraiz na súa serie Mulleres imaxinadas. Nesta acuarela destacan os ollos azuis dunha estradense que chegou ao mundo na pequena aldea de Vilanconsta (Berres) no ano 1825. Na Estrada hai un premio que leva o seu nome mais...quen foi Avelina Valladares? Abofé que poucos, mesmo estradenses, poderían dicir dela moito máis que o que escapou ás sombras nas que sempre se agochou, a ese eterno segundo plano que para si quixo. Ela non se consideraba importante, non cría que fose merecente de atención ou recoñecemento algún. Pero non quere dicir que non o fora. De feito, Avelina rematou por se converter nesa luz que sempre hai na sombra. É de xustiza que saibamos vela, que brille.

Co retrato de Rosa de Cabanas, Avelina Valladares deixa de ser “a muller sen rostro” da que fala a tamén estradense Laura Filloy Martínez nun artigo publicado en A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural, a publicación anual do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela. “Nunca tivo nome propio. Sempre foi a tía, a madriña, a irmá”, apunta Filloy. “O único que sabemos dela é que foi poetisa, que viviu na Ulla, que dedicou o seu corpo e espírito a coidar da familia, que foi irmá de Marcial e que era unha fervente católica. Máis todo é vago, impreciso e xeneralizado. Avelina Valladares era moito máis que unha muller sen nome; que unha muller sen rostro”, engade.

Vilancosta e o Ulla, dúas paixóns

A propia Laura Filloy aporta moita luz sobre a figura dunha muller que, para moitos, non pasa de ser a irmá dun Marcial Valladares autor da primeira novela moderna en lingua galega e dun diccionario galego-castelán, entre a prolífica obra dunha vida consagrada á escrita. Aínda que nada nunha época de forte convulsión política, “Avelina vivía allea ao mundo, naquela casona do interior galego, xogando cos seus irmáns e aprendendo a amar a cultura”, relata a autora. Era, pois, unha nena fidalga que soubo amar e defender o rural dende as beiras do caudaloso Ulla. Era, ademais, muller, algo que no seu tempo constituía unha diferenza insalvable: podía ser culta e ter a sorte de aprender a ler e escribir, pero as portas das ensinanzas universitarias estaban pechadas para ela.

Aínda así, Avelina Valladares non puido agochar esa luz que levaba dentro. Pasou á historia como unha muller sen rostro e á sombra do seu irmán, pero as voces do seu tempo si tiveron para ela verbas dun recoñecemento do que nunca se considerou digna. Foi no seu pasamento cando autores como Manuel García Barros ou Waldo Álvarez Ínsua a chegaron a comparar con outras tres sobresaíntes mulleres que si acadaron a sona que non se lle concedeu a ela: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A súa humildade exerceu coma unha lousa, que cómpre afastar xa do seu nome. “Una de las buenas poetisas de su tiempo, cuya innata modestia le impidió brillar como merecía”, di dela Manuel Amor Meilán. “Un brillo que, aínda apagado, loita por chegar aos nosos días”, defende Laura Filloy.

Decisión e valentía

Avelina viviu adicada á familia. Viviu segundo se cría que tiña que vivir unha muller no seu tempo. Aínda así, eses ollos claros dos que fala Carlos Ferreirós en O legado dos Valladares de Vilancosta sostiñan un mirar decidido e, en certo senso, desafiante. O artigo de Filloy recolle a hipótese de que a Cantora da Ulla coñeceu o amor cando tiña 18 anos. Media ducia de poemas fan pensar en que tamén probou a amargura do desamor. Hai quen pensa que unha decepción a levou a renunciar ao matrimonio. Pero, tivese ou non o corazón en anacos, tamén é posible que atopase na opción de escoller a soltería un xeito de liberdade e goberno da súa propia vida. “Con premeditación, con decisión e con valentía”, concede a autora de Avelina Valladares, a muller sen rostro. Oportunidades tivo. Mesmo rexeitou a un pretendente de distinguida familia á idade de 40 anos (moi avanzada para ser muller casadeira no século XIX). Ela dixo non, mais propuxo ao candidato o casamento coa súa irmá Isabel. Dito e feito.

Do que non hai dúbida algunha é de que Avelina amaba Vilancosta e ese mundo rural no que tiña o seu fogar. Tampouco hai sombras sobre a certeza de que tiña unha alma tan bondadosa coma literaria. A escrita era unha parte importantísima do seu ser, máis ela sempre pensou que a súa obra non merecía consideración algunha. “Harapos [...] que nada valen y solo sirven para descansar en nuestra biblioteca de familia”, opinaba.

Pouco, pero bo

Pode que a súa obra no fose extensa, pero xulgouna inxustamente. “Ha escrito poco; pero ya se comprende que el mérito del artista no está nunca en la cantidad de sus obras”, diría Manuel Castro López. Medio cento de poesías, cartas e catro escritos en prosa –xunto con composicións musicais e debuxos– forman parte do seu legado, que tamén lle concede seren unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa.

“Por moito que ela quixera quedar na escuridade, hai que sacala dese recuncho afastado ao que a obrigou a historia e a súa propia personalidade”, reivindica Laura Filloy. Abofé que si. Avelina xa ten rostro. De todos nós depende coñecela e compartila, por seren quen realmente foi. A súa luz ten que saír por sempre das sombras.

Suscríbete para seguir leyendo