Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un elenco cativo cun talento enorme

O Principal acolle dúas xornadas de teatro escolar realizado polos centros da zona

Unha das representacións onte no Teatro Principal da Estrada. //Bernabé/Javier Lalín

A Asociación Cultural Vagalumes celebra estes días a quinta edición da Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca, dúas xornadas nas que este arte se converte en protagonista da vida cultural do pobo. Fano en colaboración cos centros educativos da zona, tendo cada un a tarefa de preparar unha obra para representar no Teatro Principal da Estrada. En concreto, onte foi a primeira sesión e hoxe lévase a cabo a segunda e última. Así, dende as 18.30 horas, os alumnos e alumnas da vila e da contorna vanse turnando para escenificar os textos escollidos, nos que levan traballando dende que comezou o curso.

Onte, por exemplo, tocáballes aos do CEIP Cabada Vázquez, con A matanza clandestina, de Fernando Graña, ao CEIP de Oca, con A Berenguela de Manuel María, ao CEIP Villar Paramá, con O achado do castro medieval, de Manuel Núñez Singala, e por último, ao CEIP Figueiroa, coa adaptación de A galiña azul, de Carlos Casares.

Por outra banda, hoxe colle o relevo o alumnado do CEIP do Foxo, cunha obra de confección propia, centrada na “performance” e de título A mar, amar. Logo, veñen os maiores, comezando polo IES Número 1 con Sentenza, inspirada en obras de Olimpio Arca Caldas, o CEIP Pérez Viondi coa representación de O libro do mundo dos soños, de Rosalía Morlá, e por último, o IES Antón Losada Diéguez, con Queridiña dos meus ollos, de Rosalía de Castro, adaptada por Fran Campos.

Polo xeral, trátase de obras duns vinte minutos de duración, entrando máis ben na categoría de micro teatro. A entrada e totalmente gratuita, e para os que non poidan asistir, as actuacións serán gravadas e posteriormente colgadas na canle de Youtube da asociación.

Esta é, además, a primeira edición despois da pandemia, anos durante os que se parou a iniciativa ante as numerosas restriccións. Por iso, e pola gran cantidade de entrega, orixinalidade,e sobre todo, traballo, dende a asociación animan á xente a achegarse, posto que como apunta Xoán Carlos Garrido, “polo xeral só veñen os pais e nais dos alumnos, pero a calidade das representacións é tan boa, que é unha mágoa que o resto da veciñanza non poida desfrutar delas”.

A iniciativa, que xurdeu por primeira vez no 2016, partía do interese por parte de Vagalumes de reivindicar as diversas facetas do estradense Olimpio Arca, e tras o éxito desta, decidiuse convertir a mostra nun certame anual.

Compartir el artículo

stats