Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

SILVIA MONTOTO ESPIÑO | Madriña

“Creo que a xente está concienciada en consumir menos e usar máis”

“A miña idea é empregar a realidade virtual para que o cliente vexa cómo vai quedar restaurado o moble”

Silvia Montoto, cunha cadeira que vai restaurar. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Silvia Montoto Espiño estudara Fotografía en Ourense e traballou en distintos sectores, como a hostalería. Explica que a idea de adicarse á restauración de mobles xurdiu case de casualidade, cando a súa avoa e tamén madriña, Delfina Folla, lle regalou unha antiga máquina de coser co seu moble e decidiu restauralo. De aí que o seu proxecto, Madriña, leve o nome de quen lle creou primeiro unha afección e agora unha profesión.

–¿Como foi a formación no programa RR_dTerritorio?

–Nos meses de xuño e xullo, os 15 emprendedores tivemos titorías colectivas on line, con distintos docentes que nos ensinaban cuestións vinculadas a plans de viabilidade, marketing ou novas tecnoloxías. Houbo, tamén, distintas visitas a negocios doutros emprendedores, tanto neses dous meses como en setembro cando xa puidemos escoller un formador. No meu caso, decanteime por unha titoría individual específica en novas tecnoloxías, porque a miña idea é que nun futuro poida empregar a realidade virtual para que o cliente se faga unha idea de cómo lle vai quedar restaurado o moble. Para min é o máis inmediato, porque tanto as redes sociais como unha páxina web son necesarias á hora de difundir o traballo de calquer empresa.

–¿Cando calcula que xa vai dispoñer destas ferramentas?

–Penso que a finais de xaneiro poden estar listas. De momento, aínda estou en labores de documentacion para ter material co que montalas. A miña intención tamén é ir a casas de turismo rural para difundir o meu traballo. Eso si, o taller xa o teño na miña propia casa.

–Vostede chegou a montar Madriña aproveitando unha afección, un hobby. ¿Cre que é un bo momento, que hai aí un nicho de mercado?

–Por suposto, eu creo que a xente está agora cada vez máis concienciada en consumir menos e empregar as cousas por máis tempo. De momento ainda non teño ningún encargo porque, como digo, o proxecto está nunha fase ainda moi inicial, en documentación, pero si noto ese interese por mercar menos.

–¿Hai algún moble que sempre sexa o favorito á hora de restaurar?

–Penso que os aparadores e os mobles auxialiares. Por exemplo, se tés unha mesiña de noite debes mirar que encaixe co resto da decoración, pero cun moble auxiliar sempre podes darlle un toque diferente.

–¿Contempla nun futuro crear emprego con esta iniciativa?

–¡Ogallá poida ter xente traballando comigo! Gostaríame moito fomentar o emprego en Rodeiro. Eu, ainda que nacín en Silleda, vivo agora aquí, en Mamoelas, e o certo é que este municipio está moi parado a nivel laboral, polo que moitos veciños marchan para Chantada ou para Lalín. E un dos puntos que ten a favor a miña iniciativa é que se trata dun traballo que non ten por qué ter un horario comercial, de xeito que é moito máis fácil á hora de conciliar con responsabilidades familiares. Eu polo momento non teño fillos, pero si vexo parellas ou persoas con nenos e que teñen problemas para poder combinar o seu traballo coa atención aos rapaces.

Compartir el artículo

stats