Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ruta xacobea polos santuarios marianos

Un proxecto previsto para 2023 traza unha peregrinación a Compostela polos principais centros de devoción á Virxe das catro provincias galegas

Parte do equipo redactor desta ruta mariana, diante do santuario de Abades. | // FOTOS: D.G.A.

A petición da empresaria Nieves López-Neira de la Torre, estamos a colaborar xunto a un equipo interdisciplinar, no proxecto dunha Ruta Mariana de Peregrinación a Compostela, que decorre parella aos camiños oficiais Mozárabe e de Inverno, os principais centros de devoción mariana das catro provincias galegas e atravesa a nosa comarca polos concellos de Rodeiro, Dozón, Lalín e Silleda.

José Mª Ezequiel explica pormenores do templo de Abades.

No proxecto, que se agarda estea rematado nos primeiros días do vindeiro ano 2023, inclúense, entre outros puntos de interese, os santuarios da Virxe do Corpiño en Lalín e os da Nosa Señora dos Desamparados de Abades e da Virxe da Saleta en Siador, no municipio de Silleda, nos que estivemos días pasados na compaña de profesionais de turismo, touroperadores e influencers das redes sociais de varias nacionalidades. Neste labor contamos coa atención e colaboración do reitor do Corpiño, José Criado, e dos sacerdotes Amador Marugán, en Siador, e José Catanga, en Abades, este último axudado polo investigador José María Ezequiel Ferrer e o sacristán da parroquia, Antonio Rodríguez.

José Criado mostra a nova porta principal do Corpiño.

Nunha próxima xornada visitaremos os santuarios da Nosa Señora do Faro, entre os municipios de Rodeiro e Chantada, da Virxe da Pena de Francia, en terras de Dozón, e Santa Isabel de Escuadro (Silleda), así coma as igrexas de Lalín de Arriba e Donramiro, amais da capela do Monserrat. Todos estes templos tamén se contemplan no proxecto desta ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, xunto a outros de Galicia. Deste xeito, preténdese ofrecer unha alternativa atractiva e diferente a peregrinos e turistas nacionais e estranxeiros.

O Corpiño estrea porta principal con relevos

Na visita ao célebre santuario da Nosa Señora do Corpiño, o cura reitor, José Criado, mostrounos a nova porta principal que da acceso ao templo, que loce uns artísticos relevos en bronce. Neles figura a escenografía da lenda da aparición da Virxe aos pastores, a construción do templo actual e o culto do Corpiño, obra do artista plástico Suso León (Santiago de Compostela, 1968), autor, entre outras recoñecidas obras, do tímpano da Porta Santa da Catedral de Santiago.

Novo órgano

O propio reitor tamén nos deu conta da adquisición dun grande órgano para o santuario, que xa está no templo para ser montado axiña para acompañamento do Coro da Nosa Señora do Corpiño que, con notable éxito, dirixe a cubana afincada en Lalín Arlette Martín Velázquez.

Compartir el artículo

stats