Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un estradense na corte do Papa León X

Sae á luz un libro sobre o deán Gabriel Rodríguez, quen foi criado do Sumo Pontífice a comezos do século XVI

Retrato de Giovanni di Lorenzo de’ Medici, León X, rodeado de dous dos seus criados.

Entre os anos 1513 e 1521 o papa florentino León X converteu Roma nun florecente centro cultural e conseguiu aumentar o poder pontificio en Europa. Ao seu carón, como criado, palafreneiro ou cabalarizo, estaba un home nacido na parroquia estradense de San Miguel de Moreira. A historia de Gabriel Rodríguez de Casal de Raros e da que foi a súa parella, María Rodríguez de Monteagudo e Ulloa, máis coñecida por María “Criada”, quedou escondida no tempo ata agora. Unha casualidade fixo que o historiador estradense Damián Porto e o cuntiense Héitor Picallo o descubrisen a través duns arquivos da Catedral de Santiago. Vinte anos despois daquela primeira pista, a súa historia será contada. “Amores clandestinos no renacemento: O deán Gabriel Rodríguez e María Criada” e o nome do libro que será presentado o próximo sábado na Estrada, editado pola asociación Vagalumes.

O estradense Gabriel Rodríguez foi un destacado clérigo que veu ao mundo a finais do século XV e que, logo de tomar hábitos eclesiásticos, estivo durante anos na corte de Roma. Alí foi criado de varios papas, entre eles de Giovanni di Lorenzo de Medici, coñecido comunmente como León X. Deste pontífice chegaría a ser, incluso, un dos seus palafreneiros ou cabalarizos. No momento en que fica na “Cidade dos Sete Outeiros”, coinciden nela os vértices do “triángulo máxico” da máis grande xenialidade universal: Leonardo da Vinci, Raffaelo Sanzio e Michelangelo Buonarroti, que chegaron a Roma xunto a outros grandes artistas da época para atender os encargos do papa criado nun ambiente humanista. Nesta época estes artistas remataron a basílica de San Pedro de Roma e a ampliación da Biblioteca do Vaticano.

Xunto a León X estivo o deán estradense, quen acabou sendo recoñecido como nobre vaticano e que tivo importantes responsabilidades en Italia. Logo de ocupar determinados beneficios curados (crego de San Mamede de Piñeiro, San Fins das Estacas e Santa María dos Baños de Cuntis), tamén consegue diversas responsabilidades tanto en Roma como na Galiza: cóengo das colexiatas de Baiona e Muros, igualmente do Cabido Diocesano de Santiago e Deán do Capítulo Catedralicio de Lugués. Tanto é así que, alén de ser nomeado Protonotario Apostólico, estará entre os seis eclesiásticos máis relevantes da Galiza dos anos trinta do século XVI. As pistas sobre la vida do eclesiástico estradense pérdense sen embargo nos seus últimos anos, no sabendo a data da súa morte nin onde foi enterrado.

Porto e Picallo repasan a súa historia a través dos datos que foron atopando ao longo de anos de traballo. Fano nunha especie de ensaio histórico “con algo de floritura” para que sexa máis ameno para o lector. Sen embargo, nas súas pescudas atoparon outra historia igual de interesante, a da súa parella María “Criada”. Así que decidiron facer tamén a súa biografía por separado, uníndose de cando en vez coa do deán e completando ese amor clandestino ao que fai referencia o título da obra.

María foi unha muller que canda a morte do clérigo se dixo viúva e se dedicou durante uns anos ao comercio de cereais e viño ourensán, así como a prestar sumas importantes de diñeiro a distintos particulares. A súa vida, oculta entre nos palacios episcopais (e nas rúas de Compostela e Lugo), foi vinte cinco anos máis longa ca da súa “parella”. Decidiu que cando chegase a seu óbito fose sepultada na catedral de Santiago, como así consta nalgúns documentos que os autores puideron recuperar. Amais diso, dun dos fillos desta “parella”, o cóengo Aníbal Rodríguez, tamén se conserva a súa sepultura na xirola da basílica compostelá.

Amais deste persoeiro, tamén ilustre, Gabriel e María terían cando menos media ducia de fillos máis, proxenie que curiosamente sería recoñecida como froito das relacións afectivas daqueloutros.

Unha investigación que arrancou fai xa vinte anos

Picallo recorda que a súa investigación sobre Gabriel Rodríguez dou comezo fai uns vinte anos tras atopar de maneira casual unha referencia a un cabalarizo galego do Papa nos arquivos da Catedral de Santiago. A partir dese momento, os dous escritores comezaron a facer unha recompilación de datos, aproveitando os coñecemos neste tipo de traballos de Porto. Foron adicándolle os tempos libres entre outros proxectos que tiñan entre mans. Bucearon en todo tipo de arquivos, incluído o arquivo vaticano, ata que finalmente foron capaces de ir fiando a historia do deán estradense, ademais de completar toda a súa árbore xenealóxica. Fai doce anos, os escritores deron por finalizado o primeiro borrador do libro, que sen embargo seguiu recibindo engadidos ata fai pouco.

Ningunha administración quixo publicalo

Os dous autores recordan que, unha vez finalizado e dado forma ao seu libro, plantexaron a dúas administración de diferentes cores a posibilidade de publicalo. A reposta que recibiron foi moi positiva en ambos casos, sen embargo o libro nunca chegou a editarse nin a publicarse. Finalmente, este traballo atopou co respaldo da asociación cultural Vagalumes da Estrada, iniciando así unha liña editorial propia. “Creo que o contido está moi ben pero a edición que fixeron está chulísima”, afirma Picallo.

Compartir el artículo

stats