Pertencen a mundos diferentes pero os tres acabaron coincidindo onte sobre as táboas do Teatro Principal da Estrada para recibir un gañado recoñecemento pola súa defensa do idioma galego. O grupo Tanxugueiras, a empresa Ausama-Ausavil e a catedrática estradense Mercedes Brea aportaron o seu gran de area nunha pelexa desigual e que, como reza a coñecida canción, non ten fronteiras. Esta 31 edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística foi unha vez máis unha festa do galego, enxoiada coas verbas de agarimo que lle adicaron ao noso idioma os tres premiados.

O Premio á normalización durante toda unha vida foi para a estradense Mercedes Brea López, catedrática xubilada de Filoloxía Románica na universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus moitos méritos estivo a investigación centrada na literatura románica medieval, que ocupa un lugar prioritario no seu traballo, así como o estudo do léxico e a expresión lingüística na lírica galego-portuguesa do medievo. Na súa intervención, Brea adicou este premio á memoria de Constantino García González, un dos grandes artífices da normalización do galego en 1970 e fundador do Instituto da Lingua Galega. A estradense recordou tamén que foi un dos promotores do primeiro método de ensinanza do galego. Brea tivo verbas igualmente para a súa familia en Barbude, parroquia que ten como patrón a San Martiño, que dá nome a este premio.

Na categoría de normalización no ámbito galego o xurado dos premios recoñeceu nesta edición o labor do coñecido grupo musical Tanxugueiras. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro acadaron coa súa música romper todas as barreiras e levar o galego ata lugares aos que poucas veces chegou. Fixérono ademais recollendo o legado das pandereteiras, das mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega.

No Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes, o galardón foi outorgado ás empresas Ausama-Ausavil, dirixidas polos irmáns Antonio e Miguel Villar Costoya. Estas firmas convertéronse nun foco emprendedor de proxectos culturais que tiveron na lingua galega a súa canle de referencia, sendo quen de normalizar o seu uso no ámbito das relacións comerciais e industriais.