Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Naranxo cansou de agardar

O goberno de Lalín anunciou hai agora vinte anos unha rúa para a personaxe popular que foi representada polo escritor trasdezao Ramón de Valenzuela nun libro de relatos

Valenzuela con Mariví Villaverde e dous dos seus fillos. | // FDV

Hai agora vinte anos o goberno de Lalín facía pública a súa decisión de adicar unha rúa á figura de O Naranxo, personaxe popular na bisbarra descrita na obra homónima polo escritor tradezao Ramón de Valenzuela Otero (Manduas, 1914-Sanxenxo, 1980). A proposta do daquela alcalde e actual rexedor, José Crespo, chegaba pouco despois de que a Asociación Cultural O Naranxo reeditara o libro grazas ao traballo de Mario Pereira e Manuel Igrexas. Como acontecería moitos anos despois con Xosé Neira Vilas, a pegada para a historia no rueiro non sería para o escritor, senon para o protagonista, neste caso, dun libro de relatos.

A oficiosa Avenida de O Naranxo, en Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A rúa para O Naranxo [nado na parroquia de Santiso como Manuel González Ferradás, en 1879, e finado na Xesta, en 1945] xa fora confirmada e a elexida era a antiga S, que anos despois pasaría a denominarse Otero Pedrayo. O simbolismo deste home, pobre de solemnidade que sobrevivía das esmolas e solidariedade dos veciños non solo espertou o interese de Valenzuela, pois o pintor Laxeiro retratouno nunha fabulosa obra encargada polo Concello ao artista durante o mandato de Luis González Taboada, Licho, pero que lamentablemente primeiro rematou nas mans dun marchante e logo foi mercada pola USC. Manuel González Ferradás representaba a esencia dese realismo máxico dos socialmente rexeitados por transgredir os estándares máis convencionais.

Hai agora exactamente 21 anos as páxinas de FARO DE VIGO recollían as testemuñas de veciños da Xesta que trataran ao Naranxo. José Rodríguez, que daquela tiña 80 anos, apuntaba que o falecemento desta personaxe popupar debérase a unha caída do campanario da igrexa de San Miguel de Bendoiro. Desde aí foi andando de noite ata a casa de Carrón da Vila, daquela pedáneo da Xesta, quen lle daba de comer ou deixábao pasar as noites durmindo nun cuberto. Julia de Carrón, filla de José, foi quen atopou morto ao Naranxo despois de entrar no cuberto ao ver que era tarde e aínda non se levantara. O seu corpo foi velado na corte dunha casa e soterrado [segundo a testemuña de Pepe Rodríguez] nun burato na terra no adro da igrexa parroquial de San Fiz, sen lápida que o identificase.

A obra de Laxeiro expúxose no concello en 2013. | // BERNABÉ/J.L.

O Naranxo era unha persoa moi querida na Xesta, sobre todo polos membros da banda de música da parroquia, que ata chegaron a improvisarlle unha voda. José de Paula, un dos intérpretes da banda, acudeu ao suposto casorio vestido de muller e ata houbo celebración nunha taberna da aldea. A charabisca rematou á noite, “ata que viñeron as horas de apretar”, bromeaba entón o veciño Luis González.

Reseña de Alonso Montero en FARO polo pasamento de Valenzuela.   | // FDV

Reseña de Alonso Montero en FARO polo pasamento de Valenzuela. | // FDV

Co cambio de goberno en Lalín, en 2015, púxose en marcha unha comisión municipal do rueiro. Antes de debullar as primeiras propostas, enriba da mesa xa estaba a antiga e nunca materializada rúa para O Naranxo. Daquela, máis que na personaxe que a principios do século XX falaba de millóns e trillóns de pesetas, o recoñecemento dirixeuse hacia Valenzuela e ata se falara de bautizar a rúa B co escritor e político nado no Pazo da Viña. En 2019 foron aprobadas rúas para Vidal Abascal (antiga F), Antonia Ferrín Moreiras (D), Nuno Eanes de Cercio (C) e nunha parte da Avenida de Bos Aires colgouse unha placa co nome de A Cacharela, nunha aposta pola recuperación da toponimia tradicional. Tamén a baixada ao auditorio foi nomeada como rúa da Banda de Lalín.

Placa en lembranza do Naranxo no lugar de A Vila, na Xesta.

Lalín, se cadra como capitalidade do partido xudicial de Deza, homenaxeou no seu rueiro a ilustres da bisbarra como o xa citado Neira Vilas ou o pintor Manuel Colmeiro. Namentres, Valenzuela ou O Naranxo continúan esquecidos, a non ser que pasemos por un calexón lindeiro coa rúa Principal, bautizado hai anos oficiosamente como Avenida do Naranxo. Nunha fonte do lugar de A Vila (A Xesta) os veciños colocaron unha placa na súa lembranza cando a parroquia levou o premio Aldea Singular. O Naranxo, lembrando outra obra de Valenzuela, semella que non agadaba nada de ninguén.

Compartir el artículo

stats