Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

susana sánchez aríns nnficha personal | Escritora

“É unha alegría figurar nunha revista de fama internacional, máis sendo reintegracionista”

“O relato está inspirado en vivenzas da miña infancia no Foxo, e trata sobre a mudanza dos costumes familiares segundo as xeracións”

Sánchez Aríns posando nunha rúa estradense. | // N.C.

A escritora estradense, Susana Sánchez Aríns, figura no novo número da revista literaria británica Granta, unha publicación anual de resona internacional. Xunto a ela, outros dous autores galegos, Berta Dávila e Xesús Fraga. Este magazine, que deu visibilidade no seu momento a figuras como Sylvia Plath ou Jeanette Winterson, é coñecido por descubrir novas voces literarias, que acaban por acadar un alto impacto no sector. Nesta ocasión, a escolma centrábase en autores españois que escriben nas linguas cooficiais ou noutras variantes do castelán. Aríns sitúa así, unha vez máis, a esta pequena vila no gran mapa da literatura universal, cun relato ambientado no Foxo, que será publicado en galego, español e inglés.

–Que significa para vostede aparecer publicada nesta revista? .

–Unha alegría. É unha revista importante, de alcance internacional, cuxas seleccións literarias habitualmente teñen impacto, no sentido de que cando escollen a autoras que ao mellor nun principio non son especialmente visibiles, e pasado un tempo acaban ganando premios e sacando bos libros. Dígamos que teñen bo ollo. Entón a min faime moita ilusión formar parte das escollidas.

–Como xurdiu a súa aparición neste número?

–Puxéronse en contacto comigo e ofrecéronme que lles enviase o conto.

–Era unha publicación que seguía dende hai tempo?

–É una revista que coñezo dende o ano pasado, ao coincidir fai un ano ao coñecer a Alejandro Morellón, que é un dos autores que seleccionaron no número anterior. Entón alí todo o mundo o felicitaba moitísimo por saír na Granta, dende entón sigo a revista.

– Cóntenos, fíxolle ilusión cando foi contactada por eles?

–A min sempre me fai ilusión que me pidan calquera cousa. Neste caso, como a idea era traballar os textos e traducilos ao inglés e ao español, pareceume unha colaboración moi interesante.

–Esta selección conta con autores de diferentes rexións do estado español que escriben nas variantes ou linguas vernáculas destas áreas. Como ve que aparezan escolmas deste tipo en publicacións como Granta?

–É importante que se faga, polo feito simplemente de que saiba fóra que existen outras linguas que non son o español, posto que evidentemente a política lingüística do Estado a nivel exterior basease en hipervisibilizar o español como lingua imperial con millóns de falantes. Por iso, que unha revista como a Granta se pare en visibilizar outras linguas e outras variantes mostra máis sensibilidade que algúns organismos internos.

–Falando de visibilizar linguas e variantes. Vostede non só é unha autora en galego, senón que escribe na variante reintegracionista, a este nivel, como avalía o feito de teren escollida baixo este prisma?

–É verdadeiramente algo digno de mencionar, e de agradecer. En efecto, escolléronse tres autores galegos, mais escribo noutra variante, polo que me alegra que isto non os detivera á hora de contar comigo, xa que moitas veces non se conta coas mesmas facilidades en publicacións galegas, por exemplo.

–Mergullándonos agora no conto, vostede titúlao Salto geracional. Por que decidiu nomealo así?

–Pois porque evidentemente, hai un salto xeracional de gustos. Para ser máis explícitos, o relato que enviei forma parte do meu próximo libro, no que xunto varios textos breves inspirados en vivencias da infancia cos meus irmáns e irmás cando vivíamos no Foxo. Nel fálase dunha práctica que a min me desgusta moito¬ a taxidermia, algo que na infancia vivía con máis naturalidade, ao ser unha das afeccións do meu pai; e de como certos costumes familiares incluso saltan xeracións, como foi esta, pois algo que a nós nos horrorizaba, ás miñas sobriñas tanto lles ten.

–Entón esta historia sería autobiográfica?

–Si e non, trátase dunha historia real, dende logo, mais está fabulada. As protagonistas teñen nomes e apelidos, poden ser veciñas da aldea ou familiares meus, pero incorpóranse elementos de ficción, e sobre todo trabállase na narración para que funcione como texto literario. Con todo, a anécdota principal si aconteceu de maneira bastante fiel a como a conto.

–Cantos anos tiña cando experimentou esta vivencia?

–Sei que era moi nova, pero descoñezo a idade exacta. Cando traballo con recordos intento non concretar demasiado algúns aspectos. Non me molesto en preguntar na casa ou facer pesquisas, senón que prefiro afondar na miña propia memoria.

–Presenta vostede tres formas diferentes de relacionarse coa natureza, dependendo precisamente da xeración. Por que decidiu explorar este tema no relato?

–Resultábame interesante tratar esta cuestión. Partindo da taxidermia, como unha costume que tanto a meus irmáns como a min nos espantaba, para noso pai era unha forma de manifestar a súa admiración pola natureza, atendendo tamén ao xeito de relacionarse co entorno dentro da propia aldea, onde se podía chegar a naturalizar matar animais salvaxes para protexer os cultivos, por exemplo. Isto fronte ao contraste coas miñas sobriñas xogando co raposo e teixugo no xardín con completa normalidade, como se fosen xoguetes. Foi de feito este acontecemento, o ver ás nenas xogar con algo que nós rexeitábamos, o que me levou a tecer unha comparativa entre as tres xeracións a través do relato.

–Remata coa seguinte sentencia “as sobrinhas, que nada sabem de mumificaçoes nem de saguoes, hao receber a herança”, pode afondar máis nesta frase final?

–Isto último ten que ver máis cunha broma interna que temos na familia. Sempre facemos que pelexamos por rexeitar a herdanza dos animais disecados do meu pai, e como ás sobriñas lles gusta xogar con eles, serían elas as que acabarían herdándoos. Con todo, é de esperar que cando crezan manifesten o mesmo rexeitamento que nós, mais polo de agora non se sabe. A reflexión é tamén esa, como as veces aceptamos as herdanzas, non no sentido literal, sen ser conscientes de que hai detrás delas.

–Por último, aínda que xa deixou entrever a resposta anteriormente, poden esperar os seus lectores algunha novidade súa no futuro próximo?

–Efectivamente, estou a traballar nun libro de relatos breves, dos cales dous aparecerán antes en outras publicacións, como o caso da Granta, polo que terei que agardar un ano de dereitos para poder publicar a colección completa.

Compartir el artículo

stats