José Fernández Asorey xubilouse como docente hai 14 anos, en 2008. Pero o seu interese por axudar a que as xeracións máis novas se formas segue moi en pé. Don Pepe, como é coñecido no instituto Marco do Camballón, foi profesor no centro e tamén formou parte do equipo da biblioteca. De feito, el encargouse de elaborar de forma íntegra o libro de rexistro desta sala de lectura. E continúa colaborando coa biblioteca.

Agasallos

Por iso, o labor de fomento da lectura que leva desenvolvido desde a súa chegada ao instituto cruceño tiña máis que merecida a homenaxe que lle quixo rendir onte toda a comunidade educativa, a xeito de recoñecemento a todo o traballo e adicación á lectura, aos libros e á docencia. A nova directora do instituto, Pilar Presas Rodríguez, fíxolle entrega de agasallos. Como non podía ser doutra maneira, eses presentes foron libros: un sobre Rosalía de Castro, outro centrado na historia da parroquia lalinense de Bermés (na que naceu) e unha placa conmemorativa que vai figurar na entrada da biblioteca e que loce a lenda Biblioteca Don Pepe. José Fernández Asorey. Pola súa banda o profesor de Galego, Sechu Sende, agasallouno cun cadro onde figura o retrato do veterano profesor así como as súas afeccións. Don Pepe estivo acompañado pola sua dona, as fillas, o neto e varias exprofesoras que quixeron acompañalo neste día tan especial.

O tributo incluiu unha pequena actuación musical. BERNABE/JAVIER LALIN

Ao longo desta merecida e tamén inesperada homenaxe por parte de Don Pepe, houbo unha pequena actuación de música tradicional, na que tomou parte o concelleiro de Cultura, Julio López.

Como indican desde o centro educativo, José Fernández Asorey comezou a súa formación en Cambados e, tras un periodo en Arévalo (Castela), voltou aos dous anos a Galicia, onde fixo Bacharelato en Lalín. Máis tarde formouse en Maxisterio en Pontevedra. O primeiro lugar onde impartiu docencia foi en Vigo, e estivo tamén en Toiriz, nunha escola de nenos. Cando se puxo en marcha o grupo escolar número 1 de Vila de Cruces exerceu nel como docente ata o ano 1988. Foi nese exercicio cando se incorporou ao plantel do Marco do Camballón, no que se xubilaría, como diciamos, 20 anos despois.

Programa europeo de regueifa

E se o labor de José Fernández a favor da lectura é impagable, o do instituto Marco do Camballón para recuperar a regueifa non queda atrás. Este centro, ademais de impartir dita materia desde hai varios cursos, participa no presente curso xunto ao IES Milladoiro no programa Erasmus+K1, que leva por lema Europa de repente. Participan tamén centros educativos de Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). Todo o material escrito e audiovisual que saia destes encontros vai servir para deseñar material educativo e compoñen un documentario que permita saber cál é a situación actual do repentismos nas catro localidades mencioandas. Xa houbera a comezos de ano intercambios en Madeira, e nas sucesivas viaxes tamén se realizan entrevistas e gravacións a persoas músicas, docentes ou improvisadoras.