Rodeiro fai falar ás pedras

Máis de trescentos veciños asisten á Rodeiría de Outono organizada polo novo colectivo

A andaina polo Outeiro de Fafián.  | // DANIEL G.ALÉN

A andaina polo Outeiro de Fafián. | // DANIEL G.ALÉN / Daniel González Alén

Daniel González Alén

O pasado sábado, A Asociación O Falar das Pedras de Rodeiro organizou unha xornada de actividades culturais e recreativas na capital de Camba, coa participación de máis de trescentos veciños do municipio. Nesta primeira grande cita da nova asociación cultural que, co lema Rodeiría de Outono, serviu de presentación do colectivo, a súa directiva programou unha serie de actividades abertas ao publico de tódas idades.

O contacontos Celsiño actuou na sesión vermú.  | // RICHI PORTO

O contacontos Celsiño actuou na sesión vermú. | // RICHI PORTO / Daniel González Alén

A primeira hora da mañá tivo lugar unha andaina que, co lema Camiña pola Historia, percorreu as paisaxes e monumentos da parroquia de Fafián, na que tivemos a honra de facer de guía, xunto coa veciña de Outeiro Leila Sabbouh López, achegando apuntamentos da historia e os monumentos máis senlleiros desta parroquia, como as ruínas da torre-tulla medieval, o pazo de Trasulfe, a vila romana de Porta de Arcos, o conxunto que forman igrexa, reitoral e cruceiro e numerosos hórreos, pombal, muíño, fontes e outras mostras da arquitectura popular do enxebre lugar de Outeiro, onde tamén se atopa un pequeno museo etnográfico e arqueolóxico privado da típica Casa do Mariano.

Máis de trescentos veciños compartiron o xantar.  | // BEGOÑA LORENZO

Máis de trescentos veciños compartiron o xantar. | // BEGOÑA LORENZO / Daniel González Alén

Veu logo a sesión vermú, que amenizou o contacontos lalinense Celso Fernández Sanmartín, presentado por Begoña Lorenzo. A continuación, o xantar, coa asistencia de máis de trescentos veciños, cun menú típico de empanada e churrasco que serviu o Mesón A Roda. Pola tarde houbo actuacións musicais a cargo dos Gaiteiros de Vilafrío, o grupo folk Tanto nos Ten, o DJ Marcos Fernández, e non faltaron os xogos tradicionais e o campionato de tute, nin as actividades para os cativos que remataron pasada a media noite.

Pola boa acollida e a notable asistencia de veciños a esta xornada cultural e de lecer, a directiva de O Falar das Pedras xa pensa en celebrar outras xornadas semellantes, con percorridos polas distintas parroquias do Concello de Rodeiro, ademais de continuar ofrecendo o seu local social, aos socios e outros colectivos veciñais para todo tipo de actividades culturais e recreativas.