O Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Número 1 de Lalín condena ao Concello de Vila de Cruces a devolverlle ao de Lalín os 51 mapas extraviados do xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen. Contra esta sentenza cabe un recurso de apelación.

Lalín interpuxo esta demanda a comezos do presente ano, despois de diversos contactos para atopar eses mapas, perdidos durante o tempo que o coñecido como legado Hilgen estivo exposto no Museo da Minería de Fontao, desde finais de 2012 ata mediados de 2018. Vila de Cruces admitiu todos os feitos, incluida a non devolución íntegra de todo o material cedido, pero manifestou que non atopa eses mapas. Durante o proceso, Vila de Cruces alegou a incompetencia de xurisdicción alegando que o convenio que no seu momento asinara con Lalín estaba suxeito á Ley de Contratos Administrativos. Neste punto, a titular do Xulgado Número 1 aclara que si pode mediar neste proceso porque en realidade se trata dun convenio de cesión de bens para a súa exposición e, polo tanto, “es un contrato de colanoración entre entidades públicas”, dado que non se fala de competencias propias da administración, senón de disposición de bens. Nesa exposición en Cruces había caixas con distintos tipos de rocas, apuntes, microscopios, revistas de xeoloxía ou fotografías aéreas ou persoais.

Cinzas no Candán

Por outra banda, hoxe cumprense 18 anos do esparexemento das cinzas de Hilgen no Alto de San Benito, na Serra do Candán. O 16 de outubro de 2004 colocouse nese enclave unha lousa en lembranza de tal evento, que se completara cunha breve semblanza do investigador holandés e unha andaina guiada polo biólogo Martiño Nercellas e o xeógrafo Antonio Presas.