Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas subliña no pregón de Sopa de Letras que Lalín “sabe a cousas ricas”

A escritora bautiza como “binomio fantástico de Galicia” a capital dezá no inicio da festa literaria | A xornada inaugural xunta a público de todas as idades na carpa do certame

Costas le o pregón, diante de Crespo, Blanco e libreiros de Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Unha carpa instalada na Praza da Igrexa acolle dende onte a festa literaria denominada Sopa de letras, que continuará ata mañá orgnizada polo Concello en colaboración coas librarías locais Alvarellos, Álvarez, Dalvi, Nigraponte e Raíces. Nesta xornada inaugural, o momento máis esperado foi o pregón a cargo da recoñecida escritora e colaboradora de FARO DE VIGO Ledicia Costas, acompañada por José Crespo, alcalde de Lalín, e por Begoña Blanco, concelleira de Cultura. Costas empregou unha linguaxe que foi moi ben recibida polo público asistente. A escritora falou de palabras, sabores e fantasía para ensalzar o evento literario lalinense.

Ambiente nos postos do certame. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

“Hai palabras que saben a outono: castañas, ósos de santo ou chulas. A min, a palabra Lalín sempre me soubo a cousas ricas”, dixo a autora de Escarlatina, a cociñeira difunta. A escritora viguesa tamén desvelou que “nunca me convidaron a xantar un cocido de Lalín e iso convérteme nunha galega un chisco incompleta. Durante anos sempre que alguén pronunciaba a palabra Lalín, eu vía na miña cabeza constelacións e bandexas fumegantes cheas de cocido e por iso bauticei este lugar com o binomio fantástico de Galicia”. Ledicia Costas rematou a súa intervención lembrando a habilidade culinaria da súa nai: “O venres comeza unha festa literaria en Lalín, onde naceu un importante astrónomo que construíu unha cúpula xigante para cazar estrelas. Eu pedireille en segredo á miña nai que cociñe unha sopa para vós... e conquistarei ao público que habita no binomio fantástico de Galicia”.

Presentación da obra de Thalía Troitiño. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Durante a tarde (as librarías foron as primeiras en abrir na carpa da Praza da Igrexa), tiveron lugar numerosas actividades para públicos de todas as idades. Os Mirlotís leron un conto de xeito animado e puideron facer o seu propio ex libris mediante técnicas de tallado para os máis cativos. A continuación, e seguindo co público familiar, houbo un concerto de Golfiños no que os rapaces tiveron un protagonismo especial. Logo, desenvolveuse o espectáculo poético-musical “Desnortadas” de Rosalía Fernández Rial e María Álvarez. E tamén Thalia Troitiño presentou o seu libro O poder máxico do sorriso. Ademais, a Cervexería Beltane acollía ao peche desta edición unha intervención de Nuria Vil. Sen esquecer que durante toda a tarde foi posible observar a exhibición da imprenta itinerante Alouette Machine con traballos que lembraron aos feitos de xeito tradicional aplicando a tinta sobre as pezas metálicas coñecidas como tipos.

Obradoiro da imprenta itinerante Alouette Machine na Sopa de Letras de Lalín. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A asistencia de público foi constante durante toda a tarde, polo que tanto Crespo como Blanco celebraron a boa acollida da festa literaria que este ano estreaba formato, agradecendo a participación dos libreiros da vila e de todos os implicados. Os dous “animan a veciñanza a seguir degustando esta particular Sopa de Letras, xa que ofrece pratos para os gustos máis variados”. Así mesmo recordaron que “con cada exemplar que se merque no evento recibirase unha rifa e ao final de cada xornada farase un sorteo de lotes de libros, e que mañá e pasado proseguen as orixinais propostas” coas que fomentar a lectura entre os asistentes e tamén revalorizar a hostelería da zona.

Lalín convértese deste xeito nun referente literario esta fin de semana sen perder de vista o compoñente culinario. De feito, a propia Ledicia Costas chegou a dicir no seu pregón que “desde que cheguei aquí non parei de falar de comida pero é que creo que as cousas importantes case sempre se celebran arredor dunha mesa”. A que fora Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil no ano 2015 gústalle pensar que “os manxares que acompañan un xantar de celebración son apócemas contra os males da vida diaria”. E tén razón.

Segunda xornada con horario de mañá e de tarde

Segunda xornada con horario de mañá de tarde

Hoxe, as librarías abrirán de 10.30 a 14.00 horas. O encontro de Mirlotis será ás 11.00 horas, e as 11.45 horas chegará un obradoiro de ilustración con Leandro Lamas. Ás 12.15 horas Editorial Fervenza presentará novidades con Xoán Carlos García Porral, Toño Núñez, Margarida Fernández, Xosé Manuel Lobato, Fátima Iglesia e Manuel Núñez. Ao mediodía será a quenda do Roteiro Lalín Literario con Inacio Vilariño, que recuncará ás 16.30 horas. Mamá Cabra actuará ás 12.45 horas e Carlos Negro e Benxa Otero ás 13.30 horas. As librarías abrirán de 16.30 a 21.00 horas pola tarde. O encontro de bookstagramers chegará ás 17.00 horas. Media hora despois Jara Ortiz fará un contacontos. Ás 18.00 horas presentarase o Seminario de Estudos do Deza. 30 minutos despois Inacio Vilariño e Iván Suárez presentarán dúas obras de títeres. Diego Ameixeiras presenta ás 19.00 horas O cervo e a sombra e Xesús Fraga, Virtudes (e misterios). Un pasabares literario no Casino con Lois Pérez pechará o sábado literario.

Compartir el artículo

stats