As mozas e mozos do IES Laxeiro de Lalín asomáronse ás fiestras do centro educativo para berrar contra os cánticos machistas dos alumnos do colexio maior Elías Ahuja de Madrid.

Non son os primeiros en protestar imitando a posta en escena da polémica 'berrea': tal e como explican, a idea déullela o instituto Pérez Guzmán de Ronda, onde rapazas e rapaces tamén saíron ás ventás para sentenciar que "No, la violencia no es tradición".

Sabedores de que outra sociedade é posible, o alumnado do Laxeiro deixou claro o seu rexeitamento á violencia machista, dicíndolle si ao respecto, o bo trato e o afecto consentido. "A linguaxe importa", "rachamos estereotipos" ou "pactamos novas tradicións" son outros dos lemas que vocearon, orgullosas e orgullosos de estar educándose "en igualdade".