Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

JOSÉ LUIS FACTOR RODRÍGUEZ nnficha persoal | Xefe de zona dos servizos veterinarios de Saúde Pública

“A crise das vacas tolas e o COVID foron dos peores momentos da miña carreira”

“Nos últimos 30 anos deuse un salto moi grande en materia de seguridade alimentaria”

José Luis Factor no centro de saúde de Lalín, onde ten o seu despacho. BERNABE/JAVIER LALIN

O 30 de novembro, José Luis Factor xubílase tras 43 anos de servizo na administración, dos que pasou 27 como xefe de zona dos servizos veterinarios de Saúde Pública, na Consellería de Sanidade. Antes de asumir este cargo na reestructuración de 1995, traballara como veterinario titular no Concello de Agolada, labor que compaxinaba coa consulta clínica.

–Nestes 27 anos, ¿cales foron as crises de seguridade alimentaria máis graves ás que tivo que enfrontarse?

–Houbo dous momentos difíciles, que foron a crise das ‘vacas tolas’ e, xa moito máis recente no tempo, o coronavirus. A das vacas tolas fora no ano 2000 e, ainda que non afectou moito a esta zona, supuxo a escala nacional unha auténtica revolución, ata o punto de que había xente que deixara de comer carne de vacún para buscar outras alternativas como a de avestruz. Esta crise marcou un antes e un despois, porque provocou que se intensificaran os controis nos matadoiros e que se modificase toda a lexislación sanitaria.

–¿Foi peor que o COVID?

–Os dous están entre os peores momentos. No caso do coronavirus, tivemos que controlar condicións de aforo e separacións de mesas en restaurantes, cómo funcionaban os supermercados, o emprego de mascarillas... O noso servizo vela pola seguridade alimentaria non na producción, [isto depende de Medio Rural] senón na cadea da industria e da distribución. Lembro que tralo estoupido do COVID, como ainda non estaba claro o modo de transmisión, había ata medo de que as panaderías despachasen o producto sen guantes. Tivemos que enfrontarnos, tamén, a brotes da enfermidade entre os traballadores de, por exemplo, matadoiros. Agora a situación xa é distinta, trala vacinación, e non hai o risco dos primeiros momentos. Vemos que xa non é obrigatorio levar mascarilla ou desinfectar as mans ao entrar nun local.

–¿Mellorou a seguridade alimentaria nestes case 30 anos que vostede leva á fronte do servizo de Sanidade?

–Deuse un salto moi grande. Antano, por exemplo, sacrificábanse tenreinos nos baixos da Praza de Abastos. Había outros pequenos matadoiros municipais da zona norte da provincia, como en Cuntis, que non cumprían as condicións sanitarias. Estaban autorizados, si, pero con condicións moi precarias.

–Hai 10 anos, con motivo do seu ingreso como membro numerario da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, vostede falábame da asignatura pendente que tiña Galicia de regular a hixiene alimentaria para axudar á venta directa. ¿Cal é a situación actual?

–Aquí tardouse moito en lexislar sobre a venta directa, porque a norma é de 2020. Na UE esta normativa existe dende fai anos e agora, coa normativa tamén aquí xa se regula, por exemplo, a posibilidde de sacrificar polos en pequenas explotacións para a venta directa, sen ter que pasar por matadoiros industriais.

–Agora que estamos inmersos nun comercio que quere ser sostible, ¿os consumidores somos máis esixentes?

–Ás veces nun supermercado podemos atopar, por exemplo, uvas fóra de tempada. Pois resulta que esas uvas poden vir de Taiwan ou Chile, por poñer un caso. Temos que pensar que a globalización implica ás veces importar productos doutros países que poder non ser tan esixentes en seguridade e hixiene alimentaria como é España. O certo é que agora os consumidores, por esa concienciación contra a pegada de carbono, tenden a fiarse máis do produto cultivado ou criado en proximidade.

“Trala xubilación, estou a disposición da miña señora”

–¿Podemos dicir que a normativa sanitaria galega e española están entre as mellores do mundo?

–A normativa sanitaria que aplicamos na comunidade e no Estado é a que marca a Unión Europea. E nalgúns temas, como o uso de determinados aditivos, [que poden estar vinculados a cancros] a UE é moito máis esixente que os Estados Unidos.

–Vostede e eu coñecémonos máis que polo seu traballo como funcionario da Xunta, polo seu labor no colectivo O Mencer e na Coral Polifónica de Agolada. Tamén forma parte do grupo de música De Perdidos al Trío e do Coro de Cámara Música Viva, de O Carballiño. Ten, tamén, un cuarteto coas súas dúas fillas e Maruxa Fuciños. É de pensar que cando se xubile terá máis tempo para todas estas actividades.

–Pois o que teño previsto é estar máis a disposición da miña señora, porque eu precisamente sacaba tempo para estas cousas a costa de non llo adicar á miña muller. Tamén é certo que non teño previsto aburrirme, con todas estas actividades.

“Non temos relevo na Coral de Agolada”

–¿No colectivo O Mencer están notando que a xente dona menos alimentos ou menos diñeiro pola recesión económica?

–Se falamos de donacións en diñeiro, si que é verdade que hai un descenso, e pode ser que se deba a que nestes dous anos de pandemia non puidemos orgaizar eventos para recaudar fondos. En canto á obtención de alimentos, estamos conseguindo bastantes a través de convenios con outras entidades, como a Cruz Vermella. Temos bastante ben organizado o suministro de alimentos. E tamén é verdade que durante o verán tivemos donativos de productos de horta, como tomates, que eran excedentes de produccións particulares.

–A Coral de Agolada, igual que a Banda de Música Municipal, tamén vai celebrar en breve os seus 30 anos de existencia, no mes que vén. Vostede é un dos membros máis veteranos. ¿Era raro ver homes daquela nas corais?

–Pois non, dende un inicio sempre houbo voces masculinas. Eu levo como presidente da coral 25 anos, e o que sí que noto é que, despois destas tres décadas, os integrantes imos indo vellos e non temos moita resposición de xente nova. De feito, quizais sexa eu un dos membros máis novos.

Compartir el artículo

stats