“Dos seus pais herdou os maiores tesouros do mundo, a humildade, a loita, a bondade. O seu primeiro apelido (Marque) é sinónimo de bicicleta. O segundo (Porto) é o de sociabilidade. Por iso non é de estrañar que pedalee polas estradas da Vida, dende Pernaviva ata Tavira no sur de Portugal, sempre cun tenue sorriso na faciana”. As verbas do escritor estradense Xosé Luna no seu libro “Da lectura e outras cousiñas” puideron escoitarse onte nun acto cheo de emoción e agarimo.

A súa chegada ao Xardín da poesía. | // BERNABÉ/J. LALÍN

Non podía ser doutra maneira, tendo en conta o protagonista. Por que o ciclista estradense Álex Marque non é un persoeiro calquera no colexio do Foxo. Alí dou clase durante anos a súa falecida nai e no seu pavillón luce como exemplo de loita e superación un mural coa súa figura. A partir de agora, no momento da súa retirada, ese pavillón levará o seu nome. Desta volta Álex xogaba en terra coñecida, rodeado dos seus e acompañado do recordo dos que xa non están. Chegan momentos de cambio para el pero todo é máis sinxelo cando un o afronta así de ben querido.

Quizais por iso as emocións embargaron ao ciclista estradense dende a súa entrada pola porta. Fíxoo para atoparse cunha recepción especial nun lugar especial. “O xardín da poesía”, ese coñecido recuncho do colexio do Foxo polo que pasaron tantos amigos e persoeiros nos últimos anos, foi bautizado así no seu día en recordo da súa nai. Houbo música e verbas dos máis cativos pero tamén louvanzas por parte do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do alcalde, José López Campos; e da directora do centro, Rosa Ferreira. Todo rodeado de numerosos amigos que decidiron estar neste acto de homenaxe, moitos deles coñecidos do mundo do ciclismo.

Marque estivo arropado por familia e amigos. | // BER./J. LALÍN

Houbo o tradicional destapado da placa co seu nome ás portas do pavillón e moitas verbas bonitas recordando a súa traxectoria, os seus valores e o seu carácter sinxelo e humilde pero foron as súas propias as que resumiron todo: “É un día deses especiais para min coma deportista. As veces, pasas por días duros, adestramentos esixentes,sabores ou derrotas,pero días coma o de hoxe danlle sentido a todo ese esforzo. Como xa sabedes, este colexio, ten un significado moi especial para min e para a miña familia. Hai anos o xardín da entrada foi acollido co nome de Xardín da Poesía en honra a María Porto, mamá. ¿Bonito, verdade? Amor, deporte e cultura collidos da man”.