Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Clara Iglesias | Autora de A Estrada Encantada. Contos, mitos e lendas.

“A última xeración que coñecía toda esta mitoloxía xa está desaparecendo”

“A maioría das nosas lendas compartímolas con gran parte da Europa occidental”

A autora Clara Iglesias, onte, durante o acto de presentación no MOME. | // BERNABÉ / JAVIER LALÍN

O MOME da Estrada acolleu onte a presentación do libro A Estrada Encantada. Contos, mitos e lendas, obra da autora estradense Clara Iglesias e que foi editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. Iglesias estivo acompañada polo contacontos Marcos Borrageros, e polos músicos Anxo Fernández e Gustavo Brea, que fixeron un percorrido polo universo mitolóxico do concello da Estrada.

–Como autora, que valoración fai da súa nova obra?

–O libro parte dunha base de mitos recollidos ó longo do Concello da Estrada. Eu non recompilei todas as lendas, pois tomei un gran número delas doutras fontes. Partindo dese corpus, a miña intención foi clasificar todos os mitos e interpretalos para atopar a orixe de cada un deles.

–Di que recolleu moita información doutras fontes. De cales? Habitualmente relacionamos a transmisión dos mitos e lendas coa tradición oral. Non foi así neste caso?

–Pois non te creas, hai moitas fontes escritas que se poden consultar. Precisamente, a idea de escribir este libro veume a raíz de consultar Estrada Rural, un libro do escritor estradense Manuel Reimóndez Portela. Eu formo parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes, onde sempre estamos traballando con temas de patrimonio, e este é un libro de cabeceira para nós. Pois mirando outras cousas, decateime de que Reimóndez deixaba no seu libro un apartado para as lendas de cada parroquia da Estrada. Isto foi o que me animou a comezar a miña investigación.

–A maiores do libro de Reimóndez Portela, puido contar con outras fontes escritas?

–Si que utilicei máis textos. Por exemplo, tamén botei man do libro A Estrada, de Pedro Varela, que foi publicado en 1923 e reeditado e traducido ó galego por Vagalumes, no 2017. Tamén tomei información noutros sitios, como no Diccionario de Madoz, así como noutros artigos. Atopei bastantes fontes escritas. Tamén atopei testemuñas orais, o problema é que a última xeración que coñecía esta mitoloxía antiga xa está desaparecendo.

–A Estrada é un municipio moi prolífico en canto a mitos, en comparación con outras partes do territorio galego? E dentro do propio concello, hai diferenzas entre as distintas parroquias ou zonas?

–Pois a verdade é que non o sei, pero polo que puiden ver, hai moitas lendas que se repiten continuamente no noso concello, e tamén noutros municipios galegos. Pero a cousa vai máis alá, eu penso que moitas dos nosos mitos compartímolos, dalgún xeito, con toda Europa. Ou polo menos, con toda a Europa occidental. Así que non , orixinais non somos. Se hai diferenzas dentro do propio concello non o sei, porque non reparei nese aspecto, pero a miña sensación é que non existe moita diversidade entre as diferentes parroquias da Estrada.

“Na Estrada repítese a figura dos mouros”

–Que lendas destacan dentro do mundo mitolóxico existente no concello da Estrada?

–Toda esta mitoloxía ten a sía base en épocas moi antigas, polo que normalmente son comúns en moitos países de Europa. Creo que deberiamos desterrar un pouco a idea de que Galicia é unha “terra de meigas”, porque a maior parte da mitoloxía precristiá que temos compartímola con gran parte de Europa. O que si é certo, é que os nosos devanceiros interpretaron cada mito á súa maneira, pero é innegable que todos proceden dunha mesma orixe.

–Pero na Estrada non temos ningunha criatura terrorífica, ou algún tesouro gardado polos mouros?

–Por suposto, os mouros son a figura mitolóxica que máis aparece polo noso concello. En cada castro do municipio hai un asentamento de mouros, que viven baixo terra cos seus tesouros. Iso si, teñen tratos coa xente da aldea porque son grandes bebedores de viño e adoitan negociar cos veciños para desfrutar destes praceres da vida. Posiblemente, o lugar máis mítico da zona é o Pozo de San Xoán da Cova, que está moi preto de San Miguel de Castro. A lenda conta que unha lagoa asolagaba os campos, ata que un campesiño pactou co Demo, coa idea de que a auga desaparecera e a terra fora cultivable. O Diaño cavou o burato para filtrar a auga, e a cambio pediulle ó campesiño unha das súas fillas. Conta o mito que o Demo preguntou “cal delas” iría con el, o que daría pé ó topónimo Caldelas, asentamento cercano ó famoso pozo.

–Os mouros son figuras moi representativas da mitoloxía galega. Teñen estes individuos algún trasfondo histórico?

–As investigacións din que é unha maneira de chamarlle a seres que se consideran alleos á comunidade, pero que levan vivindo alí milleiros de anos. Podería ser unha reminiscencia de cando estiveron aquí os árabes, pero a tradición descríbeos dun xeito moi diferente a eles.

“A relixión oficial intentou cristianizar todo”

–Estas lendas son, na maior parte dos casos, anteriores ó cristianismo. Como afectou a chegada da nova relixión oficial á vella mitoloxía galega?

–O cristianismo intentou cristianizar todo aquilo que puido. Existían unha serie de antigos ritos e cultos precristiáns, relacionados case sempre con elementos da natureza, que a nova relixión adaptou para si mesma. Por exemplo, onde había un lugar máxico relacionado cas augas, o cristianismo instalaba unha capela cunha santa e unha fonte con propiedades curativas. Nos cruces de camiños, que tradicionalmente foran lugares máxicos, o cristianismo colocou cruceiros.

–O feito de que moitas destas lendas chegaran a dúas ou tres xeracións anteriores á nosa cun bo estado de saúde, quere dicir que o cristianismo fracasou neste aspecto?

–Pois en certos casos si que fracasou. Algunhas lendas conseguiron cristianizalas, pero outras seguiron conservando ese sabor a antigo. Outros mitos non os cristianizaron en absoluto, como a lenda da galiña cos pitiños de ouro.

Compartir el artículo

stats