Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Brígida Hermida Ferro | Propietaria de Xearte Brigitte

“O segredo do xeado é a calidade da materia prima, unha boa formulación e o saber facer”

“Hai doce anos os recursos para aprender a facelos profesionalmente eran mínimos”

Brígida Hermida, propietaria de Xearte Brigitte, condecorada con el sello de calidad de Artesanía alimentaria

Brígida Hermida Ferro naceu en Vila de Cruces en 1981. A súa vida laboral adicouna á enxeñería agrónoma ata que, hai doce anos, á empresa onde traballaba chegou un proxecto de xeados. Foi aí cando empezou como xeadeira. Hai oito anos abriu a súa tenda Xearte Brigitte en Santiago de Compostela e o seu bo labor levouna a conseguir que, por primeira vez, o seu establecemento acadase o selo de calidade de Artesanía Alimentaria de Galicia.

–¿Qué supón este recoñecemento para vostede?

–Sinto que é unha recompensa moi grande polo traballo que levo feito estes oito anos, porque é unha satisfacción persoal que a norma de calidade saira adiante, e ser a primeira en conseguila é moi agradable e un orgullo. É a primeira vez que se outorga este selo de calidade a unha xeadería.

–¿Cómo chegou a acadar esta certificación?

–A norma técnica ten uns parámetros que hai que cumprir para que che dean os selos. No meu caso non foi necesario cambiar nada da miña produción nin da miña forma de elaborar xeados, posto que eu xa estaba cumprindo con todos os requisitos. Non se poden empregar productos preparados, nin colorantes, nin saborizantes, e iso estábao facendo diariamente.

–¿Onde se forma unha para ser xeadeira?

–Na actualidade existen diferentes escolas que teñen formación en xeadería. A través da Asociación Nacional de Heladeros foi onde empecei eu a facer os primeiros cursos e tamén realicei un máster na Universidade de Alicante. Pero existen varias escolas que contan con cursos.

–¿De onde nace a súa paixón por esta profesión?

–Eu, de profesión, son enxeñeira agrónoma e empecei neste mundo por interese propio. A miña paixón nace por casualidade, mentres estaba traballando nunha cooperativa de leite, xurdiu un proxecto para facer xeados e alí foi onde comecei e engancheime a este tema. A partir de aí fun investigando, formándome con profesionais e cada vez íame gustando máis, polo que xa me quedei neste oficio.

–Leva doce anos neste traballo, ¿cómo foron os inicios?

–Os inicios foron moi duros porque hai doce anos a formación á que se podía optar era mínima, había moi poucos recursos para aprender a facer xeados profesionalmente. Os tres ou catro primeiros anos foron difíciles nese sentido.

–¿Cal é o segredo dun bo xeado para vostede?

–A calidade da materia prima, unha boa formulación e o saber facer.

–¿Cómo é o proceso de elaboración?

–O primeiro paso é elixir o sabor de xeado que se quere preparar, escóllense os ingredientes, xa sexa froita, leite ou outras cousas, e téñense que pesar en función da formulación que queiramos. Logo, procedemos a pasteurizalos, deixámolos repousar durante unhas horas e xa se inicia o xeado.

–¿É un produto que se demanda moito ao longo de todo o ano ou soamente nos meses de verán?

–Cada vez demándase máis ao longo de todo o ano. Comezamos abrindo só na época do verán, despois pechabamos, e agora estamos mantendo a temporada case durante todo o ano. Cerramos o mes de novembro, pero en decembro iniciamos a campaña de Nadal e a partir de principios de marzo xa abrimos.

–¿Ten en oferta algún sabor curioso ou que poida saírse do habitual?

–Temos algún, pero en épocas puntuais sempre. Por exemplo, por San Xoán facemos un de pan de broma con sardiñas, que xa se convertiu nunha tradición e que elaboramos dende hai oito anos. Tamén temos outros sabores máis específicos ou destinados á hostelería que os elaboramos en función da demanda que nos fagan. Na vitrina os que máis destacan son os de produtos galegos como os queixos. Elaboramos xeados das cinco denominacións e iso á xente chámalle moito a atención.

–De cara ao futuro, ¿hai algunha outra certificación a que dexese optar proximamente?

–No ámbito nacional estase a traballar neste tipo de normativas, cousa que antes non existía. Galicia vai ser a primeira comunidade autónoma en realizar este tipo de certificacións.

Compartir el artículo

stats