Cultura con cores de outono é o nome do cartel da programación do Concello de Lalín para o mes que entra, “que representa coma ningún outro esta estación”, tal como apuntou a concelleira Begoña Blanco na súa presentación. “Como é habitual, pensamos en actividades para diferentes públicos e preferencias”, concretou antes de pasar a desglosar as citas.

A primera será un curso de dirección de corais este sábado, día 1. A seguinte chegará o venres 7, ás 11 horas no Salón Teatro, cunha obra do programa autonómico Ler conta moito, que leva por título Pola igualdade dende a maxia, de Leo Leiño. Ese mesmo día poderase escoitar o concerto do grupo Cacabelos, ás 21 horas, na Rúa Rosalía de Castro. Inauguraranse tamén nesa xornada os Cantos de Taberna, de 21 a 23 horas, a cargo de Os Varacuncas e Ponte de Prata, na Avenida Luis González Taboada.

Na seguinte semana, o xoves 13, haberá unha charla-coloquio sobre o cancro de mama no Museo Municipal Ramón Aller ás 17:30 horas. Xa na fin de semana, terá lugar un dos principais eventos culturais deste mes, con protagonismo para a literatura: a mostra do libro de Lalín titulada Sopa de Letras desenvolverase do 14 ao 16. O horario do venres e do sábado será de 10 a 14 e de 16:30 a 21 e o domingo, só de mañá. Estará localizada na Praza da Igrexa, baixo unha gran carpa, con “postos e propostas para todos os gustos, así coma múltiples actividades complementarias”, di Blanco.

A maiores, o sábado 15 haberá unha actuación de Carlos Blanco, coa súa peza Os mellores monólogos, no Salón Teatro ás 21 horas. As entradas poderanse adquirir no Museo Ramón Aller.

Este último escenario acollerá, o xoves 20, ás oito da tarde, a conferencia A Vía Láctea e outros motivos do Camiño de Santiago, da man de Cecilia Doporto. Para o día seguinte, ás nove da noite, no Salón Teatro, está fixada a obra de teatro Nais, da que as entradas tamén se venderán no museo e online.

Ese mesmo venres recuncan os Cantos de Taberna, con Os Trasnos de Doade, Repenicando e A Carballeira de Cercio, que animarán o entorno da Praza da Marina e as rúas B e Nuno Eanes de Cercio. En engadido, o 21 terá lugar a inauguración da exposición das obras da Asociación de Amas de Casa Laxeiro ás 20 horas no Auditorio municipal.

Esa fin de semana estará protagonizada pola música, xa que o sábado 22 está previsto o I Festival internacional de Acordeón de Lalín, no Salón Teatro ás 19 horas.

Ler conta moito volve o luns 24 co número Extra, de Paco Nogueiras, ás 11 no Salón Teatro. E ese mesmo día tocarán A Brincadeira de Carbia e Os Xuncos, na Praza da Igrexa, no horario habitual dos Cantos de Taberna. A actuación final deste ciclo será o venres 28, a cargo de Ailola, Os Dezas de Moneixas e Carballo de Manteiga na Marina e nas rúas B e Nuno Eanes de Cercio.

Para finalizar o mes, o domingo 30, terá lugar unha nova cita de Facendo Camiño por Lalín: a Ruta das Fragas de Catasós, circular, de 17 kilómetros e dificultade media. A inscrición farase a través da web de Roteiros de Lalín.

Ademais, tal como indicou a edila, pódense continuar a visitar as exposicións de Paco Lareo no Museo Ramón Aller e Entropía no Auditorio Municipal de Lalín ou as permanentes do xoguete, a arqueoloxía e as salas de Hilguen e Loriga no Pazo de Liñares. Por último, Blanco instou a “acudir e gozar dos actos fixados, xa que son todos proxectos de gran calidade que de seguro farán pasar un bo rato aos que sexan partícipes dos mesmos”.

Ronda polos centros educativos

Na mañá de onte, o alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira de Educación, Begoña Blanco, realizaron unha ronda de visitas aos centros educativos para interesarse pola súa situación unha vez iniciado o curso escolar. Achegáronse ata os colexios públicos do casco urbano, Manuel Rivero e Xesús Golmar, e tamén aos tres do rural, Varela Buxán de Cercio, Xoaquín Loriga de Prado e Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe. Tamén acudiron aos institutos. O obxectivo destes encontros é manter un contacto directo coas directivas dos distintos centros, falar cos responsables de cada equipo, visualizar cada caso concreto e observar as actuacións necesarias para continuar a mellorar as instalacións antes de que remate o ano.