O Concello de Silleda é unha das entidades colaboradoras do programa teatral que leva por título 5x5 e que vén de ser seleccionado na convocatoria de Territorio Cultura, da Xunta de Galicia, a través dos fondos Next Generation para achegar iniciativas culturais aos espazos rurais. Consta dunha rede de aulas de teatro con obradoiros que chegarán a cinco municipios polos que pasa o Camiño de Santiago: Allariz, Lalín, Mazaricos, Vedra e Silleda, onde as sesións se impartirán no Centro Cultural Vista Alegre, nas xornadas de mércores en horario de 20:00 a 22:00 horas. A data de inicio será o 19 de outubro.

As persoas que queiran participar nos obradoiros, de balde para o alumnado, xa poden inscribirse no Concello, chamando ao 986 580000 (preguntando polo departamento de Cultura) ou enviando un mail co nome e número de contacto ao enderezo cultura@silleda.es. Os obradoiros terán unha duración de cinco meses e o curso rematará coa creación dun espectáculo e unha xira de tres actuacións por escenarios de Galicia.

Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza a aproveitar esta oportunidade, na que, ademais de recibir formación, o alumnado achegarase ás artes escénicas cunha produción propia que se representará noutras localidades. Os obradoiros serán impartidos por Iria Azevedo, Clara Gayo e Cris Collazo.