Francisco Vilariño, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Lalín, presentará una moción relativa a reclamar á Xunta de Galicia unha actuación urxente no coidado do Monumento Natural das Fragas de Catasos. A petición apóise nun texto aportado porlo biólogo Martiño Nercellas que comeza sinalando que o Monumento Natural da Fraga de Catasós “é unha das xoias forestais do país. Coma recoñecemento da súa importancia foi declarada espazo protexido no 2000 e no 2007 incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. No 2016 tamén recibiu a distinción de Área de Especial Interese Paisaxístico. O 2 de xuño de 2022 o Consello da Xunta de Galicia finalmente, e tras moitos anos de agarda, aprobou o seu Plan de Conservación”.

Nercellas resalta que este bosque mixto esténdese ben conservado varias hectáreas máis fóra do monumento natural, “no que cabe destacar o souto centenario de Casas Vellas. No seu conxunto alberga unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 400 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos, conformando deste xeito unha fraga de alto valor ecolóxico”.

Pero a Fraga de Catasós debe a súa popularidade e singularidade, con respecto a outras fragas galegas, á presenza de castiñeiros que acadan unha altura case única en Europa. “Atopámonos cunhas árbores nun estado silvestre que non foron nin podados e demoucados que medraron apertados nun espazo moi estreito, e que vistos dende a súa base sorprenden por ter uns robustos e grosos troncos monopódicos dereitos e de infrecuente altura na procura de luz”, explica Nercellas ao respecto. E engade que os cinco máis impoñentes pasan por riba dos 30 metros e contan cun perímetro que oscila entre os 3,20 e os 5,40 metros”. Ademais, no texto se lembra que unha datación dos aneis de crecemento realizada no 1993 por Pérez Antelo determina que teñen máis de 250 anos chegando a contar ata o ano 1759 do século XVIII.

Esta fraga pertenceu ao Pazo de Quiroga vinculada por uns anos a literata naturalista Emilia Pardo Bazán. “Disque este feito tería influído na súa escrita e obras”, indica o biólogo lalinense. A figura máis importante na defensa e protección desta fraga foi sen dúbida o científico Ernesto Viéitez Cortizo (1921-2013). Certamente a el débeselle que estes maxestosos castiñeiros sexan coñecidos internacionalmente. Contou con familia en Prado o que lle podería ter permitido ‘descubrir’ esas árbores. Coma investigador no estudo do castiñeiro na Misión Biolóxica de Galicia foi membro da Comisión Internacional do Castiñeiro. Nunha das súas xuntanzas en Italia, no 1953, fai amizade cun dos máis reputados especialistas mundiais desta árbore, o representante norteamericano da FAO, o Dr. Filippo Gravatt, ao que convida a coñecer estes castiñeiros”. Nercellas lembra que “ó seu regreso a Roma o científico norteamericano fixo que a FAO se dirixise ó goberno español recomendándolle que arbitrase as medidas necesarias para evitar que aqueles castiñeiros fosen abatidos. Como fitopatólogo traballou coa praga da tinta que estaba asolar aos castiñeiros de Europa. Vieitez Cortizo influíu decisivamente para que a Xunta de Galiza adquirira esta fraga e posterior declaración coma monumento natural”.

Cabe suliñar que o castiñeiro máis alto figura co número 76, seguido polo 43, 77 o 105 e o 106. “Todos eles exemplares únicos. As árbores numeradas entre o 54 ao 66 identifican os carballos máis vellos e de grandes dimensións. Os números 487 e 500 son sobreiras tamén centenarias descortizadas”, remata o científico dezao.

A moción remata dicindo que “hoxe quen visite este espazo, vai toparse cuns sendeiros abandonados, comestos pola vexetación, e inaccesibles por partes, unha sinalización desbaratada de todo, podrecida, e un dificultoso acceso e aparcamento, incluso con coches aparcados na entrada ao espazo”. Por todo o exposto, o BNG de Lalín considera que precísanse por en marcha actuacións de protección dos seus castiñeiros xigantes, moi desatendidos en canto ao tratamentos silvícolas de mantemento e conservación, que os expón “a súa perda por posibles efectos de temporais e a entrada de enfermidades”.