Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Redondo neira nnficha persoal | Presidente de la Fundación Xosé Neira Vilas

“Hai un mercado editorial en Galicia moi interesante”

“Todo proxecto que busque recuperar a obra de Neira Vilas ou a súa figura, nós acollémolo encantados”

Fernando Redondo Neira, na ponte sobre o río Ulla que une Gres co concello de Boqueixón. |

Desde o seu cargo como presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo Neira procura divulgar e promover a obra do autor. Por iso, na actualidade mostra a súa satisfacción trala reedición da obra Memorias dun neno labrego en inglés e a incorporación desta á colección Lectura Fácil, co fin de que as persoas con dificultades poidan gozala.

–Leva tres anos ao frente da presidencia da Fundación Xosé Neira Vilas, ¿qué balance fai deste tempo no cargo?

–Persoalmente, estou satisfeito porque a fundación segue cumprindo as súas funcións primordiais, promovendo e divulgando a obra de Xosé Neira Vilas e de Anisia Miranda, incitando á lectura dos seus libros e ao estudo da súas creacións. Entre outras tarefas, está a de servir de centro cultural nun ámbito rural como é Gres. Alí temos unha biblioteca de acceso público e gratuito na que realizamos diversas actividades.

–Queren recuperar os encontros literarios en Gres, ¿qué teñen plantexado para este retorno?

–Imos facendo segundo van xurdindo as oportunidades. Xa tivemos un primer encontro literario despois da pandemia, que organizamos en xuño, no que convidamos ao novelista Miguel Anxo Fernández, e agora, este domingo, imos ter un encontro coa editora e poeta Antía Otero. A partires de aí, non hai unha planificación certamente, mes a mes imos anunciando, a medida que imos confirmando as presenzas. A do domingo, o que busca é un achegamento á poesía, perderlle o medo a este xénero literario e que unha poeta nos conte en que consiste elaborar e crear un poema, en que consiste o traballo lírico, cómo é o taller literario, en que se inspira, que busca transmitir aos lectores. Estes encontros queremos que sexan moi cercanos, no que todos nos sintamos a gusto e cómodos para preguntar e falar, evitando o que eu chamo liturxia cultural, no que todo é demasiado formalizado e distante.

–Acaban de reeditar a obra Memorias dun neno labrego en inglés, ¿cómo xurdiu esta oportunidade?

–As iniciativas editoriais proceden, sobre todo, das propias empresas. Aí nós pouco temos que ver. Hai que ter en conta que isto é unha industria cultural, e por tanto depende de que unha determinada editorial entenda que merece a pena sacar ao mercado un determinado título, e isto é o que acontece neste caso. Memorias dun neno labrego xa está traducido a diferentes idiomas, en inglés dende o ano 2004. Agora, é unha editorial inglesa, Small Stations, quen edita, nunha colección moi interesante titulada Galicia Classics. Nós recibimos esta iniciativa con alegría e entusiasmo. Podemos promover, convidar e falar do que nos gustaría que se fixera, pero a fundación non é unha editorial. Quedamos a expensa de que sexan as empresas quen decidan sacar ao mercado as obras de Neira Vilas, polo que nos sentimos privilexiados.

–Imaxino que intentando facer unha lectura máis inclusiva, incluíronse as obras Memorias dun neno labrego e Espantallo amigo dentro de colección Lectura Fácil. ¿Onde naceu esta iniciativa?

–Todo proxecto editorial que busque recuperar a obra de Neira Vilas ou a súa figura, nós estamos encantados. Memorias dun neno labrego é unha obra esencial na historia das nosas letras e esta é outra forma de facela accesible a aqueles lectores que teñen unas maiores dificultades para a lectura. A colección de Galaxia busca libros que teñan unha especial acollida ou que tiveran unha recepción moi boa previamente e dende hai moitos anos en moitos lectores. No caso de Espantallo amigo, é un dos títulos dentro da literatura para nenos de máis éxito, que tamén tivo unha gran acollida e inclusive versións teatrais, e agora tamén se busca que chegue a este outro público.

–Dentro da fundación, ¿qué outros proxectos teñen previstos proximamente?

–A fundación vai seguir co que temos. Por un lado, cos encontros literarios e por outro os premios: Xosé Neira Vilas de novela curta, Arume de poesía para nenos e Anisia Miranda para rapaces. No día das escritoras, no mes de outubro, adicamos unha xornada a recordar a figura desta última. O 3 de novembro é o día de Neira Vilas e do lector. Son datas especialmente sinaladas no calendario que serven para xuntarnos todos os que sentimos unha admiración pola obra destes. A través da súa figura buscamos facer unha achega propia ao traballo cultural que se fai no rural e concretamente na aldea de Gres, en Vila de Cruces. Pretendemos que sirva de estímulo cultural para fomentar a lectura e o uso do galego.

–Vostede, que adica a súa vida á literatura, nesta era dos medios audiovisuais, ¿cómo ve o seu futuro en papel?

–Eu non son un especialista, pero a miña opinión é que a literatura en papel vai convivir con outros formatos e soportes e incluso poden colaborar. As adaptacións cinematográficas moitas veces serviron para que se leran e mercaran máis libros. Nese sentido hai unha simbiose entre o audiovisual e a literatura, non teñen porque ser inimigos.

–¿Cal é a súa opinión sobre a literatura en lingua galega?

–Non coñezo as cifras pero eu son sempre optimista. Obviamente o galego é o que chamamos unha lingua minoritaria ou minorizada, hai poucos falantes en relación con outras linguas moi cercanas, como o propio castelán e o inglés, que teñen millóns de falantes por todo o mundo e, por tanto, a literatura escrita neses idiomas ten un público potencial moi amplo. Eu, polo que observo, hai un mercado editorial en Galicia moi interesante, que está sacando ao público moitos títulos e iso significa que hai un público lector. Tamén sabemos que hai un galego exterior, en lugares como Arxentina, onde me consta que fillos e netos de emigrantes teñen un gran interese pola nosa cultura e lingua, polo que aí hai outro mercado.

Compartir el artículo

stats