Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán carlos garcía porral nnficha personal | Pregoeiro das Festas das Dores

“Non darei un pregón reivindicativo, senón que convide á festa”

“As festas son máis que o bullicio, un lugar de encontro para as familias e as amizades”

Xoán Carlos García Porral, onte, na Praza da Torre.

Xoan Carlos García Porral (Goiás-Lalín, 1974) será o encargado de pregoar as Festas das Dores deste ano. O venres, en torno ás 21:30 horas, inaugurará as celebracións xunto co chupinazo a cargo do alcalde dende a Casa de Álvaro.

–¿Cómo recibiu a noticia de que é vostede o elixido para dar o pregón das festas deste ano?

–Foi unha sorpresa porque con estas cousas un nunca conta. Un pensa que se escollerá a xente de fóra que poida chamar máis a atención ou que teña certo renome. Entón, nese aspecto pilloume de improviso. Cando mo comunicaron, díxeronme que o plan que teñen é que todos os anos vaia un representante do pobo do ámbito da cultura e das artes. Nesta ocasión decidiron empezar por min. Hai anos xa se fixo algo semellante, por exemplo, con Celso Fernández Sanmartín, e o que se pretende é voltar un pouco a aquela idea orixinal.

–¿Xa ten pensado sobre que vai tratar o seu discurso e que quere destacar nel?

–Ocórrenseme ideas distintas, entón pregúntolle a algunha xente que se cadra ten máis experiencia nisto. Porque non sei moi ben por onde tirar e uns danche unhas ideas e outros, outras. A verdade é que algo xa teño trazado e a ver se lle dou xa a forma definitiva e fago unha cousa que sexa para todos. Non quero que sexa un pregón reivindicativo, porque son festas, e como tal ten que ser algo que convide ás celebracións e que faga que a xente estea contenta. Intentarei que sexa integrador e que poida valer para calquera ideoloxía, nada de partidismos. Farei algo breve para que os presentes non se despisten e que o que lle diga lles chegue.

–Como lalinense que é, ¿qué recordos ten das Dores?

–A imaxe que teño é dende pequeño xa, onde me chamaba atención as atraccións que había. A medida que fun medrando, houbo unha época na que sempre había un concerto apoteósico, sempre viña un grupo con moito renome a nivel nacional e esperabas ese tempo para disfrutar da festa. Co paso do tempo, isto redúcese a quedar cos amigos o venres das festas e ir comer a algunha casa dalgún familiar para ir dar unha volta o sábado ou incluso o domingo. Como eu traballo en Silleda, o luns e martes non son festivos, así que eu o domingo xa me recollo para estar operativo no meu emprego. As festas son máis que o bullicio, é un lugar de encontro para as familias e as amizades. Algunhas só se ven de ano en ano nestas celebracións e, por iso, botámolas tanto de menos cando foi a pandemia.

–Se tivera que invitar a alguén de fóra para que acudira, ¿qué lles diría para convencelos?

–Lalín ten moitos recursos, polo que calquera momento é bo para vir. Loxicamente, o Cocido e as Festas das Dores son as dúas datas que marcan o desenvolvemento do ano lúdico. Pero estas festas non son soamente do pobo, senón que son de todas as parroquias que conforman o concello, son as festas de todos. Para a xente que veña de fóra é unha boa oportunidade para coñecer o lugar.

–Que sexa o pregoeiro de este ano ven un pouco dado polo seu desenvolvemento como investigador e creador de obras de carácter histórico antropolóxico, ¿de onde xurde a súa paixón por esta temática?

–A paixón por esta investigación é para aproveitar o meu tempo de ocio e porque o que me gusta é todo aquilo que teña relación coa vida da aldea. Por un lado, están os estudos etnográficos que xiran totalmente ao redor da aldea e dos cambios que se foron producindo, e tamén está o patrimonio inmaterial. Nós somos moi ricos en microtoponimia, por exemplo. Polo que é fundamental recoller as lendas e a información que nos aporte a xente maior, que son os que verdadeiramente teñen eses coñecementos. Unha vez que esa xente falte, con cada un que se vai pérdese unha fonte grande dos nosos coñecementos.

–Publicou o libro De mouros, mouras e tesouros -A comarca do Deza, ¿prevé sacar á venda algunha nova obra proximamente?

–Este libro decidimos publicalo en 2017 porque había que poñerlle un remate. Nós levabamos recollida información durante anos e tiñamos que poñerlle unha data, pero a partir de aí fomos coñecendo máis lendas. Polo pronto, estamos tratando de conseguir, para o ano, facer un libro sobre os mouros, que sería unha obra contando unha lenda deles e, ao final, indicariamos cales eran as súas características. Ese será o traballo máis inminente.

–Para rematar, vostede adica a súa vida profesional á docencia no IES Pintor Colmeiro de Silleda, ¿sempre se plantexou ser profesor tras rematar os seus estudos?

–Ao comezo non mo plantexei pero, por circunstancias vitais, rematei aquí. Estou moi contento co meu traballo e penso que os rapaces tamén, porque é a mellor maneira de que todo o labor de recollida que fago lle chegue aos nenos, ás novas xeracións. Nós no centro tiñamos un grupo de traballo onde acordamos recopilar a microtoponimia de Silleda e a mitoloxía e lendas de Trasdeza, e os rapaces fixeron un traballo marabilloso e puidemos comprobar como lles gusta facer eses labores e escoitar aos maiores. Esa é a maior gratitude que podes ter e o máis grande que che pode pasar, que unha soa persoa aproveite o teu traballo xa merece a pena.

Compartir el artículo

stats