José María Ballesteros Fernández foi un médico fidalgo con patrimonio en Codeseda, señor da casa de Monteagudo, onde destaca unha impresionante pedra armeira, e propietario dun muíño no regueiro de Xubrei, dono de veigas a labradío, prados e montes e ata dunha cochera ao pé da estrada PO222 en Xubrei.

Don José María, nado en Caldas de Reis o día 28 de febreiro do ano 1899, era fillo de Vicente Ballesteros Gil e de Manuela Ramona Felisa Antonia Pía Fernández Ferrer. Doutor en medicina, otorrinolaringólogo, foi un dos fundadores do sanatorio da Mercede en Santiago e era confrade da irmandade do Rosario de Santiago, na que fixo o seu ingreso o 1 de xaneiro de 1922. Desta confraría a liñaxe dos Ballesteros eran confrades perpetuos desde o ano 1600.

Contraeu matrimonio en Corcubión (A Coruña) o 17 de xullo de 1934 coa súa prima dona Carmen Castro Ballesteros, nada en Corcubión o 13 de outubro de 1899, filla de Jesús Castro Rey e de Consuelo Ballesteros Casal, veciños de Corcubión.

Finou don José María na súa casa na rúa da Virxe da Cerca de Santiago de Compostela o 20 de febreiro de 1945 e foi soterrado no cemiterio da Real e Ilustre confraría do Rosario desta cidade.

Tres anos despois de quedar viúva, dona Carmen Castro Ballesteros co fin de meterse a monxa fai un documento particular privado, onde os bens de Codeseda que foron herdados do seu marido pasan para o Seminario Conciliar de Santiago. Logo ante o notario don Jesús María Álvarez Martín-Taladriz con data 7 de outubro de 1948 fai unha venda dos bens de Codeseda por 200.000 pesetas ao devandito seminario Conciliar de Santiago de Compostela, que é.representado polo seu reitor e cóengo don Manuel Capón Fernández.

O reitor do Seminario Conciliar de Santiago dirixe unha instancia con data 29 de xaneiro de 1949 ao arcebispo, informándolle do documento privado e a verificación da venda por dona Carmen Castro Ballesteros do patrimonio que posuía por herdanza en Codeseda, onde nos di: “conservando mientras viva el usufruto del mismo, lo que consta no es el acta notarial de venta sino en documento particular y reservando asimismo, en ese documento particular el derecho a retraer el patrimonio si saliese del convento de las Reparadoras de Madrid en que ha entrado y lo necesite para vivir fuera del convento”.

“Que, a su fallecimiento, es su voluntad se sostenga una beca en el Seminario Conciliar de Santiago a cuenta de dicho patrimonio, para los aspirantes de la parroquia de S. Jorge de Codeseda exclusivamente, a fin de que dicha beca resulte una fuente de cultura y un despertador de vocaciones eclesiásticas. Los aspirantes de dicha parroquia han de tener domicilio en ella por tenerlo sus padres o morar allí su familia en caso de ser huérfano de padres”.

Finou dona Carmen Castro Ballesteros no convento das Nais Reparadoras de Valladolid o 25 de setembro de 1982. Foron varios os rapaces de Codeseda que foron a estudar ao Seminario de Santiago, mais non recordo coñecer a ningún que fose crego.

En 1970, pouco despois de morrer don Manuel Capón, o novo reitor do Seminario recibiu unha solicitude dun señor de Codeseda para instalar alí unha granxa de polos, e foi para el unha sorpresa, pois non sabía que o seminario dispuña desa propiedade. Foi rexeitada esta petición, pero en 1984 aceptaron vender a parte en que estaba a casa e o terreos que a circundan ao matrimonio estradense Ángel Bastida e Estrella Freijedo. No presente son propietarios da casa-pazo de Monteagudo, José Blanco Fuentes e a sua dona Sofía Santos Pérez, casa que foi arranxada baixo a dirección do prestixioso arquitecto Juan Navarro Baldeweg.