O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou un novo ciclo de actividades culturais no rural, que se retoma despois de dous anos de parón pola pandemia baixo o nome “Un cómico na aldea” e inclúe 40 eventos espallados pola meirande parte de parroquias estradenses. Esta iniciativa retoma outra de grande éxito que durante moitos anos recorreu A Estrada baixo o nome de “Teleclube da Comedia”. As primeiras actuacións enmarcadas neste ciclo terán lugar durante a fin de semana do 24 e 25 de setembro con funcións nas parroquias de Orazo –dentro da súa mostra de teatro afeccionado– Santeles e Riobó, e extenderase ata marzo do 2023.

“Un cómico na aldea” incluirá actividades culturais de teatro, novo circo, narración oral, monólogos, maxia, música e roteiros literarios, que se celebrarán nas escolas e locais sociais de 38 parroquias estradenses: San Andrés de Vea, San Xurxo de Vea, San Xulián de Vea, San Xiao de Vea, Cora, Couso, San Miguel de Barcala, Frades, Toedo, Santeles, Matalobos, Paradela, Arnois, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Riobó, Berres, Moreira, San Pedro de Ancorados, San Tomé de Ancorados, Curantes, Rubín, Callobre, Cereixo, Vinseiro, Lamas, Pardemarín, A Somoza, Tabeirós, Montillón, Nigoi, Parada, Ribela, Codeseda, Sabucedo, Ouzande e Guimarei.

Os artistas

A totalidade das compañías e dos artistas que protagonizarán o ciclo cultural son galegos e, na súa maioría, estradenses. O apartado teatral contará coas representacións de Disfunción Continua, As Lerchas, Bandullo Azul, Grupo Chévere, Teatro da Zarabándula e da Escola Municipal de Artes Escénicas. O novo circo estará representado polo Mimo Nono e por Isabel Risco. O ciclo tamén contará coas narracións orais de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Celso Sanmartín e Lois Pérez. Completarán a oferta cultural os monólogos de Isi e do Padre Xiao; o espectáculo de maxia de Manolo do Atlético e o Mago Toño; a actuación musical de Pablo Chichas e Miguel Guido; e os roteiros literarios que se levarán a cabo no Pazo de Oca e no Areal de Berres.

“Levamos tempo achegando parte da nosa programación cultural ao rural e este ano farémolo con máis forza ca nunca da man desta iniciativa especial e ilusionante, con eventos para todos os públicos e cun importante protagonismo dos artistas estradenses”, afirmou Constenla, quen explicou que a elección do nome “Un cómico na aldea” para denominar a este novo conxunto de actividades culturais preténdese homenaxear o trinta aniversario da publicación do libro “Un médico na aldea”, do autor estradense Manuel Reimóndez Portela.