Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Homenaxe perpetuo á gran impulsora do Camiño de Inverno en Diomondi

O albergue de peregrinos desta localidade de Sober levará o nome de Aída Menéndez Lorenzo, finada o pasado 27 de xullo | Acolleu esta fin de semana un acto na súa memoria que contou coa asistencia do presidente da Xunta e tamén tivo presenza dezá

Autoridades, familia e amigos, na homenaxe póstuma a Aída Menéndez diante do albergue de peregrinos. | // D.G.A.

O Albergue de Peregrinos de Diomondi, en terras lucenses de Sober, que en adiante levará o nome de Aida Menéndez Lorenzo, converteuse a pasada fin de semana, no principal escenario da pública homenaxe póstuma á que fora principal promotora do Camiño de Inverno a Compostela.

Igrexa hospital de Diomondi, onde se habilitou o albergue público que levará o nome da impulsora desta ruta. | // D.G.A.

Os actos comezaron cunha misa na súa memoria celebrada na igrexa do Colexio da Compañía en Monforte de Lemos, cidade na que residiu a homenaxeada, para continuar logo no Albergue Público de Diomondi. Contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e outras autoridades civís e eclesiásticas, representantes de diversas institución e organismos, asociacións e particulares, na que ocuparon lugar destacado a familia e membros da Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, que fundara e presidira ata o seu recente pasamento.

Por parte dezá, nos actos estiveron presentes o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o lalinense Román Rodríguez; o presidente da Asociación dos Camiños a Santiago por Lalín-Deza, Moncho Villanueva; e o Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén. Por Rodeiro, o outro concello dezao que atravesa o Camiño de Inverno, que impulsou en vida a homenaxeada Aida Menéndez, estiveron presentes o exalcalde Eliseo Diéguez García, o concelleiro de Turismo, Pablo Sobrado Vázquez, e a veciña María Isabel Diéguez Méndez.

Camiño por Deza

A presenza de Aida Menéndez na comarca de Deza para impulsar o Camiño de Inverno a Compostela, foi continua a partir dos primeiros anos do presente século. Daquela, a homenaxeada, sendo concelleira de Cultura en Monforte de Lemos, contactara cos alcaldes de Rodeiro e Lalín, procurando axuda e colaboración no proxecto de trazar e promover esta ruta xacobea a Compostela. En Rodeiro, foron o entón alcalde Eliseo Diéguez e o bibliotecario Xosé Carballo, quen procederon a sinalar o Camiño dende a Serra do Faro, nos lindes con Chantada, ata a Ponte de Pedroso, participando tamén en numerosas andainas e actividades de promoción desta ruta.

En Lalín foi o entón concelleiro de Cultura e Urbanismo, Román Rodríguez, quen se encargou de apoiar a iniciativa do Camiño de Inverno a Compostela, que se faría realidade en 2016 sendo precisamente o lalinense o encargado de oficializar o seu recoñecemento nun acto que se levou a termo en Rodeiro, no Pazo de Camba, por onde decorre esta ruta xacobea. De marcar este itinerario en terras do municipio de Lalín, encargaríase daquela o cronista dezao Daniel González Alén, que mantería en anos sucesivos unha estreita colaboración coa homenaxeada, contando coa axuda das súas fillas, Aurora e Oliva González Areán, e do entón xerente de Expodeza, Manuel Ferro, que plasmarían nunha Guía do Camiño pola comarca de Deza (2006), que serviría de base da que logo publicaría Aida Menéndez, a primeira coa ruta completa, da que se levan tiradas varias edicións.

Estes mesmos colaboradores, xunto a Francisco Villanueva, José Luís Rodríguez Jácome, Emiliano García Méijome e Fernando López Jácome, entre outros, axudarían na divulgación e promoción do Camiño de Inverno pola comarca de Deza, participando en moitas actividades organizadas pola que foi, ata o seu recente pasamento o 27 de xullo, aos 69 anos de idade, a principal impulsora desta vía de peregrinación a Compostela e fundadora e presidenta da primeira Asociación do Camiño de Inverno a Compostela pola Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, Aida Menéndez Lorenzo, da que quedará merecida lembranza neste senlleiro albergue de Diomondi, que perpetuará a súa memoria, que tamén ha de ficar na de cantos colaboraron con ela nesta fermoso labor de recuperar e poñer en valor esta histórica ruta xacobea.

Compartir el artículo

stats