As súas “cousiñas” (léanse, pensamentos, ideas, obras literarias, brincos de rituais ou pinchacarneiros vitais) caen sobre nós engordiñas coma as raiolas deste sol do verán coándose alfúfaras por entre as follas das árbores do seu Foxo (léase Mancondo) natal. Gusta de prepararse tranquilamente unha parva con leituga e queixo debaixo do freixo da casa, cun vaso de viño. Ou ver as nubes pasar. Ou coller o coche, sinalar un roteiro, e percorrelo para coñecer outros lugares. Gusta da aldea, do silencio, da lectura repousada e dunha conversa cos amigos. En definitiva, pon en valor as “cousiñas” miúdas, as que temos ao noso carón e que normalmente desprezamos, as que non custan cartos, que non están no mercado; as que nos fan a vida máis agradable. E é que o home que foi protagonista de excepción da nosa historia contemporánea, o home que desenvolveu unha brillante traxectoria como economista, acadando postos de grande relevancia a nivel estatal e autonómico (vicepresidente da Xunta), é sabedor de que toda a gloria do mundo, como dicía o poeta José Martí, colle nun grao de millo. No seu camiñar pola estrada da vida, na súa obra ensaística e literaria, posúe o don de relativizar todas, absolutamente todas as “cousiñas” e, ao mesmo tempo, e iso non é tarefa doada, facelas esenciais. Está convencido de que a “dominación” é a palabra que explica o acontecer histórico. Cre que Galicia segue conservando o que Ortega e Gasset chamaba o nihilismo galego. Afirma que se non estimas o teu é moi difícil que os demais che estimen. E relémbranos que Castelao ademais do sentimento foi o único que lle deu ao noso país unha formulación política. E para todo non dubida en recorrer sempre á ironía talvez porque hai “moita fanfarria neste mundo”. Acredita que “o home non é só como se traduce hoxe un produtor e consumidor. O home é tamén poeta, é tamén un ser esperanzado, é tamén un ser que sabe de xenerosidade, de solidariedade, de amor, de amizade e de fe. Un ser capaz de gastar a súa vida na construción dun mundo novo.” Velaí que nun repenique é quen de alumearnos coa súa sinxela, á vez que profunda, claridade discursiva. “Temos que pasar dunha tecnoloxía da produción a unha tecnoloxía do ser; dunha tecnoloxía do posuír a unha tecnoloxía do saber. E temos que aprender, en palabras de Leplay, que o produto máis importante que sae da mina é o mineiro; e tamén que fronte a ansia delirante do posuír debemos cultivar con agarimo, e con présas, a ampliación da conciencia, a profundidade dos sentimentos e a extensión da capacidade de comunicación e entendemento recíproco”. Teño para min que a definición máis acaída do Mella fíxoa Xosé Neira Vilas nun escrito datado o tres novembro de 2015, pouco antes do seu pasamento, co gallo dunha homenaxe da comunidade educativa do CEIP do Foxo ao seu ilustre veciño: “… Segue traballando, sempre co pensamento e o corazón postos en Galicia. Como engadido á súa brillante traxectoria admiramos en Carlos Mella a súa sinxeleza, a súa proverbial modestia...” Mella é Mella. Toda unha arma (léase todo un poema) de construción masiva. Constrúe soños, esperanzas, utopías. Re(constrúe) Vida. Un intelectual, lúcido, firme e comprometido, que foxe de dogmas, de receitas moralizantes mais que é quen de poñernos a reflexionar (cavilar, diría o Unamuno). Que é quen coas súas “cousiñas” (léase “brincos de ritual”) de descubrirnos que un mundo máis humano é posible.