Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Dentro de 200 anos, seguirase falando de nós”

Medio milleiro de persoas acode á recreación da batalla de Ponte Ledesma, na que se estreou unha peza de Simón Couceiro

10

Recreación da batalla de Ponte Ledesma

No medio da ponte de Ponte Ledesma hai unha cruz esculpida na pedra: marca o límite das procesións de Gres ou Ledesma, pois unha ou outra aldea só podían levar os santos ata a metade do Ulla. Pero neste anaco do mundo (así o chamaba Xosé Neira Vilas) o río non separa, une. Este domingo uniu aos veciños das dúas marxes para participar na recreación da batalla de Ponteledesma, da mesma maneira que en marzo de 1809 (o 6 e 8, para ser concretos), congregou a veciños para conter o avance das tropas napoleónicas.

O Campo do Río da Ponte acolleu o enfrontamento entre labregos e franceses. | // OVIDIO RODEIRO

Nesta ocasión, a recreación da batalla foi no Campo do Río da Ponte, non sobre o propio viaducto ou nas Insuas de Gres, como noutras ocasións, porque dita recreación vai medrando en colaboracións e contou ademais cunha tremenda afluencia, preto de medio milleiro de persoas. No campo actuou tamén a Unión Musical Ponteledesma, baixo a batuta de Roberto Hermida, para representar a composición A batalla de Ponte Ledesma, do estradense Simón Couceiro. Unha vez máis, o actor e guía turístico Suso Martínez vestiu as roupas, e tamén o espírito patriótico, de Benito de Martínez. Hai 213 anos, xunto ao seu irmán Gregorio logrou montar un exército de máis de 5.000 paisanos, apoiados pola Xunta de Trasdeza, que organizou unha moi completa rede de abastecemento para estes novos soldados. Antonte, a Xunta de Trasdeza estivo representada por petrucios, voluntariosos veciños das dúas marxes do Ulla, igual que as mulleres e os homes que tomaron as sachas, forcadas e demais apeiros para enfrontarse ao inimigo francés detrás de pacas de herba. ¿E os franceses? Pois acudiron a Ledesma reencarnados por un grupo de socios de Heroes de Casal de Eirigo, de Valga, coas armas de fogo que, como hai 200 anos, semellaban darlles a victoria de antemán.

Suso Martínez fíxose un selfie cos dous exércitos, e coa Unión Musical Ponteledesma ó fondo. | // S.M.

Pero non ocorreu nin no 1809 nin neste fin de semana. Ainda que todos os presentes sabían que nos dous enfrontamentos gañaban os locais, a emoción entre os actores e o público foi palpable dende o minuto 1, cando arrancou o pasodobre interpretado pola Unión Musical Ponteledesma. Despois virían os 8 tempos da peza de Simón Couceiro, nos que se relata a chegada da avanzadilla francesa, a organización da citada Xunta de Trasdeza e as dúas batallas. Unha hora para contar o que acaeceu en boa parte do mes de marzo de 1809, un fito histórico que marcou de tal xeito a vida das xentes do Ulla “que seguirán falando de nós dentro de 200 anos”, como asegurou Benito de Martínez ante as súas tropas, nun guiño a estas representacións que foron tomando forma grazas ó interese veciñal e á implicación do Concello de Boqueixón. Houbo outros guiños, tamén, como a propia presentación de Suso Martínez ao remate do evento, dicindo que “eu son un rapaz de aldea, como quen di, un ninguén”, rememorando o comezo de Memorias dun neno labrego, o libro mais coñecido do xa citado Neira Vilas. O escritor de Gres era ben coñecedor destes feitos que ocurriron en Ledesma, e de ben seguro que antonte disfrutou vendo a recreación, aló onde estea, xunto a Pedro Brandariz, falecido este ano e que en 2020 tamén participara na recreación da batalla.

Había entre o público outro gran coñecedor dos feitos de Ledesma, Roberto Rivas. A este insigne veciño de Siador débeselle o monolito que, na entrada da ponte en Gres, rememora o enfrontamento contra as forzas de Napoleón. Un antergo seu, Benito de Rivas, da Casa de Barro, de Siador, foi o encargado de proveer de carne ás milicias locais. A recreación histórica deste domingo xuntou, así, a unha trintena de persoas que decidieron ser actores por un día porque queren preservar e dar a coñecer a súa historia ás novas xeracións. Pero visto o éxito de público e o bo ambiente entre os dous exércitos (acabaron bailando xuntos ao final), quén sabe se cos anos se irán sumando máis voluntarios e chegaremos a ser 2.000 labregos, como ocorreu fai 200 anos.

Compartir el artículo

stats