Todas as temáticas teñen a súa representación na nosa literatura infantil. Dende GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, que representa o ámbito lingüístico galego no IBBY) estase a publicar unhas guías nas que se recollen os libros máis representativos dalgún dos temas. Donas no espello da LIXG fala dos que tratan a igualdade, dende os que que lles dan visibilidade ás mulleres senlleiras a aqueles outros nos que se asume todo tipo de diversidade, pasando pola violencia de xénero ou a ruptura de estereotipos.

Ao redor da muller tamén podemos atopar en pinterest un par de taboleiros (25 anos de rapazas cun listado deste tipo de libros para a infancia, e 25 anos de RAPAZAS co listado para a adolescencia). Con eles quixen lembrar que 25 anos antes se tiña publicado a obra Rapazas, de Agustín Fernández Paz.

El era un mestre comprometido coa renovación pedagóxica e os valores cívicos; por iso as súas obras están impregnadas de democracia. Escribe un monllo de relatos baixo ese título, Rapazas, e detén a mirada sobre as diferentes discriminacións a que están sometidas as nenas polo feito de selo.

A guía Clorofila en letra para curar o planeta, achega os libros nos que o medio ambiente ten unha presenza importante.

Se Rapazas é un libro representativo para a igualdade, do mesmo autor podemos escoller outro no que é protagonista a ecoloxía. As flores radiactivas, ou de cando dos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica nacían unhas flores que poden reverter a deriva contaminante.

É necesaria a esperanza!