A pasada fin de semana unha vintena de exalumnos do Instituto Laboral Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, pertencentes a décima promoción do centro docente daquela de modalidade agrícola gandeira e que iniciaran os seus estudos no curso 1963-1964, volveron celebrar a súa xuntanza anual que a pandemia deixara pendente dende 2019.

O punto de encontro foi o Museo do Campo e da Maquinaria que ten por sede as instalacións da Semana Verde de Galicia en Silleda, na que o expresidente e actual directivo da Fundación Manuel Iglesias, fixo de guía no percorrido pola espléndida exposición que alí se pode contemplar coitío en horario de mañá e tarde.

Logo dun xantar de confraternidade na Casa con Encanto de Merza, cuxas novas instalacións lles foron mostradas pola súa propietaria Natalia Guzmán, os que foran compañeiros nas aulas e dende entón excelentes amigos, visitaron o obradoiro de Elena Ferro, onde a recoñecida artesán dezá lles relatou a historia da súa empresa que comezou sendo familiar, para mostrarlles logo, as instalacións e a grande variedade de artigos que nelas se fabrican e venden ao público, ao que as súas portas sempre están abertas, complementando a súa presenza comercial en feiras e certames de Galicia.

Visita ao Museo do Campo e da Maquinaria de Silleda. daniel gonzález alén

Sesenta e nove alumnos comezaran naquel curso 1963-64, conformando a décima promoción do Instituto Laboral inaugurado en 1954 con alumnos dos seis concellos de Deza, os mais deles do rural. Estudar daquela supoñía un importante esforzo económico para as familias o que xunto coa anguria de instalacións e becas, facía que moitos tiveran que deixar os estudos, de xeito que só 22 rematarían no ano 1968, os cinco anos que duraba aquel bacharelato que logo tiña complemento superior para algúns deles, con outros dous cursos en Medina del Campo, Betanzos ou Vilagarcía de Arousa.

Visita ao taller de Elena Ferro, en Merza. Daniel González Alén.

Van aquí en orde alfabético como se estilaba nas listaxes académicas de entón, os nomes destes dezaos que manteñen a tradición de manter unha xuntanza anual dende hai décadas e na que nesta ocasión estiveron presentes: Eladio Cuíña Crespo, Xosé María Facal Abeledo, Juan Carlos Fernández Lamas “Pachi”, Daniel González Alén, Xosé González Carrón, Luís González González, Xosé González Palmoú, Florentino López Prieto, Antonio López Vila, Xesús Palmoú Lorenzo, Xosé Antonio Penide Verde, Antonio Riádigos González, José Luís Soto Abeledo, Jorge Taboada González, Eladio Trabazo Méijome , Xosé Vázquez Moreiras e Xosé Villamayor Louzao, escusando a súa asistencia , Benedicto Fernández Faílde, Antonio Mámoa Rodríguez e Xesús Villanueva Saavedra. Tamén mencionamos os nomes dos catro falecidos anos atrás: Xulio González Palmou, Pablo Fernández Vázquez, Manuel Amorín Bernárdez e Ángel Fernández Núñez, que ficarán na memoria dos que foron os seus compañeiros naqueles inesquecibles anos.