O próximo 20 de agosto celébrase a tradicional Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes, un acto que vén a festexar a figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo. Nesta ocasión, o encargado de dar o pregón non é outro que Anxo Angueira, filólogo, escritor e presidente da Casa-Museo de Rosalía de Castro. Nunha conversa con este medio, Angueira reflexiona acerca do papel de ambas figuras na defensa da cultura galega, da traxectoria da institución que preside e do futuro da lingua e do patrimonio inmaterial de Galicia.
–Como se sinte sendo o pregoeiro da Festa do Gaiteiro deste ano?
–Pois enormemente honrado, polo que representa esta festa e tamén polas persoas que foron pregoeiras antes que min. Polo tanto, acudo moi feliz a esta chamada, e moi agradecido.
–Que diría que teñen en común Avelino Cachafeiro e Rosalía de Castro?
–Son moitas cousas. O propio Castelao, cando debuxou a Avelino, debuxou a Rosalía no fol da súa gaita. O músico levou polo mundo adiante a Alborada de Rosalía i ela era tamén unha escritora de gaiteiros, tornándoos nun tipo de referencia nacional. Non só iso, senón que a poeta foi obxecto da iniciativa poética del. E por último, así como se conmemoran os cincuenta anos do falecemento de Avelino, tamén se conmemoran os cincuenta anos da apertura da Casa-Museo de Rosalía de Castro. En definitiva, os camiños de ambos teñen moitas similitudes.
–Menciona vostede que a Casa-Museo de Rosalía de Castro celebra este ano as vodas de ouro. Como foi este medio século de andanza?
–Este ano que conmemoramos os cincuenta da restauración e da apertura, estamos felices, porque hai que lembrar o contexto adverso e complicado no que se realizou. Daquela aínda vivía Franco, mais a pesar diso conseguiuse unha gran vitoria por parte do galeguismo, ao converter a Rosalía no que era, unha gran referencia da nosa lingua e da nosa cultura. Polo tanto, hai que dicir que celebramos con enorme orgullo esta data, e ademais con moita responsabilidade. A Casa non é o que era hai cincuenta anos, avanzou e modernizouse, ao igual que a propia evolución da perspectiva da autora.
–Teñen pensada algunha axenda especial para conmemorar a data?
–Dende logo. De feito, estamos levando unha exposición conmemorativa por toda Galicia, na que se conta a historia da Casa, unha historia de vitoria e unidade. Inauguramos tamén unha visita virtual inmersiva bilingüe ao Museo. E ademais quixemos incluír o avatar de Maruxa Villanueva, unha muller da emigración e do teatro, que pasou os seus últimos anos de vida exercendo de guía alí. Finalmente, culminamos todas estas actuacións coa remodelación do noso auditorio, unhas instalacións nas que se celebran moitos actos e que non estaban á altura da muller que representan. En definitiva, diría que celebramos este aniversario mirando ao futuro, pero sen esquecer o pasado.
–Volvendo á Festa do Gaiteiro, que opina vostede da celebración de actos deste tipo, cuxo obxectivo é conmemorar e visibilizar aos referentes da nosa cultura? Pensa que son necesarios?
–Dende logo. Neste caso concreto, hai que poñer en valor a figura do gaiteiro e da gaiteira, a propia Rosalía falaba da meniña gaiteira ao comezo de Cantares Gallegos. Creo que a figura da música tradicional, asociada á gaita e á figura do gaiteiro e a gaiteira é todo un emblema. Nós recuperamos a dignidade para a nosa lingua e a nosa cultura en gran medida grazas á música. Estes músicos xa aparecían en Sarmiento no século XVIII, e hoxe en día, Galicia ocupa un espazo de referencia no mundo da música popular grazas tamén a eles, á calidade das súas pezas e á súa labor constante de divulgación. Ademais, os gaiteiros resistiron toda a época de Franco, cun dos poucos respiros que se lle permitían á cultura galega, admitida de moi poucas maneiras. Sen dúbida, temos que estar orgullosos.
–Para o pregón aínda queda algo menos dun mes, mais comezou xa a escribir o texto que lerá o 20 de agosto en Soutelo?
–Comecei a tecelo na cabeza. Sempre penso no que quero dicir e despois sento a escribir. Pero diría que as principais liñas están, e son as que che comentaba anteriormente. A innegable unión entre Cachafeiro e Castro, e a relevancia fundamental da gaita e a figura do gaiteiro na cultura galega, e a Alborada, esa peza que por un lado é de Rosalía, e polo outro é de Avelino. Esa peza que dalgún xeito representa o máis bonito que ten Galicia; a alegría. Unha esperanza, unha ilusión para Galicia e a súa cultura.
–Para rematar, ata agora falamos do pasado da nosa cultura, que dalgún xeito recobrou a presenza que merece grazas á labor de persoeiros como Rosalía e Avelino. Mais, como ve vostede o seu futuro, e o da lingua?
–O traballo de dignifica a nosa lingua e a nosa cultura vai ser incesante. Demos grandes pasos e grandes avances, tamén foron aparecendo novos retos e novos problemas aos que nos debemos enfrontar, e polo tanto debemos estar en permanente esforzo e traballo para seguir adiante. Mais temos este exército marabilloso de xente que traballa polo noso patrimonio e que está atenta aos obstáculos que van xurdindo. Por suposto, sen axuda política tampouco podemos avanzar o suficiente, e iso debemos telo claro. Mais eu non son pesimista, eu son optimista. Eran moito peores os tempos de Rosalía e de Avelino, e aquí estamos, aquí resistimos, e o seu exemplo debe axudarnos a seguir neste camiño.