Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lavadoiros públicos: cultura, arte e tradición

Para as mulleres, era un lugar de traballo duro, mais nun ambiente agradábel; para os homes, foron sempre fonte de murmuracións

Lavadoiro recuperado en Bais. // Á.U.

Na historia dos nosos pobos, vilas e aldeas aínda persisten existe unha desas construcións civís, as que case que ninguén presta moita atención nin tampouco lle damos importancia, salvo cando como no caso de Santa Bárbara, trona, é dicir nos fai falla ou por unha ou outra razón reparamos neles e levantamos a nosa voz na súa defensa.

Lavadoiro de 1951 en Romariz. ángel utrera

Nestes casos, a maior parte das veces, por mor dun regato desviado, ou un rego que deixa de levar a auga tan imprescindible á pila do lavadoiro. Tradicionalmente nos lavadoiros as mulleres, tradicionalmente encargadas do lavado da roupa, ademais de realizar este imprescindible cometido, sobre todo da roupa máis de batalla, e de maior tamaño, como sabanas, monos de traballo e uniformes, de uso común nos traballos agrícolas e do agro e polo tanto mais manchadizos, tiñan ocasión de poñerse ao tanto das novas e información do lugar e os veciños e as súas vidas, moitas veces o único modo de socializarse e manterse informadas xa que moitas delas non saían da casa, salvo para ir ao lavadoiro e os días de festa, ou domingos á misa na parroquia. Para as mulleres era un lugar de traballo duro, máis nun ambiente agradábel; para os homes, os lavadoiros públicos foron sempre, unha importante fonte de murmuracións, rumores e discusións entre mulleres que provocaron mais dun desgusto serio entre veciños, familias e amigos e preferían manterse afastados deles e irse a taberna a botar una partida e un grolo no tempo de devagar.

Lavadoiro de Berredo. ángel utrera

O traballo duro do lavado das prendas de vestir, con xabón artesanal, feito de graxa, en auga non fría senón xeada sobre todo no inverno, en lugares moitas veces enlamados, húmidos e nada apetecibles ó lado dos ríos, ao clareo e outras faenas realmente duras e ingratas, foron realizadas polas mulleres, tanto para si, como en ocasións para outros, a cambio dun pago, ou en especies ou en cartos, tan necesarios coma benvidas nas casas dos labregos, sempre necesitados.

Lavadoiro recuperado en Sobrado (Brántega). ángel utrera

Aproveitando unha das nosas saídas para mergullar no tema, polas aldeas que desfrutan de rego ou regato nas proximidades das casas, podemos ver coma se repiten nos moitos lavadoiros do noso e outros concellos, o mesmo patrón e idéntica estrutura e forma de construción deles: Materiais, pedra, fundamentalmente lousa de granito, moi abundante na nosa terra e madeira para o tellados sostido por grandes vigas de carballo. A auga canalizada dende un pequeno regato, enche a pía do lavadoiro, e sae de novo por un burato cara o rego que segue deste xeito o seu curso natural ata morrer noutro regato maior, ou río.

Lavadoiro de Velpellós. | ángel utrera

Normalmente, atopamos pousadoiros, case sempre de pedra, as veces redondo como rodas de muiño, outras simplemente unha lousa cadrada apoiada sobre dous pés de pedra. Nada que ver cos modernos lavadoiros de ladrillo e bloques de formigón, que dende os anos 50 do pasado século fóronse construíndo polas autoridades do goberno civil, e nas que aínda hoxe en día podemos ver o famoso xugo e frechas da Falange Española y de las Jons, representativas do Movemento Nacional, restos rancios daqueles tempos do franquismo máis intenso. Ata non hai moito tempo o lavadoiro era o lugar dentro ou fóra do fogar porque tamén os había de menor tamaño nas casas, no que se lavaba a roupa á man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro.

Lavadoiro de Trabancas. ángel utrera

Cos anos, e especialmente en Galicia, os lavadoiros, que adoitaban ser públicos e de uso colectivo, convertéronse nunha construcción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acudían a lavar a roupa no que constituía unha actividade de socialización. Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traía a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Ós lados destes depósitos había lousas inclinadas para lavar á man sobre elas. A miúdo contan cunha cuberta sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre. As cubertas adoitan ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira.

Lavadoiro de A Vila recuperado. ángel utrera

Hoxe en día moitos deste lavadoiros tradicionais perderon a súa utilidade e razón de ser, ante as novos usos e electrodomésticos e as pías individuais que temos en case todas as casas, facilitan en moito o duro e ingrato traballo do lavado da roupa, pero non hai tantos anos, os lavadoiros comunais resultaban tan necesarios coma imprescindibles nas aldeas.

Lavadoiro en Amance. | ángel utrera

Foi ao longo do século XIX que íase xeneralizar, sobre todo nas vilas e cidades, os lavadoiros públicos, moi probabelmente máis por intereses morais e económicos que pensando en mellorar as condicións laborais das lavandeiras. Estes lavadoiros eran tamén espazos de confidencias e brincadeiras .Tampouco podemos esquecer o papel histórico das famosas lavandeiras que levaban o cesto de roupa a lavar no río e nos lavadoiros, e logo de poñer a clareo e secar, planchaban en xornadas maratonianas de traballo extenuante, por un mísero xornal, do que non podían prescindir, podemos atopar fotos e fotógrafos que inmortalizaron este penoso traballo en fotografías fermosísimas.

Lavar ben a roupa era unha arte, ademais dun traballo delicado, duro e laborioso. As lavandeiras seguían un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada. Lavar a roupa branca era aínda máis duro. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Logo de volvela a aclarar quedaba a tender nos toxos dos arredores

Mergullando na rede atopamos esta paxina; https://acorunhadasmulleres.gal/o-oficio-de-lavar/ , onde se refiren historias, bo expoñente do que foron aqueles lavadoiros e o traballo das lavandeiras.

Se tiverdes moita sorte, pode ser que atopedes esta historia nun libro sobre o movemento obreiro: en abril de 1917, 40.000 lavandeiras protagonizaron en Petrogrado a primeira grande folga ao goberno provisional, formado tras a revolución de febreiro. Pedían aumento de salarios, mellores condicións laborais e xornada de 8 horas. Aquela folga, apoiada por Aleksandra Kollontai, axudou o triunfo da revolución rusa, mais é seguro que nunca acharás esta que sucedeu 10 anos antes: en 1907 as lavandeiras da Coruña organizáronse no sindicato de oficios “La Heterogénea”, de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas.

Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu duro traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 póñense en folga, a cal se prolongará durante quince días. Fica moito por investigar e divulgar arredor do traballo das lavandeiras e deses espazos completamente femininos que eran os lavadoiros, punto de encontro e lugares de referencia no espazo urbano (“vivía máis aló do lavadoiro”), mais, sobre todo foron un importante núcleo de sociabilidade feminina durante a primeira metade do século XX. Era o lugar de encontro das mulleres das clases populares que lavaban para a súa familia ou para a casa onde traballaban de criadas ou lavaban para moitas casas cobrando polo seu traballo. Nos lavadoiros, non raro, falábase dos problemas que padecían, sen nos esquecermos que eses lugares constituíron tamén un lugar privilexiado para a circulación da información nos barrios; partíllanse tempos, problemas e saberes. Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e mesmo fumar, a afianzaren vínculos de solidariedade e compañeirismo que até certo punto permitiron aliviar as penurias e sacrificios que enfrontaban na súa vida diaria.

Desde sempre, existiu un vínculo especial entre as mulleres, nado dun espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade ou a organización da vida doméstica. Hoxe falamos de solidariedade, dese vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión. E nese sentido os lavadoiros teñen representado ese espazo e ese tempo para as relacións humanas, nunhas coordenadas que fuxían dos padróns de competitividade.

O traballo das lavandeiras chegou ser de tal calibre que mesmo viviron unha folga xeral recollida profusamente en titulares e artigos de opinión polos xornais do momento.

Folgas

No mes de maio de 1907 as lavandeiras da Coruña únense para forzaren unha suba no prezo da roupa que lavan. Exixían nas súas reivindicacións incremento nos prezos, mais tamén outras medidas relativas, por exemplo, ao cobro da viaxe se debían recoller a roupa nun día diferente do domingo, aos prezos diferentes para a roupa moi sucia, á insalubridade dos lavadoiros en que traballaban ou ao mal estado dos camiños que tiñan de percorrer.

Duro oficio sen dubida que xa forma parte da historia pasada, o mesmo que estes Lavadoiros, arte e cultura de pedra , madeira e auga.

Compartir el artículo

stats