Ignacio vidal portabales n | escritor e docente

“Gañar o prestixioso García Barros é unha honra”

“Dende moi novo xa tiña inquedanzas pola literatura, influenciado sobre todo por meu pai”

Vidal Portabales

Vidal Portabales

Nerea Couceiro

A Estrada

A 34ª edición do premio de narrativa Manuel García Barros xa coñece ao seu gañador, e non é outro que Ignacio Vidal Portabales, escritor e profesor de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago de Compostela. O título co que conseguiu erguerse vencedor é As horas dunha illa remota, unha historia de dúas irmás cunha complicada situación vital, que chegan a un momento de inflexión a raíz da morte dun familiar. Unha novela aplaudida polo xurado pola profunda e detallada construción das personaxes principais. Este galardón que xurde da colaboración entre o Concello de A Estrada e a Editorial Galaxia, consiste na entrega de 9.000 euros ao premiado, ademais da publicación e a distribución da novela.

O autor non presentará publicamente a obra ata mediados de outubro, no primeiro acto oficial deste certa despois da pandemia. Con todo, Portabales tivo a ben compartir con este xornal as súas primeiras impresións despois de ser notificado da boa nova.

–Como se sinte ao saberse gañador deste certame literario?

–Estou claramente emocionado, ao se tratar dun premio tan recoñecido, que conta con participantes tan cualificados.

–Era esta a primeira vez que se presentaba?

–Non, xa me presentara en máis ocasións, se ben agora non lembro exactamente en que anos. Acadar un premio sempre é unha alegría, pero tratándose deste, é unha honra.

–Vostede compaxina a escritura coa docencia, canto tempo lle dedica á primeira? É constante ou vai por épocas?

–Son máis ben constante, aínda que nas épocas de verán, cando non estou tan atarefado coa universidade, dedícolle un pouco máis de tempo do habitual.

–Do Dereito Mercantil á Literatura hai un chanzo considerable. Cando comezou a interesarse pola escrita?

–Dende moi novo xa tiña inquedanzas. En gran parte, influenciado pola miña familia. Meu pai era escritor e un lector entusiaste, polo que crecín rodeado dese entorno, o cal me fixo sentir sempre un interese moi grande pola literatura. Ao principio dedicábame máis á poesía, e co tempo funme adentrando noutros xéneros.

–Fáleme agora da novela gañadora, por que a titulou As horas dunha illa remota?

–Pois ten que ver cun desexo, unha fantasía das protagonistas con esa illa remota. Son dúas irmás que soñan con ese espazo afastado para fuxir, de certo xeito, das súas experiencias vitais.

–Como se inspirou para construir esta historia?

–A verdade é que non sabería dicirche. Seguramente algo que vin no xornal, ou na rúa, ou que escoitei nalgures. Así é como comezo a maior parte dos meus proxectos, pola casualidade. Non teño un plan preconcebido nese senso. A idea aparece e eu intento desenvolvela, ás veces sae ben e outras non.

–Ata outono non lle toca recoller o premio. Está traballando noutros proxectos mentres?

–Si, algunha cousa teño entre mans, pero non me gusta adiantar moito dos meus traballos, por iso de que poden ou non sair á luz. Como é sabido, publicar resulta moi difícil nestes tempos.

–Para rematar, podería recomendarnos algún autor que o inspire e algún texto de García Barros ao que lle teña especial agarimo?.

–É complicado escoller, pero de autores que me gusten persoalmente, diría que Oscar Wilde e Eça de Queiroz. E en canto a textos de García Barros que desfrute, calquera dos seus relatos breves son unha lectura que recomendo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents