A Malla Tradicional celebra a súa vixésima edición o 20 de agosto

Haberá unha exposición de motores e outros aparellos relacionados coa labranza | Un serán e ‘Cantos da Terra’ pecharán os festexos

A Malla Tradicional celebrouse sen público o ano pasado por mor da pandemia. |   // BERNABÉ/ANA AGRA

A Malla Tradicional celebrouse sen público o ano pasado por mor da pandemia. | // BERNABÉ/ANA AGRA / nerea couceiro

Nerea Couceiro

Lalín

A Festa da Malla Tradicional de Doade celebra o 20 de agosto a súa 20ª edición, cunha particularidade que a diferencia do resto de entregas: por primeira vez, faino como festa de interese turístico internacional. Este é un recoñecemento do que a organización xa levaba detrás un tempo, pero que por mor da pandemia tivo que agardar ata marzo deste ano, cando finalmente se lle foi outorgado.

O programa do 2022 vén cargado de eventos relacionados con esta tradición cultural do rural galego, comezando ás 11.00 horas cunha mostra de artesanía popular, na que figurarán unha exposición de motores, máquinas, aventadoras e pinturas de malla. Unha hora máis tarde, ás 12.00 do mediodía, chegará o momento da Malla Tradicional, que constará do carrexo de mollos con xugada de vacas do país, malla á pedra, con males, malladoira manual, motor e tractor e finalmente os premios aos mellores vestidos de época.

Ás 14.00 horas, despois dunha intensa labor mallando os mollos, tocará repoñer forzas cun xantar popular no que haberá polbeiro con carpa, como non pode faltar en ningunha celebración popular galega.

Xa ás 16.30 horas, pasada a sobremesa, a música tornarase a protagonista da tarde co oitavo Serán da Malla, no que, como non pode ser doutro xeito, haberá pandeiretas, gaitas e baile de sobra. Primeiro actuarán as Pandereteiras A Xariza de Parada, logo virá o grupo de gaitas Os Dezas de Moneixas, a agrupación O Carballo da Manteiga, os Amigos do acordeón Terras de Celanova, o Aloilá de Lalín, e por último, pero non menos importante, o grupo de gaitas Os Trasnos de Doade.

Para poñer fin a esta xornada de celebración das raíces e da cultura do campo, ás 19.00 horas Cantos da Terra, do Salnés, dará un concerto, despedindo así as festividades ata o seguinte ano. Iso si, cunha boa reserva de herba mallada.

Tracking Pixel Contents