Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte en edificios públicos, A Saleta e Marisa Miguélez

O escudo municipal en pedra, as estatuas da Virxe en Siador e os menhires pintados son parte importante da paisaxe artística

Centro de Saúde Dr. Fernández Colmeiro, entrada de consultas. | // FOTOS: A.A.

Sendo esta a última entrega, quíxena dedicar a tres temas, maiormente a certos detalles dos edificios públicos, á Virxe da Saleta e ó caso de Marisa Miguélez, a pintora da pedra. Hai un que queda para un espazo distinto, trátase da obra de Toño González Abal; como ceramista e muralista é único e merece un tratamento distinto. Non esquezamos nunca o que representa Trasdeza. Como teño dito en varias ocasión, “un pobo que non lembra o seu pasado esta condeado á morte”. Grazas tamén á última pata do trespés, vós.

Esculturas da Virxe da Saleta na Carballeira e diante do centro.

O escudo do Concello.

Enriba do lintel de pedra, da porta de entrada da casa consistorial foi incrustado o escudo do Concello de Silleda feito en granito traído de Porto do Son. Leva un león coroado en ouro sobre un campo de sinople (verde), todo elo presidido pola coroa real pechada. Procedente dos traballos da Escola Taller, foi colocado por indicacións de José Fernández Viéitez cando era alcalde.

No mes de marzo do presente ano 2022 tiven a sorte de falar co autor da obra, do que as iniciais aparecen no fondo da parte dereita do escudo. Manuel García García, veciño de Cervaña, formou parte daquel grupo do módulo de cantería artística que integraba o alumnado da Escola Taller San Lourenzo de Carboeiro na súa primeira fase (1988-1991). Nesta época fixo outras obras, como a parte central da fonte da praza de Benito Rivas, a tartaruga da fonte existente nos xardíns da Casa da Cultura e o león da peza que falta no tímpano de Carboeiro e que foi reproducida para ser exposta na mesma Casa da Cultura.

Placa na casa de Marisa Soto.

Centro de saúde Dr. Fernández Colmeiro

Este edificio, financiado pola Xunta, veu substituír ao que está ao seu carón destinado hoxe a Centro Social dos Maiores. Dispón de horario de atención ao público durante as 24 horas do día e durante os 365 do ano. De 3 da tarde ata as 8 horas da mañá, é dicir toda a tarde e noite funciona un Punto de Atención Continuada que da servizo aos casos máis urxentes dos concellos de Silleda e Vila de Cruces. Desde as 8 horas ata as 3 da tarde, o grupo do PAC pasa a ser relevado polos equipos habituais de atención primaria, un total de 16 persoas, incluída a persoa da limpeza, que dan atención ás cartillas inscritas do municipio de Silleda.

Escudo na porta do consistorio.

Trátase dunha gran construción de estilo modernista deseñada polo famoso arquitecto Pedro de Llano con materiais nobres como a pizarra, a madeira o vidro e o sempiterno formigón. Construído por Taboada e Ramos enriba dun solar doado polos herdeiros de María Gontán Uribe, foi inaugurado o 2 de xuño de 2005 polo conselleiro de Sanidade José Manuel González Álvarez, anque impulsado por Hernández Cochón, sendo alcalde José Fernández Viéitez.

Menhires pintados por Marisa Miguélez.

Sen ter en conta nin o deseño nin a súa eficiencia, ten importancia porque nun pleno celebrado o 24 de setembro de 2009, baixo a presidencia de Paula Fernández Pena, leva o nome de Centro de Saúde Dr. Fernández Colmeiro.

E se nos preguntamos quen era ese ilustre, pois dicir que foi un dos personaxes máis eminentes que deu Trasdeza. Velaí a súa biografia: Nado en Toxa (Silleda) o 21 de setembro de 1898 e finado en París o 10 de xuño de 1959, foi un médico galego. Cuarto dos cinco fillos do matrimonio composto por Ramón Fernández e Benita Colmeiro. En 1912, cando tiña 14 anos, emigrou a Uruguai traballando nun almacén e farmacia así como co seu tío Antonio Fernández Muras, mentras realizaba estudos de medicina polas tardes, carreira na que se graduou no ano 1928. En 1935 foi nomeado agregado cultural da embaixada do Uruguai en Madrid. En xullo do 1936 enrolouse como médico no exército da República. Desde 1938 traballou na Fundación Curie de París, que chegou a dirixir, sendo tamén director do Instituto de Canceroloxía. Foi, así mesmo, laureado co Premio Chevillon da Academia Nacional de París e co título de científico estranxeiro insigne. Morreu cando dirixía o Servizo de Roentgenoterapia da Fundación Curie. A súa filla Rosalía, violinista e profesora de violín no Conservatorio de París, estivo en Silleda a finais do século XX e contounos a Valiño, a Rosendo Estévez e a min que o seu pai viña desde Toxa aos Castros para ver Silleda. Un detalle dun neno que soñaba con deixar a súa pequena patria.

Casa da Xuventude Marisa Soto.

No pleno do 24 de setembro de 2009, sendo alcaldesa Paula Fernández Pena, a antiga e coñecida como Escola de Soto, logo Biblioteca e Casa da Cultura, hoxe da Xuventude, foi rebautizada como Casa da Xuventude Marisa Soto en homenaxe á famosa actriz nacida nesa edificación, tal e como figura nunha placa conmemorativa colocada tempo atrás polo alcalde Juan Salgueiro.

Marisa Soto Meijomence nace en Silleda o 19 de decembro de 1955 e morre en Lebosende (Leiro) o 17 de agosto do 1996. Os seus pais, José e Amparo, tiveron nove fillos, sendo Marisa a cuarta de maior a menor que viña a relevar a outra que morrera en datas pasadas. Anque rematou os estudos de Farmacia na Universidade de Santiago, o certo é que sempre, xa desde pequena, destacou pola súa gran predisposición para o teatro, moi en particular no colexio Mª Inmaculada de Silleda, onde destacaba polas súas dotes como actriz nas actividades que se facían o 8 de decembro. Andando o tempo e xa en Santiago, destacou en varias compañías de teatro, Antroido, Andrómena, C. Luis Seoane, Teatro Mari Gaila, Malbarache, CDG e Teatro do Agro. Tamén destacou na TVG, sobre todo na serie Pratos Combinados ou en Servicio de urxencia. Vitalista e enérxica, activa e entusiasta defensora da súa profesión, participou activamente na defensa da creación de Asociación de Actores e na organización de numerosos seminarios e cursos de interpretación en Galicia, París, Buenos Aires e Moscú.

Virxe da Saleta en bronce.

O monumento foi inaugurado o 17 de setembro de 2006 con motivo da procesión dos fachos dese ano. Modelada por Fernando Rodríguez García no ano 2005 e supervisada por el mesmo no taller de fundición Cuqui Piñeiro, de Goián (Tomiño), foi financiada pola Fundación Nuestra Señora de La Saleta, estando situada diante do Centro Saletino de Siador sobre un pedestal de granito.

Virxe da Saleta en granito.

Costeada tamén pola Fundación Ntra. Sra. de La Saleta, que presidía Roberto Rivas, foi elaborada polo silledense Fernando Rodríguez nunha sóa peza de granito traído nesta ocasión por Antonio Losada dun aserradoiro do Porriño. Situada na Carballeira de Siador, foi inaugurada no ano 2010.

De Fernando Rodríguez, autor das dúas pezas xa se falou na primeira entrega desta serie o 8 de maio de 2022. Nativo de Costoia, lindando coa parroquia de Siador, o seu vínculo coa Saleta vese nas obras que leva feito sobre esta figura tan entrañable. Á marxe pois das obras dedicadas ao Pintor Colmeiro ou a Juan Salgueiro, os meus parabéns polos seus traballos que fan del un dos grandes escultores de Trasdeza.

Os Menhires.

O que se trae ata estas páxinas é a colección de pedras que, como “menhires chantados na terra, interactúan”, como di Marisa, coa súa pintura, “de maneira que cada unha das penedas lle transmiten unha cor e unha forma”, entre as que prevalece a muller. Preto dunha ducia de pedras aparecen como antesala da súa casa, á beira da estrada que vai cara ao lugar de Siador, convidando a pasar coa ollada atenta dos personaxes que alí se refllicten.

Natural de Silleda, Marisa Miguélez foi alumna de Francisco López Carballo de Santiago. No ano 1971 emigra a Suiza, onde traballará e cultivará ao mesmo tempo a pintura e os idiomas. Aínda así e como ela mesma di, pódese considerar autodidacta. Da morriña que sentía pola súa terra nacerán moitos dos seus poemas que logo cobrarán forma nalgunha das súas obras, a maioría delas realmente son un canto a Galicia, á maternidade, á natureza e á vida. A partir de 1971 viaxa a Zurich, Lousane, Xenebra, etc., onde pintaba nas orelas do río Rhin, expoñendo nalgúns destes lugares. Xa de volta á súa terra, exerce o maxisterio no colexio Mª Inmaculada ata a súa xubilación no ano 2013, anque, como non podía ser doutro xeito, segue dedicándose á pintura como unha das paixóns que enche a súa vida.

(O apartado relativo aos agradecementos tamén merece un trato especial porque sen a axuda dos nomeados non sería posible dar toda esta información que quixen ofrecer a quen a queira reter na memoria. Algúns dos colaboradores xa non están connosco e para eles vai o meu recordo. Escultores e outros artistas: Francisco Alén Pena, Jaime Berredo Pulleiro, Fernando García Blanco, Manuel García García, Marisa Miguélez e Fernando Rodríguez García. Familiares e amigos: Familia de Acuña, Manuel Costenla, José Fernández Viéitez, Jesús Fernández Sulleiro, Javier López Caramés, Manuel López Rivas, Ana Malheiro, José Maril Sánchez, Sara e Dolores Ramos Mosquera, Roberto Rivas Martínez, José Amadeo Rivas Piteiro, Xan Salgueiro, Teresa Soto Meijomence e Enrique Velasco. Institucións: Concello de Silleda, Deputación Provincial de Pontevedra, Colexio Mª Inmaculada, IES Pintor Colmeiro. Internet: Wikipedia).

Compartir el artículo

stats