Alborada e Debibián, gañadores de Tapecos para xurado e público

A primeira repite, logo de arrasar o ano pasado, con Mirtitha’s en segundo lugar

“O segredo dos devanceiros”, de Alborada Cafetería.

“O segredo dos devanceiros”, de Alborada Cafetería. / xAN sALGUEIRO

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

sILLEDA

O segredo dos devanceiros e Bocadiños de cogomelo con alioli son as tapas gañadoras da terceira edición do concurso organizado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS). A creación de Alborada Cafetería e Lugar de Xuntanzas impúxose na votación do xurado e a de Debibián Café Bar, na do público.

“Bocadiños de cogomelo con alioli”, de Debibián Café Bar.

“Bocadiños de cogomelo con alioli”, de Debibián Café Bar. / xAN sALGUEIRO

Tapecos desenvolveuse do 24 de xuño ao 8 de xullo en sete establecementos da hostalaría de Silleda. O xurado profesional puntuou do 1 ao 10 a orixinalidade, a presentación e o sabor de cada proposta. O primeiro premio, cun total de 100 puntos, foi para a cunca croncante de lacón con impresión de verdura e cogomelos de Alborada, que repite galardón, logo de que na pasada edición se adxudicara tanto o galardón do xurado profesional como o do público.

O segundo premio do xurado profesional, cun 92 puntos, foi concedido a Bocadiño de lacón agridoce con tempura de pementos, descrita como “un xeito diferente e saboroso de degustar un dos produtos que máis gustan na zona”. É obra de Mirtitha’s Tapería, que abriu as súas portas recentemente e, con este recoñecemento, debuta no concurso pisando forte.

O pasado martes pola noite tivo lugar tamén o reconto de votos populares, cun 36% dos mesmos a favor da tapa de champiñóns recheos de xamón e empanados con salsa alioli elaborada por Debibián. Ademais, sorteáronse dez agasallos entre as tarxetas que tiñan os sete selos dos establecementos participantes: dous vales con dúas entradas cada un para a Festa da Paella doados pola comisión de Cortegada; lotes de botellas de viño doados por Bodegón de Esther e Pukará; dúas de Mirtitha’s e unha magnum de rioja aportada por A D’Kotiño; un almorzo completo para dúas persoas, cortesía de Café Ina; e cadanseu xamón de Debibián e Alborada.

A entrega dos trofeos aos tres establecementos galardoados terá lugar nos vindeiros días, en canto as placas acreditativas estean impresas e listas para que luzan nos locais gañadores. Desde ECOS agradecen a colaboración do Concello de Silleda, a boa resposta do público –favorecida polo bo tempo e a relaxación das medidas contra o COVID–, o esforzo dos sete socios concursantes e a xenerosidade dos doantes para o sorteo.

Tracking Pixel Contents