“Non vai ser posible loitar contra o despoboamento do rural sen proxectos que nazan de mulleres e conten coas mulleres”, asegurou onte a presidenta da Deputación ao referirse a Mulleres Extramuros, iniciativa para poñer freo á perda da poboación a través da arte. A experiencia piloto que se desenvolve en Cortegada (Silleda) será clausurada este sábado, 16 de xullo, cunha grande celebración para exportarse despois ao resto da provincia, apuntou Carmela Silva. Acompañada do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e da coordinadora da iniciativa, Xoana Almar, destacou que “non hai ningún proxecto así, único, potente, integral, global e con esta idea de presente e futuro, en todo o Estado nin en Europa”.

Mulleres Extramuros ten por obxectivo “encher de vida o rural” a través da intervención artística que “ten unha enorme capacidade de transformar e de atracción de visitantes, de facer que os lugares onde se instalen os murais sexan lugares de interese”. Neste proxecto, que continuará noutras aldeas doutros concellos, participaron sete artistas de Galicia, España e Portugal que en marzo conviviron durante unha semana coa veciñanza de Cortegada, “compartindo momentos, creando, traballando xuntas, inspirándose nas súas historias, vivencias, lendas para, a partir deste traballo colaborativo, regresar logo aos seus puntos de orixe e elaborar os proxectos de intervención artística”. Este mes de xullo as artistas regresaron á parroquia trasdezá para dar forma aos seus proxectos artísticos, que agora están a rematar.

Os actos do sábado, conducidos pola presentadora e actriz Neves Rodríguez, comezarán na carballeira da capela dos Aflixidos, coa apertura da exposición que recolle os procesos artísticos de Mulleres Extramuros, para seguir cunha visita ás obras. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer a firma Trasdeza Natur antes de regresar á carballeira, onde haberá un peche musical a cargo de Bouba Pandereteiras e degustación de paella. Silva indicou que se está a traballar co fin de “deseñar un itinerario interactivo na parroquia, con diferentes soportes físicos e virtuais, así como de difundir o proxecto a través dun catálogo-libro e da produción dun audiovisual”.

O alcalde agradeceu á Deputación o feito de escoller Silleda para “ser o primeiro concello en acoller esta iniciativa”, enxalzou “a complicidade” acadada entre veciñas e artistas e adiantou que Mulleres Extramuros “vai ser copiada, porque é unha iniciativa excelente”. Amosou o seu compromiso de conservar os murais e “multiplicalos ano tras ano porque o proxecto é marabilloso e loita claramente contra o despoboamento”.

Xoana Almar, de Cestola na Cachola, fixo fincapé no tempo proporcionado para a parte documental e o bosquexo, pouco habitual no muralismo. “Foron moi receptivas ata o punto de que tiñamos tantos espazos nos que pintar que houbo que elixir”, asegurou a coordinadora, que remarcou o tempo “enriquecedor” de convivencia entre as artistas.

As protagonistas

Sete mulleres artistas interactuaron coas mulleres de Cortegada, tamén protagonistas do proxecto. Virginia Bersabé (Córdoba) elaborou o proxecto Ritual de coidados e recolección, centrado na memoria, na pel e na identidade da muller da aldea que está a desenvolver no lateral da casa e lugar de traballo de María José Tallón e Rosendo Estévez, de Trasdeza Natur. Laura Iturralde (Vigo) creou A Fenda, unha instalación site-specific que dialoga co espazo a través da técnica dos “espellos infinitos” para integrarse nas lendas dos “mouros”. A nena de vermello, de Lula Goce (Baiona), é unha homenaxe á cativa que acompañou ás artistas, que representa o presente e o futuro nun momento no que a maioría da mocidade abandona o rural. Xoana Almar (Santiago) deu forma a Feira e festa xunto á capela dos Aflixidos, coa técnica do esgrafiado. Tamara Alves (Portugal) elaborou Teu corpo é de terra e auga, unha muller na contorna natural dicíndolles aos veciños ao pasar: “recíbovos na miña terra, no meu corazón”. De Basilisa Fiestras (Forcarei) é Do mínimo ao infinito, con pedras recompiladas en Cortegada nunha intervención principal a gran escala, que se pintará sobre un caseto de formigón, e quince pequenas pinturas en diferentes localizacións. E Ness Morais (Silleda) amosa á muller do rural como a protectora da cultura tradicional galega.