Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trasdeza: un museo libre e aberto (V)

As esculturas dos Amigos de Silleda

Tres obras de arte en pedra situadas na Carballeira de Siador reflicten a celebración dos primeiros encontros deste colectivo que recopila fotografías antigas do municipio

Escultura O Abrazo, emprazada na Carballeiras das Pedrosas. | // A.A.

Con esta entrega, a quinta, damos continuidade ao apartado das alegorías, nesta ocasión dedicadas aos Encontros dos Amigos de Silleda, que mostraron as súas inquedanzas polo pobo desde a primeira xuntanza celebrada xa no ano 1993. Tres esculturas situadas, como non podía ser menos, na Carballeira de Siador reflicten a celebración das tres primeiras xuntanzas.

Esculturas dos tres primeiros encontros de Amigos de Silleda, celebrados en 1993, 1996 e 1999. | // A.A. alfredo abeledo penas

Así mesmo, vin adecuado poñer neste apartado o monumento existente na Carballeira das Pedrosas, ou de Marcial, titulado O Abrazo, de José Rocha, mediante a doazón que a Deputación de Pontevedra lle fixo ao Concello. Informar tamén que na rotonda do cemiterio está previsto poñer un hórreo elaborado pola Escola de Canteiros de Poio, integrada dentro do organigrama da Deputación, segundo declaracións públicas feitas pola presidenta Carmela Silva o pasado 21 de xuño.

alfredo abeledo penas

Os encontros consisten nunha serie de reunións que se veñen celebrando, hoxe de forma bienal, polos Amigos de Silleda, anque as primeiras edicións foron realizadas cada tres anos. A entidade xurídica que lles da acubillo é a Asociación Amigos de Silleda, nacida o 19 de outubro do ano 1998 como asociación cultural sin ánimo de lucro, que ten como obxectivo principal a aportación de fotos antigas de Silleda.

alfredo abeledo penas

A primeira foi unha xuntanza aberta en Siador o 11 de setembro do ano 1993, cunha misa na igrexa, empregando como mediador ao Concello de Silleda. Como actividades complementarias, un grupo de majorettes e música ambiental. Este primeiro encontro foi dedicado á familia Morales. O segundo, ano 1996, dedicóuselle á familia Fondevila.

Só se realizaron tres esculturas, as dúas primeiras rematadas por Fernando Rodríguez García, de Costoia, e a terceira, presentada ao público con motivo do encontro celebrado o 17 agosto de 1999, por Fernando García Blanco, profesor de cantería da Escola Taller de Silleda, nativo de Santiago. De ambos falamos xa noutras entregas.

Cada unha destas emblemáticas figuras representa os tres primeiros encontros. Foron executadas en granito de grao fino, posiblemente de Baroña, óptimas para a ensinanza e están situadas na carballeira que está detrás da igrexa de Siador. O paso do tempo deixou pegada ata o punto de que certas inscricións xa non se aprecian. Grazas aos que forman parte da asociación pola súa inestimable axuda para interpretar os xeroglíficos.

As dúas primeiras semellan que foron feitas para a ocasión, xa que logo dispoñen dun espacio para a colocación do motivo. Incluso a segunda foi empregada como logotipo da Asociación de Amigos de Silleda, mentras que a terceira imita unha silueta dunha maternidade ao mellor estilo vangardista.

A última xuntanza tivo lugar no ano 2018, e por causas da pandemia quedou suspendida ata quizais este 2022, en que se celebrará se as circunstancias o permiten e os directivos así o deciden.

O Abrazo é un monumento ao amor. Elaborado por José Rocha Pino como práctica da Escola de Canteiros e Medio Ambiente de Poio, resultou coñecida a través da exposición Nado en Pedra, realizada na Carballeira das Pedrosas de Silleda pola Deputación durante os meses de agosto e setembro de 2018. Na actualidade pódese admirar na propia Carballeira.

Como curiosidade, dicir que esta obra de grandes dimensións foi feita en granito de Deza, procedente das Canteiras de Moimenta, no ano 2010. Desde novembro de 2018 é propiedade do Concello de Silleda por doazón asinada polo alcalde Manuel Cuíña Fernández.

Tres fitos nas festas de verán

Aproveitando esta entrega, destacamos que Silleda vive estes días as festas de verán como se fose a primeira vez. A pandemia xogou a súa baza durante dous anos e polo de agora démola coutado. De aí que as gañas de saír e folgar son moitas. Como diciamos no ano 1997, cando nos tocou a nós a organización, Achégate a Silleda e nestas festas achégate! Todo esto vén ao caso de tres fitos importantes na celebración das festas do pobo. O primeiro fito está nas organizadas hai cerca de 70 anos. Segundo aparece no xornal El Pueblo Gallego do 19 de Xuño de 1954, as festas eran patronais e celebrábanse na honra de San Antonio, no mes de xuño. De feito aquel ano fixéranse durante os días 19, 20 e 21 de xuño. Como dicía o alcalde do momento, Manuel García Cerviño, acabábase de formalizar o contrato de compra do solar onde se ía instalar o parque público que está diante da igrexa, e como obra pública cabía subliñar a construción dunha fonte abrevadoiro en Cóscaros con seis prazas de lavadoiro e as pontes que unen Abades con Camanzo e Oleiros con Anseán, aínda en execución pola Deputación Provincial coa aportación de 35.000 pesetas do Concello. No programa do ano 1954, destacar as actuacións das Bandas de Silleda, Merza e Lalín e, sobre todo, o partido de fútbol entre o River Plate de Silleda e unha selección de Pontevedra. Hai que dicir que o 25 de decembro do ano 1948 o equipo do Silleda recibira unha equipaxe do River de Bos Aires. Non se podía pedir máis! Para rematar, o día 20, unha misa solemne na honra de San Antonio e a actuación dunha orquestra. Todo un luxo hai tanto tempo. O segundo fito importante sucedeu no ano 1997, cando pola comisión chegouse a constituir a Asociación Cultural Achégate, que andando o tempo sería a encargada de facer as festas. Entre outros cometidos tiña o de traspasar os cartos sobrantes e as encomendas ás seguintes comisións festeiras que, previamente, serían nomeadas polo alcalde. O terceiro, e máis importante, sucedeu o 15 de Setembro de 1997, cando se reuniron os presidentes das comisións anteriores co ánimo de, entre outras cousas, cambiar a denominación e a data. Naquela reunión estiveron presentes José Fernández Carbón, Luis González Abal, Agustín González (Chaira), Miranda, Arturo López, José Durán, Ramón Vázquez Barcala e un servidor. Aquel día tomouse o acordo por unanimidade dos presentes de chamarlle “Festas de Verán” e de fixar como data definitiva a segunda fin de semana de xullo, por causa de non afectar ás romarías doutras parroquias e considerando que as de Silleda deben estar por riba de calquera outras pola importancia adquirida, tanto polos presupostos que manexan como polos programas que se confeccionan. Outro acordo foi o de proponer cando menos como festividade local do municipio a do venres coincidente coa fin de semana das festas de verán. De todo o acordado doeuse conta ao alcalde, daquelas Juan Salgueiro.

Compartir el artículo

stats