Cristina Andrade | Actriz estradense

“A rodaxe foi moi intensa, pero axudamos entre todos”

“Como actriz necesito nutrirme de experiencias”

“A rodaxe foi moi intensa, pero axudamos entre todos”

“A rodaxe foi moi intensa, pero axudamos entre todos” / Bieito Baliño

Bieito Baliño

A Estrada

Cristina Andrade (A Estrada, 1995) é cada vez máis coñecida nos fogares galegos. Entre outras cousas, a actriz estradense completou tres tempadas no Malo Será e dúas na serie Os Mariachis. Nesta ocasión, Andrade interpreta a Elba, unha moza que acaba de perder á súa irmá.

–Saudade de ti colleitou unhas cifras moi boas de audiencia na súa estrea. A que cre que se debe esta gran acollida por parte do público?

–Penso que o público desexaba podervolver ver unha ficción, intensa e longa, na Televisión de Galicia, algo que levaba tempo sen facerse. A xente está reaccionando ben, porque a serie contén moita intriga e tramas moi interesantes para o espectador.

–Persoalmente, cal cre que é o punto forte da serie? Que é o que máis lle gusta dela?

–Sobre todo, o que máis me gusta é que dá cabida a todo, porque contén momentos de drama moi duros, pero tamén ten espazo para a comedia. Tamén destacaría o feito de que sexa unha serie para todos os públicos e que o seu formato é de moi fácil consumo, grazas ós capítulos de media hora.

–Aínda que non está no inicio da súa carreira como actriz, nesta ocasión traballou ó lado de xente que acumula unha ampla experiencia no mundo da interpretación. Como viviu esta situación?

–Aínda que soe a tópico, a verdade é que aprendín moitísimo, porque traballei con xente que leva trinta anos na profesión. Creo que funcionou moi ben a mistura entre xente nova e outra con más experiencia. Persoalmente, rodar tanto tempo en plató tamén me resultou moi instructivo, porque eu sempre o fixera en exteriores. Nesta ocasión, toda a rodaxe se realizou en plató, excepto unha semana que o fixemos fóra. Foron momentos moi intensos, tivemos unha gran cantidade de traballo, pero o bo ambiente que había no equipo, sen grandes individualidades, axudou moito. O ritmo era tan acelerado que sen un equipo bo e solidario, a cousa non funcionaría. Foi un pracer.

–Como describiría a Elba, a súa personaxe na serie?

–Elba é branca, pura, noble e humilde. É unha personaxe que evolucionará moito co paso dos capítulos, pero ó principio vive un pouco ensombrecida pola súa irmá, que morre no primeiro capítulo. A serie comeza cun drama moi gordo e ela está sumerxida nese contexto, que a supera un pouco.

–Cara onde evolucionará a personaxe de Elba nos vindeiros capítulos?

–Haberá unha evolución clara, porque esta personaxe está como moi contida. Elba é moi xenerosa, entón parece que se preocupa polo resto, máis que por ela mesma. O normal é que, nalgún momento, Elba acabe por estoupar.

–Vou facer que se venda un pouco: Como se definiría a vostede mesma como actriz?

–É unha pregunta moi difícil. Son unha actriz que necesita nutrirse de experiencias constantemente para mellorar. Creo que son unha artista ecléctica que pode resolver ben o seu traballo e chegar a diferentes lugares. Pero iso, sempre ca necesidade de seguir aprendendo e de conectar ca xente.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents